Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Tribuna libre

Cervaña, unha festa pequena feita co corazón de toda a veciñanza

Vista da igrexa coa carballeira.

Vista da igrexa coa carballeira. / J.F.

¿Ya nos sigues?Márcanos como medio preferente
Añádenos en Google

Julia Filloy Fernández*

Falar de Cervaña é falar dunha parroquia pequena de Silleda, tranquila e fermosa, de xente sinxela e unida. Cada quen co seu, pero todos para todos cando toca xuntarse arredor da festa. E iso é o que volverá pasar esta fin de semana, os días 1 e 2 de agosto, coas celebracións na honra de San Salvador e San Antonio.

Alá polo ano 2019, un grupo de mozos da parroquia —José Antonio Meda, Pepe Panadeiro, Darío Novo, Antonio García, Sergio de Costas e Fernando Villanueva— decidiu que no mes de agosto as mulleres de Cervaña tamén merecían desfrutar dunha romaría na carballeira, con pulpeiro, música, familias, contos, risas e moitas ganas de pasalo ben. Desde aquela, a festa medrou como medran as cousas bonitas: con traballo, con ilusión e con moitas mans colaborando.

Pombal nunha leira.

Pombal nunha leira. / J.F.

Por iso, as mulleres da parroquia queren este ano darlles as grazas de corazón. Por limpar a carballeira co calor, por organizar, por estar pendentes de todo e por facer posible unha festa que xa é moito máis ca un programa. Grazas tamén ao marqués de Santa Cruz por estar sempre presente, ás familias que veñen pasar o día a Cervaña e ás que non poden estar, pero seguen no corazón de todos.

Este ano vai tamén un agarimo especial para Juventina de Bibián e Manuela de Agra, as avoas da parroquia, que ano tras ano están na carballeira coa súa sabedoría, a súa alegría e algún que outro bailoteo.

O programa abrirase o sábado 1 de agosto coa misa solemne ás 12.30 horas, seguida de sesión vermú coa charanga Chámalle X. A partir das 18.30 horas chegará a Festa de Serán, cun gran concurso de resistencia ao porco mecánico, no que a persoa gañadora levará un xamón e «o respecto de toda a veciñanza». A xornada contará tamén coa charanga Chámalle X e colchonetas para os máis pequenos.

O domingo 2 de agosto haberá nova misa solemne ás 12.30 horas e sesión vermú amenizada polos Ghaiteir@s da Estrada.

Sen máis, desexar a todos os veciños e veciñas unha boa fin de semana. Que desfruten cada momento e que Cervaña volva ser, un ano máis, esa parroquia pequena onde a festa se fai grande.

*Julia Filloy Fernández é veciña de Cervaña.

Suscríbete para seguir leyendo

Tracking Pixel Contents