Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Patrimonio

Cruceiros de Cabanelas

No berce do río Umia lograron recuperar un dos símbolos do seu patrimonio máis particulares: os cruceiros

Cruceiro restaurado situado na entrada de Cabanelas desde Liripio.

Cruceiro restaurado situado na entrada de Cabanelas desde Liripio.

¿Ya nos sigues?Márcanos como medio preferente
Añádenos en Google

Luís Ferropego

A Estrada

Cabanelas, berce do río Umia, onde agroman as súas augas no Gurgullón. Cabanelas ten unha veciñanza engaiolada para participar no arranxo e recuperación da súa aldea, onde se poden ver máis dunha ducia de casas ben restauradas, onde loitan para que nese lugar se poida camiñar sen fochancas e que as casas se atopen axeitadas, ademais de coidar e arranxar, cando fai falta, os bens patrimoniais, como pode ser a ermida de Santo Domingo e Santa Lucía co seu campo da festa, onde se atopa un bo labrado cruceiro, un palco da música que se está a recuperar, mesas para xantar baixo a sombra dos carballos e ao fondo do campo o cemiterio do lugar, único pobo do concello da Estrada que ten cemiterio propio.

Se camiñamos polas súas rúas, chama a atención ver o nome de persoeiros, que xa non se atopan entre nós, poñendo en valor as prazas e rúas, como Praza dos Arrieiros, Praza de Filomena da Mariana ou Praza de Francisco Nercellas. Tamén atopamos limpa e arranxada a fonte con dúas pías, que servía de bebedoiro para a recua de mulas dos arrieiros que habitaron Cabanelas noutros tempos.

Este ano polas festas de Santo Domingo e Santa Lucía contan coa participación dun grande escritor, un dos grandes bardos actuais, Xosé Luna Sanmartín, que será o encargado de pronunciar o pregón antes da misa. Así mesmo o señor cura párroco bendicirá o cruceiro que se acaba de restaurar, pois este ano, en efecto, fíxose a recuperación do cruceiro que se atopa na entrada do pobo.

Sobre unha base de xisto con dous chanzos, desgastados polos elementos atmosféricos, erguese este cruceiro á entrada do lugar de Cabanelas, vindo de Liripio. Todo el de granito, pero que ofrece dúas partes ben diferenciadas en canto ao material e xeito de ser traballado. Ten unha base de sección cadrada e biselada na parte superior, de onde arranca unha curta vara ou fuste de talla cilíndrica pero que remata de xeito octogonal. Tanto a base como a vara, que é dun tamaño menor que a cruz, son aproveitadas, por iso son dun gran moito máis groso que o do capitel e a cruz, que foron labrados recentemente de xeito mecánico e non manual.

Cruceiro situado no campo da festa xunto á capela de Santo Domingo e Santa Lucía

Cruceiro situado no campo da festa xunto á capela de Santo Domingo e Santa Lucía / FdV

O capitel ten un anel que empata coa vara, un equino formado por un ábaco cadrado cun rebaixe cóncavo nas esquinas, outro ábaco de maior tamaño biselado na parte inferior e, rematando o capitel, outro ábaco maior do que arranca a cruz.

A cruz non leva imaxes, pero leva incardinada unha hostia, que recorda a custodia que se utiliza para a adoración dos fieis. Os remates dos brazos da cruz teñen unha fendedura, que nos fai pensar nunha cruz ancorada ou cruz de oito puntas. A cruz ancorada ou de san Clemente representa principalmente a esperanza e a firmeza na fe, mentres a cruz de oito puntas fai alusión ás oito benaventuranzas.

Ten tamén Cabanelas, como xa queda dito, outro cruceiro no campo da festa, preto da capela de Santa Lucía. Érguese sobre unha base redondeada, onde se asenta o fuste ou varal ben proporcionado e exento de figuras, que arranca cadrado para encaixar na base, sendo despois octogonal ata onde descansa o capitel. Este de forma piramidal-truncado e invertido iníciase con catro protuberancias vexetais. A cruz totalmente espida é de sección cadrada e arestas biseladas. Sobre o capitel unha inscrición: 1867, ano da súa construción.

Todo isto chama a atención e está moi ben, pero hai que agradecerlle este arduo labor de traballo ao alcalde de barrio don Manuel Bugallo Garrido, que din as malas linguas, que ten feito unha corredoira desde a súa casa en Cabanelas ata a casa do concello. O certo é que a base de acudir ao concello e pedir un día tras outro, consegue pouco a pouco que o seu pobo destaque en coidados sobre o resto.

Aproveitamos para dar as grazas ao concello, en particular ao señor alcalde por implicarse na restauración do noso patrimonio.

*Luís Ferropego é investigador, historiador e divulgador

Suscríbete para seguir leyendo

Tracking Pixel Contents