Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Cita gastronómica en Arousa

Vilanova convida en Lalín á súa 32ª Festa do Mexillón e do Berberecho

O acto pon en valor a irmandade culinaria entre a costa e o interior cun menú degustación

Membros da corporación de Vilanova e Lalín na presentación da Festa do Mexillón e do Berberecho.

Membros da corporación de Vilanova e Lalín na presentación da Festa do Mexillón e do Berberecho. / Bernabé / Javier Lalín

¿Ya nos sigues?Márcanos como medio preferente
Añádenos en Google
Lalín

Lalín converteuse este luns punto de encontro entre a costa e o interior galego ao acoller a presentación da 32 edición da Festa do Mexilón e do Berberecho de Vilanova de Arousa. O acto serviu para escenificar a irmandade gastronómica entre dous dos concellos con maior peso culinario de Galicia.

A concelleira de Cultura de Lalín, Begoña Blanco, destacou que a Feira do Cocido e esta cita mariñeira comparten valores fundamentais como «o respeto polo produto, a defensa da calidade e o orgullo da nosa tradición». Pola súa banda, o concelleiro de Cultura de Vilanova, Javier Tourís, convidou a todo o mundo a desfrutar dun evento que cualificou de «espectacular».

A festa abrirá as súas portas oficialmente o xoves á unha da tarde nunha carpa que acollerá actividades durante catro xornadas intensas. Entre os atractivos principais figuran actuacións musicais de gran nivel, como as da Orquestra Panorama e do grupo Treixadura, a celebración o sábado dunha tradicional procesión na honra do Carme e coa xornada grande do domingo.

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Pablo Fernández, tamén presente na presentación subliñou o labor formativo dos alumnos do obradoiro de emprego de Vilanova, encargados de servir a degustación do produto no interior do edificio sociocultural da rúa Manuel Rivero.

Pola súa banda, o alcalde de Lalín, José Crespo, celebrou que se elixa esta localidade para este tipo de iniciativas, lembrando que «a gastronomía é unha seña da terra e do turismo». En concordancia, o rexidor de Vilanova, Gonzalo Durán, fixo fincapé no recoñecemento do concello como Festa de Interese Turístico Nacional e bromeou coa simbiose entre ambos os produtos: «O mexillón vale para tomalo antes, durante e despois do cocido».

Para pechar a xornada, os asistentes puideron saborear un menú degustación que incluíu pratos como dip de mexillón crocante e gazpacho de tomate asado con mexillón escabechado; medallón de mexillón sobre tosta mariñeira; ensalada de fabas, berberechos, salmón e vinagreta de mango e guiso meloso de mar e terra, e mexillóns á mariñeira.

Tracking Pixel Contents