Parroquia, historia e arte
Festa do patrón Santiago e Santa Ana en Catasós
Terra de fragas e alvarizas, pontes e muiños, castros e pazos
A pasada fin de semana pasada os veciños da parroquia lalinense de Catasós, cos seus invitados, celebraron as festas do patrón Santiago e de Santa Ana. Na xornada do 25 houbo misas cantadas, ás que seguiu a procesión ata o cruceiro ao son do grupo de gaitas Os Trasnos de Doade, que tamén tocou na sesión vermú. A verbena animárona o Dúo Son II e DJ Efrén, no día de Santiago e as charangas Brass-As e BB + na festividade de Santa Ana, na que houbo xantar campestre, nunha carballeira preto do amplo campo da festa e do local social.
Da igrexa parroquial cóntase que foi mandada trasladar polo cura e administrador do Pazo de Donfreán dun cotarelo de preto do lugar de Outeiro en Lalín de Arriba, personaxe do que dá conta unha inscrición que se conserva no lintel da porta lateral do templo actual: «DE ESTA IGLESIA LA ECHURA PROCURO DON PABLO DE VEREA SU CURA», que aínda que non refire a data, podémola obter da que figura na capela da Santa Mariña de Belelle, tamén erixida polo mesmo párroco en 1792, a onde foi parar o vello retablo deste templo. A antiga igrexa era románica e dela queda a pía bautismal e parte dun cordeiro, o Agnus Dei da antefixa, que leva anos servindo de chanzo ao hórreo dunha casa veciña. No interior do templo, destaca o fermoso retablo principal que para a vella igrexa fixera Juan de Villoldo no ano 1586 e restaurado en tempos recentes, así coma varias imaxes antigas da Virxe do Carme, San Roque, San Sebastián e outra de Santiago peregrino. Os retablos das dúas capelas laterais, da mesma época ca o principal, están dedicados a Santo Antonio e Santa Ana.
O mesmo cura Pablo de Verea, e na mesma época, mandou facer o cruceiro procesional no que loce un escudo no fuste e arredor da igrexa parroquial, medio en ruínas vense antigas casas nas que campan inscricións do século XVII. E no castro próximo que ten sido estudado aínda que non escavado, atopamos non hai moito un muíño de man romano sobre un dos valados. Hai outro castro preto do lugar de Quintela, catalogado recentemente, ao igual ca media ducia de mámoas no camiño real que vai da Cabreira a Rodelas.

A fraga de Catasós, monumento natural de Galicia. / Daniel González Alén
Fraga e casa de Quiroga
Á Fraga de Catasós, monumento natural de Galicia, propiedade do Concello de Lalín, conta cos castiñeiros máis altos de Europa e notables carballos, sobreiras e outras arbores autóctonas, as máis delas centenarias. Non é a única masa forestal sobranceira da parroquia, xa que nas de Casas Vellas e Cardiego, preto de Covas, malia sufrir os continuos atentados dos humanos, poden ollarse bos exemplares de carballos e castiñeiros. A célebre fraga foi propiedade dos Pérez de Deza, que logo foron Quiroga, casando un deles coa Condesa de Pardo Bazán, que pasaría daquela tempadas nesta casa señorial do século XVIII, un verdadeiro pazo ao que só lle falta o escudo, con ampla eira, hórreo, pombal e muiños na extensa propiedade que aínda conserva a familia.

Estampas do Santiago de Casasós. / Daniel González Alén
Por Catasós pasa un dos Camiños de Santiago a Compostela que atravesan o municipio de Lalín. Tamén vellos camiños e novas vías de comunicación, con pontes sobre o Asneiro polo Pozo Negro, onde se conserva un vello acueduto e, río arriba e abaixo, varios muiños e media ducia de típicas alvarizas. Tamén se poden ollar na parroquia varios hórreos de ata seis claros, un deles datado en 1800, declarado BIC, atópase en Donfreán, lugar ben coñecido polo seu magnífico e ben conservado pazo fidalgo, do que moito e bo se ten publicado.
Suscríbete para seguir leyendo
- «Premios» contra el absentismo: la industria gallega pacta pluses de 2 euros al día o 700 al año por no faltar al trabajo
- Rescatan a un niño de 5 años que se estaba ahogando en una piscina del balneario de Mondariz
- Vecinos de Ons paralizan los primeros desembarcos del día en protesta por no poder celebrar su fiesta
- Estabilizado el incendio en Moaña junto a la Autovía do Morrazo, en cuya extinción participan dos avionetas, un helicóptero y numerosos medios terrestres
- Cangas multará de forma directa y sin actuar subsidiariamente a los propietarios de fincas sin limpiar que sean reincidentes
- Paco y Carmen, el matrimonio centenario de Nigrán que murió en unos días
- De una valla de ocho metros al «sí, quiero»: Patricia y Rubén ya son marido y mujer
- Tres centenarios al mes pasan por los quirófanos del Chuvi, nueve veces más que hace una década
