Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Patrimonio relixioso: a igrexa de Cervaña

A inscrición de 1594 alude a unha ampliación da igrexa de Cervaña, non á súa construción, que a documentación e a análise arquitectónica sitúan antes de 1520, con restos góticos tardíos, reformas posteriores e pegadas do asalto francés de 1809

Inscrición no interior de San Salvador de Cervaña, detalles da bóveda e imaxe do patrón da parroquia datada no ano 1867. | FDV

Inscrición no interior de San Salvador de Cervaña, detalles da bóveda e imaxe do patrón da parroquia datada no ano 1867. | FDV

¿Ya nos sigues?Márcanos como medio preferente
Añádenos en Google

J.M. Bértolo- Luís Ferro

Silleda

A igrexa parroquial de San Salvador de Cervaña é considerada erroneamente de finais do s. XVI, máis concretamente do ano 1594, debido á inscrición que hai sobre o arco principal que dá paso ao presbiterio. A inscrición di: ESTA OBRA MANDO HACER P(edro) F(e)R(nández) Vº(i)C(ario) A SU COSTA COMO C(l)E(ri)GO // PATRONO IN SOLIDU(m) QUE ES D(e) ESTA IGL(esia) I SU ANEJO S(an) MIG(u)EL DE LAMELA P(er)PETUO AÑO 1594

O vigairo e párroco de Cervaña que aparece citado na inscrición era Pedro Fernández de Deza, que tamén edificou a capela anexa.

Agora ben, esa inscrición fai referencia a unha ampliación en canto á nave. Na escritura de fundación da capela anexa a esta igrexa don Pedro di: por cuanto […] tengo hecho y edificado pegado y junto a la dicha iglesia de San Salvador de Cerbaña una capilla de advocación de nuestra señora de la piedad donde estaba hecho y edificado otra capilla pequeña que habia hecho Domingo Fernández clérigo mi tío difunto de que soy patrón y heredero, y es mi voluntad dotarla…

A igrexa  de Cervaña

A igrexa de Cervaña / FDV

Polo tanto, cando foi edificada a capela, entre 1578 e 1591, xa estaba construída a igrexa. E ademais di que cando o seu tío Domingo edificou unha pequena capela, xa existía a igrexa, e Domingo foi reitor de Cervaña desde a década de 1520 ata finais dos 50, como se pode ver en distintas escrituras de foro que fixo dito Domingo. Así que, aínda que non podemos precisar a data de edificación da igrexa, ten que ser anterior á década de 1520 e seguramente arredor do ano 1500 ou antes.

Outro argumento a favor da ampliación da nave é que o presbiterio ten de ancho un tamaño menor que a nave, e así do lado do evanxeo a nave é un metro máis ancha que o presbiterio, mentres que do lado da epístola non puido ser ampliada a nave, porque estaba xa edificada a capela de Nª Señora da Piedade. Isto vese claramente ao ver que non coinciden o vértice do arco triunfal e o antigo vértice (agora queda a súa pegada) do teito.

Tamén hai unha clara diversidade construtiva entre a ábsida da igrexa e a súa nave. Mentres que a ábsida esta edificada toda ela con bos perpiaños e con bóveda de cruzaría, as paredes da nave mostran moita cachotería e o teito é de madeira.

O presbiterio da igrexa é de planta cadrada cunha bóveda de cruzaría sobre arcos apuntados, é dicir, ten dous nervios diagonais que arrancan das ménsulas e catro panos de plementería, que son os espazos que quedan entre os nervios e a bóveda. Pero aquí engádense outros nervios, chamados terceletes, que a diferencia dos nervios verdadeiros, os terceletes non pasan polo centro da bóveda, quédanse a metade de camiño e empalman uns con outros mediante ligaduras e cos nervios principais. Este tipo de cruzaría é típico da época gótica tardía.

Todos estes nervios descansan en ménsulas, pezas de pedra encaixadas nos muros, que facilitan a transición de cargas e aforrando material en soportes verticais.

A clave

A clave (ou pedra clave) é a doela central e superior da bóveda, fundamental para a súa estabilidade estrutural. Esta peza en forma de cuña é a última peza que se coloca durante a construción e, neste caso, está ornamentada cunha flor de lis e cos utensilios necesarios para a celebración da misa, un cáliz, unha hostia, dúas viñateiras para auga e para viño e uns corporais. As interseccións entre terceletes e ligaduras cóbrense con floróns, de tamaño máis reducido que a clave e aos que ás veces se lles chama claves menores.

Tanto as paredes como teito e tellado da igrexa foron reparados moitas veces, sendo en 1806 cando tivo unha importante actuación, facéndolle un novo teito, dándolle cal por dentro e encintando por fóra. E se nos fixamos, houbo non hai moito un repicado das paredes, agás na zona da tribuna, e ademais cambiouse o teito subíndoo un pouco, do que queda a pegada sobre o arco triunfal por riba da inscrición xa comentada.

Do lado da epístola hai dous arcos que permiten acceder á capela contigua. A que está no presbiterio é máis antiga, quizais feita sobre os anos 1530-40 por Domingo Fernández de Deza, ao edificar a pequena capela xa mencionada. O outro arco, máis grande, fíxoo en 1594 o vigairo Pedro, edificada xa a capela, cando fixo a ampliación da igrexa.

Imaxe do patrón da parroquia ata o ano 1867.

Imaxe do patrón da parroquia ata o ano 1867. / FDV

Actualmente a igrexa ten un retablo de estilo neoclásico construído no ano 1863 e que costou 1.600 reais, sen contar os 500 reais que se pagaron en 1867 pola súa pintura. Consta de dous pares de columnas con capiteis compostos que sosteñen un entaboamento, base dun arco que enmarca a parte central do altar. Sobre o sagrario un pequeno pavillón formado con catro columnas, que á súa vez serve de podio para a imaxe do Salvador, patrón da parroquia, que coa man dereita está en actitude de bendición e coa outra man sostén a esfera do mundo.

Asalto francés de 1809

A imaxe actual do patrón da parroquia, pois anterior estaba moi deteriorada, data do ano 1870, e costou 500 reais. Completan a imaxinería da igrexa as imaxes do Corazón de Xesús, a Virxe María, san Roque, a Virxe do Carme, san Antonio e san Xosé, imaxe esta que destaca pola súa perfección.

No ano 1793 foi elevado o corpo do campanario para poñer nel dúas campás, en 1829 levantouse o muro do adro, que ata entón estaba feito a medias, e en 1848 rematouse esta obra facendo a portada e as escaleiras que dan acceso ata a igrexa e capela.

Por último e como curiosidade, dicir que as tropas francesas derrubaron en 1809 as portas da igrexa, esnaquizaron algúns ornamentos, como a custodia, e «extraviaron» outros, como o cáliz.

Suscríbete para seguir leyendo

Tracking Pixel Contents