Entrevista | Lois Cid Fotógrafo
«Con 'MAN', non queriamos que fose un traballo documental ao uso»
«Tras o afundimento do Prestige, MAN cobrou moita relevancia, pero co paso do tempo o seu recordo foise diluíndo. Penso que paga a pena reivindicalo a el e á súa obra».

Lois Cid e Toni Cortés, en Dispara este venres. / Tono Arias
A libraría-galería Dispara inaugurou este venres a exposición MAN, un traballo de Toni Cortés e Lois Cid que resultou gañador do III Premio Editorial de Fotografía Documental Galega, promovido por FFoco, Festival de Fotografía da Coruña. O proxecto afástase do documental clásico para reconstruír, a través de pegadas, espazos e intervencións sutís, a figura de Manfred Gnädinger, o emblemático Man de Camelle. Falamos con Lois Cid sobre a orixe da obra, o seu proceso creativo e a vontade de reivindicar un personaxe que,co tempo, se foi esquecendo na memoria colectiva.
Como nace este proxecto e como comeza a súa colaboración con Antonio Cortés?
Toni e eu somos do mesmo pobo de apenas 600 habitantes, colaborar foi algo natural, xa que sería raro non facelo sendo dúas persoas interesadas nesta disciplina nunha vila tan pequena. El estudou fotografía antes que min, e cando deixou de traballar no xornal propúxome desenvolver este proxecto. A idea xa estaba na súa cabeza, pero fomos dándolle voltas ata adaptala aos dous.
Desde o principio tiñan claro que a figura de Man sería o eixo do traballo?
Si. Recuperamos tamén un colectivo que Antonio tiña con Silvia Meia para asinar os proxectos, pero desde o inicio sabiamos que queriamos traballar arredor de Man. Era un personaxe que os dous coñeciamos e que nos interesaba desde había tempo.
Como foi o proceso creativo?
Tivemos a sorte de que, pouco despois de decidir facer o proxecto, saíu unha convocatoria para unha residencia artística en Camelle. Iso permitiunos pasar alí quince días, percorrendo os espazos e vendo as posibilidades. Tiñamos claro que non queriamos facer un traballo documental ao uso, senón construír algo cun estilo máis propio. Tiñamos algunhas referencias, como Evidence, un traballo fotográfico dos anos setenta que emprega arquivos e fotografías forenses. Gustábanos esa maneira de retratar os espazos e decidimos utilizala para documentar os lugares vinculados a Man dunha forma distinta.
Que aspectos do territorio acabaron tendo máis peso na obra?
Foron aparecendo varias liñas. O mar era unha delas, pero tamén nos chamou moito a atención a presenza de plantas invasoras na Costa da Morte. Vimos unha relación coa figura de Man, non desde unha perspectiva negativa, senón como alguén que se adapta a un lugar. Ademais, el tamén tiña esas plantas no seu xardín. Tamén nos interesaban as construcións enxeñosas que fai a xente para resolver problemas cotiáns. Pensabamos que dialogaban coa maneira que tiña Man de reutilizar os materiais que o mar lle levaba á costa.Hai un diálogo constante entre MAN, Camelle, nós e a propia paisaxe. O proxecto foi redireccionándose continuamente e esa era precisamente a parte máis interesante.

Unha das imaxes incluidas no traballo. / Lois Cid e Toni Cortés
Coñecían xa ben esta figura antes de iniciar este traballo?
Si. Toni coñecérao porque a súa familia veraneaba en Camelle e eu tamén pasaba os veráns pola Costa da Morte. Incluso debuxabamos de pequenos nas libretas que el tiña. Pero a medida que fomos investigando entendemos moitas máis cousas sobre a súa vida e a súa maneira de entender a arte. Mesmo a súa forma de morrer ten algo performativo.
Cre que é unha figura que cómpre reivindicar?
Sen dúbida. Durante un tempo tivo moita relevancia, especialmente tras o afundimento do Prestige, pero co paso dos anos esa memoria vaise diluíndo. As novas xeracións xa non viviron aquel momento e a súa figura vai perdendo presenza. Nese sentido, penso que paga a pena reivindicar tanto a súa obra como a súa forma de entender a vida.
O traballo prolongouse durante dous anos. Como foron construíndo o discurso do proxecto?
Traballabamos en analóxico, así que o proceso era lento: había que revelar o material, velo e decidir como continuar. Moitas imaxes acabaron construíndose cara ao final. Fixemos algunha intervención nos espazos, pero buscabamos que fosen moi discretas. Interesábanos que puidesen confundirse coas pegadas de Man ou mesmo con elementos propios da contorna. En xeral, foi un proceso longo, de proba e erro, pero tamén moi interesante.
Tamén recibiron un premio con este traballo.
Si. O Premio Editorial de Fotografía Documental Galega. Cando empezamos isto foi sen pensar en concursos nin en resultados concretos. Máis tarde apareceu a convocatoria e pareceunos unha boa oportunidade porque tamén nos marcaba un prazo para rematar o traballo e ofrecía a posibilidade de publicar un fotolibro, que era algo que nos interesaba especialmente. Presentámolo e finalmente saímos gañadores.
Que supuxo ver ese libro publicado?
O libro tamén leva detrás un proceso moi longo de maquetas e revisións, así que non é unha sorpresa cando o tes nas mans. Sempre quedan cousas que che gustaría mellorar, sobre todo por cuestións económicas, pero o importante é que representa o proxecto e que a mensaxe chega á xente.
Agora ese traballo pode verse en Dispara. Que significa expor alí?
É unha alegría enorme. Eu xa expuxera hai anos e Toni coñecía desde había tempo a Tono porque coincidían moito cando traballaban como fotoxornalistas. Co paso do tempo foise construíndo unha amizade. Dispara é un lugar excepcional para a fotografía, cunha colección de fotolibros impresionante, a tenda máis relevante a nivel nacional e posiblemente do top 3 europeo. Ademáis tamén é de admirar o dinamismo de Tono, que ten a iniciativa de facer exposicións como estas. De feito, el foi das primeiras persoas que nos animou a ensinar o noso traballo, e iso sempre se agradece.
- Tres apagones tras una avería eléctrica dejan sin luz a miles de vecinos y negocios en el centro de Vigo
- Los camiones del Combo Dominicano se atascaron en Trives pero la orquesta tiró de entrega y talento para mantener la gira: «Nos hicisteis disfrutar igual que siempre»
- El eclipse desde los cielos gallegos: un avión privado desde Suiza a Peinador, dos A400M militares franceses y decenas de avionetas en el interior
- «Ha sido una de las mejores experiencias de mi vida»: Óscar Pereiro conquista el Camino con su hija Catalina
- Roca Rey y José Tomás, dos figuras para dos «No hay billetes»
- El Concello de Cangas achaca la contaminación en la playa de Menduíña a la acumulación de grasa en el bombeo y revisa las arquetas en busca de algún vertido ilegal
- Muere un motorista de 47 años en Vigo al sufrir una salida de vía en una rotonda próxima a Peinador
- Muere el músico y diseñador gallego Víctor Coyote a los 68 años de edad en un accidente de bicicleta