Patrimonio comarcal
O SED impulsa novas accións culturais e de investigación sobre Deza
O Seminario de Estudos prepara o novo 'Anuario Descubrindo', unha excursión a Ourense e actividades arredor de Francisco Vilariño, Ruth Matilda Anderson e Joaquín Loriga

Reunión do grupo de coordinación do SED. / Cedida

O grupo de coordinación do Seminario de Estudos de Deza celebrou recentemente unha reunión de traballo na que definiu as liñas de actuación para os vindeiros meses, segundo informou a concelleira de Cultura de Lalín, Begoña Blanco. No encontro avaliouse o estado do vindeiro número do Anuario Descubrindo, para o que xa se recibiron seis orixinais. A publicación ten como obxectivo promover a investigación e a difusión do coñecemento sobre a comarca. O prazo para enviar traballos continúa aberto, cando menos, ata o 31 de agosto. As persoas interesadas poden remitir artigos inéditos sobre calquera aspecto da realidade histórica, cultural, social, patrimonial ou económica de Deza ao correo descubrindodeza@gmail.com.
O SED tamén barallou a posibilidade de volver abrir o prazo para a presentación de traballos destinados á colección Deza Básicos, centrada na divulgación de estudos monográficos sobre Lalín e a comarca. A medida está aínda pendente da aprobación das bases da convocatoria e da fixación do prazo de presentación.
No apartado de actividades complementarias, o seminario prepara unha excursión á provincia de Ourense dentro do programa Coñecendo Galicia, con posibles destinos como Allariz, Celanova ou Amoeiro. A actividade será aberta ao público e o Concello de Lalín asumirá o custo do desprazamento en autobús ata completar as prazas dispoñibles.
O grupo de coordinación acordou tamén devolver a visita realizada polo SED a Mondoñedo en novembro de 2025, onde o anfitrión foi o escritor, crítico literario e investigador Armando Requeixo, director da Casa Museo de Álvaro Cunqueiro. Requeixo será convidado a visitar Lalín, coa posibilidade de ofrecer unha conferencia sobre Cunqueiro.
A programación de 2026 incluirá ademais unha homenaxe polo centenario de Francisco Vilariño García, mestre e un dos primeiros grandes cronistas e historiadores da comarca. O SED prevé organizar unha conferencia ou mesa redonda para abordar diferentes aspectos da súa figura e legado.
Tamén se desenvolverá algunha actividade conmemorativa polo centenario do paso da fotógrafa estadounidense Ruth Matilda Anderson por Lalín nas súas campañas entre 1924 e 1926. De cara a 2027, o Seminario orientará boa parte da súa actividade ao centenario de Loriga, coa intención de crear un grupo de traballo para preparar un libro ou monografía arredor da súa figura.
- Muere un marinero del cerco en un accidente mientras faenaba en las Cíes
- El Náutico de San Vicente vuelve a instalar una valla opaca para ocultar sus conciertos y reducir los problemas que causan
- Un incendio forestal que ya supera las 20 hectáreas moviliza decenas de medios en Ponteareas
- Manuel Freire y Dolores Pastoriza celebran los 60 años de casados
- La universidad pasa factura emocional en Galicia: casi 500 estudiantes piden ayuda psicológica a sus campus en un año
- Muere en Ourense Marcos Rodríguez Pantoja, el hombre que vivió más de una década aislado con lobos en Sierra Morena
- Un lunes de colapso en las carreteras de O Morrazo
- Portugal perfila los 12 trenes con los que unirá con Alta Velocidad Lisboa, Oporto y Galicia: más de 500 plazas en dos clases y sin cafetería