Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Festas patronais

Saa honra a Santiago entre o mosteiro e a Pena de Francia

A parroquia dezá celebrou o patrón con misa, procesión e música dos Trasnos de Doade nun territorio marcado pola gandería, a arquitectura popular e a pegada histórica do mosteiro de Dozón

¿Ya nos sigues?Márcanos como medio preferente
Añádenos en Google
Dozón

Ao igual que outras dezaseis parroquias de Deza, a de Saa ten ao Apóstolo Santiago por o patrón e no 25 de xullo vén celebrando festa, gardando cartos e forzas para as da Virxe das Dores en tres xornadas festeiras en setembro, polo que nesta ocasión só tiveron misa solemne, procesión ata o cruceiro e sesión vermú, coa música do grupo de gaitas Os Trasnos de Doade, que tamén participou nos actos relixiosos. Non faltaron as bombas nin os xantares con invitados nas casas.

O nome de Saa figura nun documento de 1167, no que o rei Fernando II doa á abadesa do mosteiro de Dozón, Tareixa Pérez, a metade da igrexa de Santiago de Saa e, pouco despois, en 1170, noutro polo que Urraca Bermúdez e familia danlle á mesma abadesa outra metade da igrexa de Saa, un casar enteiro en Amedo, con todo o seu reguengo, e os de Piñeiro e Saa. O topónimo Saa, de orixe xermánica, segundo os entendidos, significa sala, corte ou cámara.

Na igrexa barroca do século XVIII, de boas dimensión e coas naves en cruz latina, chama a atención a orixinal e ben labrada cúpula barroca, que polo interior do templo ten pinturas policromadas, ao igual cós arcos e as paredes do presbiterio, medio cubertas de cal, cando foi ampliada a finais do século XIX, sendo crego da parroquia e arcipreste de Dozón Juan Diéguez Nogueira, finado en 1902, do que queda lembranza nunha inscrición no arco triunfal e nunha lápida na fachada principal da igrexa. Nun lateral da fachada principal que coroa o campanario barroco, no que a campá maior fora fundida polos Campaneiros Taboada de Moneixas en Lalín e a outra polos Ruíz de Castrelo en Val de Ourense, hai un reloxo de sol de cantería. Barrocos tamén son os retablos da igrexa, policromados e con relevos ben tallados. No principal, xunto á do patrón Santiago, están as imaxes da Virxe, de Santo Antonio, Santa Lucía, San Xosé e San Ramón, entre outras. Os retablos das capelas laterais están dedicados á Virxe das Dores e Cristo Crucificado.

Sepulcro dunha abadesa

A igrexa, que debeu ser séculos atrás románica, sufriu reformas e ampliacións, a máis importante na época dourada do barroco. De séculos atrás, poden verse no chan da nave principal, labradas lousas baixo as que se enterraba os mortos da parroquia ata ben entrado o século XIX, a pía bautismal e os contrafortes da ábsida. No chan do presbiterio hai unha lauda sepulcral con gravados, que segundo o que foi párroco desta igrexa, o prezado amigo Manuel Civeira, pertenceu a unha abadesa do mosteiro de San Pedro de Vilanova de Dozón, xa que estas terras de Saa formaban parte do seu Couto Real. O sartego desta tumba medieval podería ser un que está no camposanto, arrimado á parede sur da igrexa. Un cruceiro procesional, de cando a igrexa, aínda que reconstruído hai poucos anos, coas imaxes de Cristo e a Virxe dos Dores e o patrón Santiago no fuste, preside o campo da festa.

Terras de gando e praderías

A parroquia de Saa destaca pola notable cabana gandeira de vacún que mantén nas súas fértiles praderías, regadas polos afluentes dos ríos Asneiro e Arnego -que por aquí movían tres muíños, un deles de dous pés de moa-, baixando pola aba da Pena de Francia, afamado santuario que preside estas terras de Dozón, xa poboadas polos habitantes da prehistoria que moraron no castro de Amedo, continuamente mutilado pola man do home.

Na parroquia consérvanse boas mostras da arquitectura popular, hórreos de ata cinco claros e senllos fornos comunais na Lama e Amedo, lugar este onde tamén se pode ollar un gran pombal.

Suscríbete para seguir leyendo

Tracking Pixel Contents