Celebracións patronais
San Fiz e Santo Antonio tiveron festa en Margaride
A parroquia silledense celebrou dúas xornadas festivas con misas, procesións, verbenas e sesións vermú nun lugar marcado pola torre medieval de Costela e pola pegada do pintor Manuel Colmeiro

Unha estampa da celebración festiva. / Daniel González Alén.
A parroquia de San Fiz de Margaride, no municipio de Silleda, honrou a pasada fin de semana ao seu patrón San Fins e a Santo Antonio, con senllas misas solemnes e procesións que oficiou o párroco José Pérez, e sesión vermú, xantares con festeiros nas casas e verbenas que amenizaron os grupos Yucatán e Banarama o sábado e Rubí e Óbice o domingo. Tamén houbo sorteo sorpresa na III Festa Ibicenca, con música, diversión e sesión de fogos, que estouparon en abundancia ao longo das dúas xornadas festeiras.

Entrada dos santos na igrexa ao remate da procesión. / Daniel González Alén
Os actos relixiosos celebráronse na pequena pero moi lucida igrexa parroquial, na que destaca o seu campanario barroco, ao que se accede por unha robusta escaleira de pedra, dende o que se outean por riba dos carballos, piñeiros e bos exemplares de sobreira, os cumes do monte San Sebastián e do Chamor e ofrece boas panorámicas desta pequena parroquia de pouco máis dun cento de habitantes que suca o río Toxa, que salva o Camiño de Santiago pola reformada ponte de Gamil e movía varios muíños, coma os do Freixo e o Novo antes da súa confluencia co río Escuadro e logo o muíño de Covián, o maior de Deza, que comparte con Rellas e Negreiros.

Curiosa imaxe de Santa Ana coa Virxe e o Neno. / Daniel González Alén.
A igrexa, erguida no estilo barroco imperante no século XVIII, foi reformada e ampliada en varias ocasións, a última no ano 1920, segundo reza unha inscrición na ábsida. No retablo principal, que preside unha imaxe da Virxe Inmaculada, vense outras máis antigas de San Marcos Evanxelista, A Virxe do Carme, San Ramón Nonnato, que tamén ten festa en agosto, o patrón San Fins, Santa Margarida, Santo Antonio, estas tres últimas saen en procesión nestas festas. En dous nichos das paredes laterais, unha coa imaxe de Santiago Apóstolo e a outra coa de Santa Ana co seu neto Xesús, a Virxe María e o Demo ao que afasta cun florete na man, conxunto este única na nosa comarca e aínda en Galicia, tal como nos informa o esperto dezao José María Ezequiel Ferrer.

Na parroquia tivo morada e estudo o célebre pintor Colmeiro.
No camposanto que rodea a igrexa está a tomba do célebre pintor Manuel Colmeiro Guimaras (Silleda, 1901- Salvaterra, 1999), –«Pinté y amé a mi pueblo»–, que, aínda que nado en Chapa, en Margaride tiña a súa casa grande, construída no século XIX, con lareira e lagar, ampla solaina, hórreo de catro claros, pechado todo por un erguido valado de pedra con típico portalón, a pe dun vello camiño que preside un cruceiro sen imaxes. Nesta casa grande de Costela naceu a súa filla, Elena Colmeiro González (1932-2021), que destacou como escultora e ceramista, sendo recoñecida co nomeamento de académica de honra da Academia Galega de Belas Artes. Unha das súas innumerables obras, unha árbore branca en madeira duns catro metros de altura que foi doada ao Concello de Lalín, pode ollarse no Museo Municipal Ramón Mª Aller, da capital de Deza.

Cruz de pedra a pé do Camiño de Santiago por Margaride.
Casa torre de Costela
No mesmo lugar de Costela érguese a casa-torre deste nome, que, xunto coas de Cira, en Silleda, e Fafián, en Rodeiro, son os exemplares máis notables de torres medievais existentes na comarca dezá. Esta de Costela foi rehabilitada en tempos recentes, xunto con outras edificacións do entorno para residencia familiar privada. As de Cira e Fafián seguen agardando unha urxente restauración e incorporación e posta en valor. A torre defensiva construída no século XV, que sería despois tulla, cárcere e vivenda, consta de dúas plantas e rocho, duns 60 metros cadrados cada unha, conserva a porta de acceso e varias ventás saeteiras e portas orixinais e no lintel dunha delas, un escudo cun lobo dos Moscoso e nos muros, outros dous moi desgastados, o que non permite saber as súas armas, e seica había un cuarto escudo que a erosión arrasou. Da torre e das familias fidalgas que a posuíron tratan con detalle os historiadores Rubiá e Buxán no seu libro Pazos y moradas fidalgas de Deza.
Tamén son de mérito e de certa antigüidade a casa señorial de Vista Alegre, referida nas Guerras Carlistas en Trasdeza, a casa de Méndez, dedicada ao turismo rural, ao igual ca outras, coma a do Ecohotel Nós, negocios situados a beira da estrada de Ourense a Santiago.
Suscríbete para seguir leyendo
- Dónde (y dónde no) ver el eclipse de este miércoles cerca de Vigo
- El Gobierno descarta dar un «no» a la planta de SAIC en Ferrol por la seguridad nacional y le pondrá condiciones si es necesario para blindar su viabilidad
- Del hospital Álvaro Cunqueiro a Londres para estudiar a los atletas de gran corazón
- Denuncian a la protectora Os palleiros de Pontevedra por la desaparición y acogida posterior de una perra en Poio
- Pinchan las ruedas de 10 coches de portugueses en la playa de Areacova
- Tsygankov se suma a la ecuación del ataque del Celta
- Menores con adulto y permiso parental se quedaron fuera de la platea de Castrelos para ver a Abraham Mateo: «Sé que es la ley, pero...»
- «Pocas capturas»: Malvinas echa el cerrojo a la pesquería de calamar para los 16 buques de capital gallego