Tribuna libre
Á espera de Valenzuela
Lalín segue sen rúa para o autor que universalizou a terra de Deza e popularizou ao Naranxo

Ramón de Valenzuela, nunha das súas imaxes máis coñecidas. / FDV
Os foguetes disque son para facer fuxir o Demo. A música disque é para traer o Demo. Queren facer do Demo un sarillo. Pensan que o Demo é parvo.
Así escribía Ramón de Valenzuela un dos parrafeos do Naranxo no conto homónimo. E algo así parece que nos queren facer crer coa última proposta de nomes para o rueiro de Lalín feita pública polo goberno municipal.
Non podo menos que gabar a nómina de prominentes que han servir para designar as rúas desta vila: arcebispos, condesas, vicerreis... Mágoa que esquecesen o nome de Ramón de Valenzuela, o escritor que universalizou a terra de Deza, popularizou a figura do Naranxo xunto co seu amigo Laxeiro, e ademais ten vencellos familiares co noso concello.
A proposta para que unha rúa de Lalín levara o seu nome formulouna por primeira vez o xa daquelas alcalde José Crespo en abril de 2002, que fixo o anuncio na presentación da reedición do libro de relatos do da Bandeira, logo de caer na súa relación con Laxeiro e Lalín.
O nome de Ramón de Valenzuela figuraba tamén, xunto cos doutros persoeiros do concello (entre eles Ramón González Vigide, agora por fin recoñecido), na proposta de cambios para o rueiro da vila presentada pola Asociación Cultural O Naranxo en outubro de 2003.
Como a proposta non foi asumida, máis de dez anos despois e diante dalgunhas queixas, o mesmo alcalde José Crespo «garantizou» en novembro de 2014 que Valenzuela tería unha rúa, afirmando que non esquecera a súa promesa, e «faríase cando se puidera».
E chegamos a abril de 2018, cando logo da proposta da Comisión do Rueiro convocada polo goberno cuadripartito cos nomes de Antonia Ferrín, Enrique Vidal Abascal, Nuno Eanes de Cercio e Ramón de Valenzuela para renomear as rúas D, F, C e B, o de Valenzuela, inexplicablemente, non chegou a aprobarse.
Imaxino que a xustificación deste desleixo non ha ser coma a do alcalde de Silleda José Fernández Viéitez para negarlle o nome dunha rúa no seu concello: «Valenzuela era dun partido e nós doutro». E confío que non sexa a que escoitei nas últimas ocasións: «É que Ramón de Valenzuela non é de Lalín». Non coma o escultor Asorey, que, como todos saben, ten orixes familiares no Regueiriño, ou Carlos Casares e Marisol Soengas, que son lalinenses de segunda ou terceira xeración...
Coma na obra de Beckett, teremos que seguir esperando o seu recoñecemento. El, que non agardou por ninguén.
Parafraseando novamente ao Naranxo de Valenzuela: O rueiro é o sitio onde dicimos o que quereriamos ser se non foramos o que somos.
Suscríbete para seguir leyendo
- Dónde (y dónde no) ver el eclipse de este miércoles cerca de Vigo
- El Gobierno descarta dar un «no» a la planta de SAIC en Ferrol por la seguridad nacional y le pondrá condiciones si es necesario para blindar su viabilidad
- Del hospital Álvaro Cunqueiro a Londres para estudiar a los atletas de gran corazón
- Denuncian a la protectora Os palleiros de Pontevedra por la desaparición y acogida posterior de una perra en Poio
- Pinchan las ruedas de 10 coches de portugueses en la playa de Areacova
- Rumbo directo a Vigo desde Irlanda: The Corrs deja 'sin aliento' a Castrelos
- Tsygankov se suma a la ecuación del ataque del Celta
- Menores con adulto y permiso parental se quedaron fuera de la platea de Castrelos para ver a Abraham Mateo: «Sé que es la ley, pero...»
