Doce meses después de la moción
«Forcarei funciona con estabilidade e unha folla de ruta clara»
«A moción produciuse nun contexto moi concreto, o BNG abandonara semanas antes o goberno local e nós entendemos que había que ofrecer unha alternativa»

A mandataria no seu despacho este mércores. | BERNABÉ/ AMANDA CASTRO
Doce meses despois da moción de censura que o 31 de xullo de 2025 lle devolveu a alcaldía de Forcarei, Belén Cachafeiro fai balance do seu primeiro ano de mandato. A rexedora popular e marca como prioridades para os próximos exercicios a execución dos investimentos comprometidos e a ampliación da oferta de vivenda no municipio.
Cando fai balance deste primeiro ano, de que se sente máis orgullosa?
Creo que o principal logro foi cambiar por completo o rumbo do Concello. Cando entramos atopámonos cunha administración que levaba seis anos sen aprobar un orzamento propio, con máis dun millón de euros en facturas pendentes e con importantes deficiencias nos servizos básicos. Hoxe temos as contas ao día, aprobamos os orzamentos de 2025 e 2026 e conseguimos desbloquear axudas e investimentos. Pero, sobre todo, sinto orgullo da capacidade que tivemos para captar fondos externos. Nun só ano logramos máis de 8,4 millóns de euros en investimentos, unha cifra que supera a obtida polo anterior executivo durante os seus seis anos de mandato. Iso demostra que Forcarei pasou da parálise a aproveitar oportunidades.
En que proxectos lle gustaría que se notase antes o cambio?
O importante é que cada investimento repercuta na vida diaria da xente. A rehabilitación de dez vivendas municipais permitirá ofrecer unha alternativa habitacional a novas familias e contribuír a fixar poboación. Tamén temos arredor de cinco millóns de euros destinados á mellora das infraestruturas viarias, con actuacións en estradas e accesos que levaban anos agardando. A iso súmanse investimentos deportivos, como a recuperación do ximnasio municipal ou o futuro complexo das Maleitas. O obxectivo é que os veciños vexan resultados reais e non só anuncios.
Cal foi o momento máis complicado deste primeiro ano?
O máis difícil foi afrontar ao mesmo tempo todos os problemas acumulados. Tivemos que aprobar contas atrasadas para non perder subvencións, pagar máis dun millón de euros a provedores, reorganizar servizos como o de atención social e revisar situacións que considerabamos irregulares, todo iso cun persoal municipal moi reducido. Ao mesmo tempo había que redactar proxectos e tramitar investimentos históricos. Evidentemente queda moito por facer, porque un ano non chega para solucionar seis de abandono, pero creo que hoxe o Concello funciona con estabilidade e ten unha folla de ruta clara.
A oposición cuestiona a lexitimidade deste goberno nacido dunha moción de censura. Que responde?
A moción produciuse nun contexto moi concreto. O propio BNG abandonara semanas antes o goberno municipal denunciando falta de xestión e parálise. Nós entendemos que, ante esa situación, era necesario ofrecer unha alternativa. A mellor resposta ás críticas é o traballo realizado durante este ano: orzamentos aprobados, débeda saneada e máis de oito millóns de euros captados para investimentos. Creo que a lexitimidade tamén se gaña coa xestión e cos resultados.
Que obxectivos se marca ata o final do mandato?
A prioridade é executar todos os proxectos xa comprometidos, especialmente os relacionados coa mellora das estradas e das infraestruturas. Tamén queremos ampliar a oferta de vivenda, tanto en Forcarei como en Soutelo de Montes, porque é un dos grandes retos para fixar poboación. E seguiremos traballando para captar novos fondos públicos que nos permitan continuar transformando o municipio.
Fálenos da situación económica actual do Concello. Hai capacidade de investimento?
Tivemos que poñer ao día as contas, aprobar os orzamentos e liquidar as facturas pendentes. Iso permitiu recuperar a confianza dos provedores e cumprir coas obrigas ante os organismos de control. O Concello ten estabilidade económica e pode acceder a máis subvencións, licitar obras con garantías e planificar investimentos sen hipotecar o futuro. Esa foi a base do traballo deste primeiro ano.
A tensión nos plenos é continua. Ve posible alcanzar acordos coa oposición no futuro?
Pola nosa parte sempre haberá diálogo. Gustaríame que nos grandes asuntos do Concello fósemos capaces de deixar as diferenzas políticas nun segundo plano. A porta do meu despacho segue aberta para falar de vivenda, infraestruturas, servizos sociais ou dos futuros orzamentos. Os veciños esperan que traballemos para resolver problemas e ese seguirá sendo o noso compromiso.
Suscríbete para seguir leyendo
- Portugal perfila los 12 trenes con los que unirá con Alta Velocidad Lisboa, Oporto y Galicia: más de 500 plazas en dos clases y sin cafetería
- La secuela más desconocida del fentanilo llega a los hospitales vigueses
- Muere en Ourense Marcos Rodríguez Pantoja, el hombre que vivió más de una década aislado con lobos en Sierra Morena
- Un equipo médico para un corazón de 100 toneladas: en las tripas de un titán del mar
- Rescatan a un niño de 5 años que se estaba ahogando en una piscina del balneario de Mondariz
- El Náutico de San Vicente vuelve a instalar una valla opaca para ocultar sus conciertos y reducir los problemas que causan
- Xonxa Otero y Paula Rivas: «Estamos moi felices por ser as primeiras mulleres en poder bailar a danza de San Roque»
- Ni una alerta roja por calor frena la devoción a San Roque: más de 16.000 personas disfrutan de la fiesta patronal