Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Política social

Lalín estrea o primeiro Punto de Encontro Familiar do Deza para dar cobertura á comarca

Este novo recurso social, situado nunhas instalacións rehabilitadas grazas a un investimento municipal superior aos 120.000 euros, ofrece espazos seguros e neutrais para os encontros familiares tutelados

O alcalde, José Crespo, e a conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, visitaron o novo PEF de Lalín.

O alcalde, José Crespo, e a conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, visitaron o novo PEF de Lalín. / Bernabé / Javier Lalín

¿Ya nos sigues?Márcanos como medio preferente
Añádenos en Google
Lalín

A comarca do Deza conta dende este xoves cun novo recurso de carácter social e familiar trala inauguración do Punto de Encontro Familiar (PEF) de Lalín. As novas instalacións, que comezan a funcionar para dar servizo a decenas de familias da contorna, foron visitadas polo alcalde do municipio, José Crespo, e pola conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García.

O espazo centralizará os encontros de unidades familiares en situación de vulnerabilidade ou risco de desprotección de toda a comarca, evitando así que os pais e nais teñan que desprazarse longas distancias. O Punto de Encontro Familiar prestará servizo de mércores a domingo.

Durante a visita inaugural, o alcalde de Lalín, José Crespo, amosou a súa satisfacción pola posta en marcha dun servizo largamente agardado na zona: «Poñemos en marcha un servizo que tiñamos moitas ganas de que funcionase. Vendo como quedaron as instalacións, da gusto ver como se executou a obra, dentro de que era un inmoble que tiñamos no Concello e que presentaba unhas condicións un pouco precarias e quedou fantástica».

O primeiro edil tamén engadiu que « a partir de agora é un servizo máis que ten Lalín e que ten esta comarca, e alegrámonos de poder dalo porque o importante é que nos ocupemos dos meniños que teñen os seus pais con algún tipo de problema».

Pola súa banda, a conselleira Fabiola García puxo en valor a colaboración entre administracións para facer realidade este proxecto, destacando o esforzo inversor do consistorio lalinense. «É un gusto poder visitar este novo Punto de Encontro Familiar. Estes puntos son servizos moi necesarios para as familias, e fundamentais para os nosos nenos e nenas. Lalín abre un novo PEF que non soamente lle da servizo aos veciños deste concello, senón que llo dará a todos os da comarca, co cal evitaremos que os pais e as nais se teñan que desprazar moitos quilómetros de distancia».

A conselleira tamén sinalou a importancia de achegar este tipo de prestacións aos concellos comarcais: «Son 11 puntos, xunto con este, os que funcionan neste momento en toda Galicia, nas principais cidades, pero tamén noutros concellos comarcais máis pequenos. Damos as grazas ao Concello de Lalín porque nos cedeu estas dúas vivendas e investiu máis de 120.000 euros para reformalas e dar este servizo tan necesario a todos os veciños».

O PEF de Lalín forma parte dun plan autonómico que inclúe a recente apertura doutros dous centros nas comarcas da Mariña e de Verín, mobilizando preto de 700.000 euros en infraestruturas e 1,4 millóns de euros para a licitación da súa xestión.

Estes espazos están concebidos como contornas neutrais e seguras onde profesionais especializados en materia de infancia velan pola integridade dos menores, realizando un seguimento individualizado das visitas fixadas polos xulgados en procesos de separación conflitivos e actuando como garantía de protección para as familias.

Tracking Pixel Contents