Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Memoria dunha parroquia

Diego Frade presenta o seu libro sobre Ponte: «Todos somos responsables da nosa historia»

O autor da a coñecer nun local social abarrotado unha obra de case 450 páxinas que reconstrúe a memoria da parroquia a partir de documentos, arquivos e tradición oral. A publicación, froito dunha década de investigación, busca dignificar o ámbito rural e salvagardar a memoria colectiva. É un proxecto aberto de arquivo histórico e fotográfico para que os veciños colaboren na conservación do seu pasado

Conde, Porral, Frade, Galego e Salgueiro, durante o acto.

Conde, Porral, Frade, Galego e Salgueiro, durante o acto. / Bernabé / Amanda Castro

¿Ya nos sigues?Márcanos como medio preferente
Añádenos en Google

X.P.

Silleda

O local social de Ponte quedou este domingo pequeno para acoller a presentación de Ponte. Unha historia a carón do Deza, o libro de Diego Frade Amil que percorre a memoria, a evolución e as persoas que foron dando forma a esta parroquia silledense ao longo dos séculos. O acto, ateigado de veciños, contou coa intervención do autor, do párroco Luis Galego García, o profesor Xoán Carlos García Porral e a concelleira de Cultura de Silleda, Mónica González Conde, baixo a presentación de Xan Salgueiro, xornalista natural da parroquia.

A xornada tivo un marcado ton emocional, tanto polo contido da obra como pola forte presenza veciñal. Salgueiro abriu a presentación cunha idea que percorreu boa parte do acto: «Tería que haber un Diego Frade en cada parroquia», frase coa que Xoán Carlos García Porral inicia tamén o limiar do volume. O presentador definiu a obra como «un acto de amor por unha parroquia, pola súa xente, pola súa memoria e pola súa maneira de estar no mundo», e reivindicou a importancia de salvar do esquecemento aquilo que moitas veces só vivía na palabra dos maiores.

O público desbordou o aforo do centro social.

O público desbordou o aforo do centro social. / Bernabé / Amanda Castro

Luis Galego García, cura de Ponte desde 1958, falou emocionado dun libro que, segundo indicou, «resucita a Ponte» e convértese nun «fermoso agasallo para todos os veciños desta parroquia». Tamén subliñou que a obra é Ponte, pero tamén «bisbarra, Galicia e España», pola documentación na que se apoia, que esixiu do autor «non centos, senón miles de horas» de dedicación.

Xoán Carlos García Porral, profesor, escritor e autor do limiar, destacou a importancia de investigar a historia das parroquias e a chamada «historia pequena», a que moitas veces non chega ás instancias académicas. «Teria que haber un Diego Frade en cada parroquia», insistiu, antes de defender que os lugares, as aldeas, os castros, as igrexas, os cruceiros, as festas, as lendas ou os microtopónimos definen unha comunidade e a poñen en relación coas demais. García Porral salientou, ademais, a xenerosidade do autor, ao compartir «centos de horas de traballo» nun libro que dignifica o rural a través da investigación, o coñecemento e a divulgación.

O autor, entre Porral e Galego.

O autor, entre Porral e Galego. / Bernabé / Amanda Castro

A concelleira de Cultura, Mónica González Conde, cualificou a publicación como un traballo feito «con respecto, con rigor e cunha paixón contaxiosa». Lembrou que se trata dun libro de case 450 páxinas, froito de moitas horas de arquivos, lectura e investigación, pero tamén de paciencia e xenerosidade. A edil destacou que a formación matemática de Diego Frade lle achega método e rigor á obra, mentres que a súa paixón pola historia de Ponte lle dá alma. Tamén avanzou que o Concello colaborou coa publicación e que o libro estará nas bibliotecas públicas e no maior número posible de centros sociais.

O momento central chegou coa intervención de Diego Frade Amil, que explicou a xénese dun proxecto iniciado no ano 2012. Aquel foi, segundo relatou, o punto de partida dun traballo que naceu tras escoitar desde pequeno as historias do seu pai e que comezou a tomar forma cando pediu a don Luis acceso á documentación do arquivo parroquial. A partir de aí, foi tirando de documentos, datos e fíos que chamaban a outros fíos, nun proceso que se prolongou durante anos.

Vista do local ateigado de xente.

Vista do local ateigado de xente. / Bernabé / Amanda Castro

O autor lembrou tamén o papel que tiveron as publicacións en FARO DE VIGO na difusión das primeiras investigacións sobre Ponte. Segundo explicou, tras reunir os primeiros materiais acudiu a Xan Salgueiro para valorar a posibilidade de publicalos na prensa. Aquel primeiro artigo, aparecido en setembro de 2012, sentou as bases dun proxecto que daquela non tiña aínda a intención clara de converterse nun libro, pero que foi medrando con novas consultas, documentos, anotacións e versións sucesivas ata desembocar no volume presentado este domingo.

Na súa intervención, Frade ofreceu algunhas pinceladas do contido da obra. Referiuse á ponte que dá nome á parroquia, ás primeiras referencias documentais de San Miguel de Ponte, aos foros, ás compravendas, aos casamentos a troco, aos testamentos e ao Catastro de Ensenada como fontes clave para reconstruír a historia local. Tamén aludiu á construción da capela dos Remedios, ao traslado da antiga igrexa de San Miguel en 1863 e ao impacto que tivo a chegada do ferrocarril na paisaxe e na vida socioeconómica da parroquia.

Diego posa con algúns dos presentes logo de asinar numerosos libros.

Diego posa con algúns dos presentes logo de asinar numerosos libros. / Carmen Frade

Frade detívose ademais nun dos elementos identitarios de Ponte, A Oliveira, lugar tradicional de encontro da veciñanza antes ou despois da misa. A partir desa imaxe, reivindicou a memoria herdada das xeracións anteriores: «Temos que recordar a todos eses que xa non están, a quen lle debemos non soamente o que somos como individuos, senón tamén como colectivo, como parroquia». Nesa liña, afirmou que con esta obra tratou de recuperar parte desa memoria, especialmente a conservada a través da documentación e da tradición oral.

O autor presentou tamén un proxecto aberto de arquivo histórico e fotográfico de San Miguel de Ponte, pensado para reunir documentación e imaxes da parroquia coa colaboración veciñal. «Ao final todos somos responsables da nosa historia, de tomala, de conservala, de tomala de quen nos precedeu e de conservala para quen nos suceda», afirmou.

Pinchos na entrada do local social.

Pinchos na entrada do local social. / Julio Tato

Na parte final, Diego Frade agradeceu o apoio recibido por parte de Edicións Fervenza, do Concello de Silleda, de Xosé Ramón Pérez Salgado, de don Luis e de Xoán Carlos García Porral. Tamén tivo palabras para Xan Salgueiro, ao que agradeceu que se deixase «liar» para presentar o acto, pero sobre todo por abrirlle camiño na prensa para que as historias de Ponte fosen saíndo á luz ao longo destes anos.

Frade pechou a súa intervención explicando que o libro completa un ciclo iniciado con aquel primeiro artigo de 2012 en FARO DE VIGO, pero advertiu de que a historia de Ponte non remata aquí: «Ao contrario, queda moito».

O acto concluíu cun agradecemento aos asistentes e cun convite a pinchos variados preparados por Casa San Martín, do Corpiño.

Suscríbete para seguir leyendo

TEMAS

Tracking Pixel Contents