Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Viveiro homenaxea a José Travieso, autor do mítico tema folk «Catro vellos mariñeiros»

A homenaxe de Viveiro a José Travieso reivindica o autor da peza convertida en himno popular galego, e serve tamén para lembrar a súa faceta xornalística, a súa pegada no deporte e os vínculos familiares que o unen coa Estrada

Fotografía de José Travieso sobre a partitura da popular obra musical.

Fotografía de José Travieso sobre a partitura da popular obra musical. / Cedida

¿Ya nos sigues?Márcanos como medio preferente
Añádenos en Google

Ricardo Terceiro

Síntome honrado coa invitación que me fixo Javier Travieso para participar na homenaxe que hoxe lle brinda o pobo de Viveiro no Teatro Pastor Díaz ao seu pai, José Travieso, autor de Catro Vellos Mariñeiros, un dos temas máis míticos do noso folk galego.

Moita xente asume que Catro Vellos Mariñeiros é unha copla popular galega que naceu nas tabernas dos peiraos. Pero a obra de José Travieso foi tan boa e calou tanto no pobo que ata fixo esquecer o nome de quen a escribiu.

Anos máis tarde o seu fillo, Javier Travieso, foi quen de conseguir inscribir o nome do seu pai como propietario e con todos os dereitos de autor desta peza tan popular.

Catro Vellos Mariñeiros é unha das poucas cancións que traspasaron a barreira do escenario para converterse nun «himno de taberna».

É das poucas cancións que traspasaron a barreira do escenario para converterse nun «himno de taberna»

Dende a maxestuosa interpretación de A Roda, con Fito poñendo a súa voz para as capturas de «bocarte, sardiñas... e xurelos pequenos», e daquela, con 60.000 discos vendidos, pasando por Xoan Rubia, por Treixadura, por Liah and Kelly, dúas británicas afeccionadas á música que tamén se atreveron a entonala en galego diante dunha cámara doméstica e coas guitarras na man, non podía faltar Paloma San Basilio no Luar, nun atraco-improviso cun papel que lle deu Gayoso no que estaba escrita a letra da canción. Lucía Pérez con Escolma de Meus, que aclara que os mariñeiros van indo «pra Viveiro» e non a Celeiro. A versión videoclip de Uxía Lambona e a Banda Molona, que fan humor e arte do «ailalelo, ailalelo».

A adaptación con arranxos clásicos do Cuarteto de Corda do Conservatorio de Viveiro, para gaita a cargo de Xurxo Jachia, para polifónica do Coro de Viveiro, o coro do Apóstol Santiago ou a Coral Alborada. Para piano, de Alberto Rivas; para acordeón, por Carlos Alonso ou Luis Pascual.

En fin, unha peza que adquiriu tal proxección na música tradicional galega que non falta nunca nun festival dun colexio, nin nos cantos de taberna en noites longas de inverno e de verán.

A miña afección ao deporte e os anos que nos van pasando polo lombo fixeron que coñecese a andadura profesional de José Travieso a través do seu traballo en El Correo Gallego, onde tanto falaba da sociedade compostelá como de gastronomía ou dos amigos, como Lalo Varela que xogaba de central no Deportivo Estradense dos anos 60.

Era cronista ou «articulista satírico» das aventuras e desventuras dos primeiros tempos da S.D. Compostela. Mesmo lle deu un toque de humor cando o Estradense lle gañou aos santiagueses aquel «Trofeo Callobre» do 62 no que Alfonso Carracedo foi a figura do encontro, adornando coas súas paradas todos os balóns que lle chegaban á portería. Travieso puxo na súa crónica esta frase: «Ganó Carracedo por 2 a 1».

Casualidade

O seu fillo Javier veuse dar cos seus ósos na Estrada porque casou con Mercedes Garrido, a directora da Biblioteca Municipal, desde un martes e trece do 83 ata novembro de 2020. Dela fun compañeiro nos estudos, tanto no instituto como na Facultade de Xeografía e Historia, e de traballo nos últimos meses da nosa vida laboral.

Destas coincidencias estudiantís e laborais con Mercedes saíu unha amizade con Javier, e dende aí xurdiron cafés coas correspondentes tertulias por entregas, inacabadas algunhas e aprazadas outras.

Nesas conversas Javier falábame do seu pai, decía que traballaba en El Correo Gallego, e eu faláballe dun xornalista que firmaba cun nome que eu pensaba que era un pseudónimo: «Travieso», polo ton que empregaba nas súas crónicas.

A casualidade deu como resultado que falabamos da mesma persoa e que «Travieso» era un apelido.

Suscríbete para seguir leyendo

TEMAS

Tracking Pixel Contents