Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

26 de xullo, Día do Avós

A revolución das canas: os maiores de 65 agora non quedan na casa para ver a vida pasar

José Luis Factor, Lucita Villar e Ofelia Otero teñen entre 70 e 92 anos e realizan un calendario de actividades de ocio similar ao que tiñan antes de xubilarse

Actividades do programa Silleda MoveMente no recinto feiral.

Actividades do programa Silleda MoveMente no recinto feiral. / Bernabé

¿Ya nos sigues?Márcanos como medio preferente
Añádenos en Google
Salomé Soutelo

Salomé Soutelo

Lalín

Nin Deza nin Galicia se converteron de momento na sexta zona azul do mundo, unha catalogación que si teñen a localidade italiana de Cerdeña, así como Okinawa (Xapón), Nicoya, (Costa Rica), a grega de Icaria e Loma Linda, en California, pola súa alta concentración de persoas centenarias. O estudo de Michel Poulain arrancara de forma oficial en 2024 en Lalín, pero a esperanza de vida na comunidade é, de media, de 84 anos. Pero precisamente por este dato e polo envellecemento progresivo da poboación, cada vez son máis necesarias medidas que atendan as necesidades das persoas maiores, tanto en alimentación, autonomía hixiene ou saúde mental como en socialización.

Os edís de Benestar Social de Lalín e de Silleda, Avelino Souto e Ángela Troitiño, coinciden en sinalar que cada vez máis as persoas xubiladas demandan actividades diferentes ás excursións, e que propostas como pilates, ximnasia de mantemento ou baile serven sobre todo para que fagan novas amizades e creen unha rede de apoio que lles permita iso, socializar. Esa rede de apoio deixou caduca, hai moito tempo, a expresión de «terceira idade» como sinónimo dunha persoa xubilada que renunciaba á súa vida laboral e se entregaba a coidar dos netos, a botar unha man á familia e a quedar na casa. Semanas atrás, o director americano, Clint Eastwood, anunciou que deixa de rodar películas. Ten 96 anos, déixanos un tremendo legado da sétima arte e di que o seu segredo para manterse activo diante e detrás das cámaras foi «non deixar entrar ao vello», é dicir, mantendo a actividade que xa tiña décadas atrás.

Ofelia Otero, no xardín da súa casa de Gres.

Ofelia Otero, no xardín da súa casa de Gres. / Bernabé / Amanda Castro

Un club de teatro para xubilados

É a mesma filosofía que profesan Ofelia Otero Penas, con 92 anos, Lucita Villar Jar, con 84, e José Luis Factor, con 70. Ofelia Otero naceu en Bascuas un 19 de novembro. Residiu de nova en Santiago durante 4 anos, na residencia de monxas da rúa Nova, e combinaba o seu traballo de confección coa representación de pezas teatrais no Salón Teatro. Ao casar con Bernardino Barreiro en 1962 tivo que deixar o teatro a un lado para atender aos seus tres fillos e a mercería en Gres. Incluso traballou na sucursal do Banco Hispanoamericano da parroquia. «Pero recuperei o teatro ao xubilarme», e desde hai anos forma parte do Club de Maiores de Boqueixón", un colectivo ao outro lado do Ulla que integran 20 persoas xubiladas. «Cada un de nós ten un papel e aprendémolo de memoria, pero se falta un dos compañeiros, podemos suplilo calquera dos outros, porque sabemos todo o texto», asegura. Ofelia Otero ten feito, sobre o escenario, de pitonisa e de alcalde, «cun traxe que me regalou o meu cuñado, xa falecido, e que mercara para a voda da súa filla». Gárdao, como os textos que le ou memoriza, como ouro en pano.

E eu podo asegurarlles, lectores, que a memoria de Ofelia é prodixiosa: acode cada ano a Crucesarte para recitar un poema de Anisia Miranda, a muller de Xosé Neira Vilas, pero non precisa o papel que leva na man. Sabe cada poema de memoria, igual que boa parte da bibliografía de Neira Vilas, con quen se carteou durante décadas. Agora emprega o correo electrónico para manter o contacto cos amigos e amigas que conserva en Arxentina. «Tamén leo a Agustín Fernández Paz», engade. Ofelia e eu coñecémonos desde o ano 2018 a raíz dunha entrevista, así que non temo preguntarlle por qué non escribe un libro. A resposta é clara, pero tamén demasiado humilde.«Teño pena de non ter apuntado antes todo. Lembro, por exemplo, que tras cumplir 65 anos empecei a facer excursións, íamos 2 veces ao ano a través dos programas do Imserso. Unha vez que fomos a Santa Cruz de Tenerife, ao chegar unhas compañeiras temían que nos perdésemos, e xa lles dixen que estivesen tranquilas, que eu 'grababa' cada sitio polo que pasábamos na miña cabeza».

Lucita Villar na clausura dun curso de Afammer Deza.

Lucita Villar na clausura dun curso de Afammer Deza. / Bernabé/Javier Lalín

Pelexa pola cotitulariedade das granxas

De organizar viaxes para que moitas mulleres do rural, sobre todo xubiladas, encárgase dende o 1986 Lucita Villar Jar. Leva, como ven, 40 anos na presidenta da Asociación de Mulleres Rurais de Deza. Ela tén 84 anos, e asegura, tamén humilde, que puido e pode adicarlle tanto tempo a esta asociación porque está solteira. Non é así, porque tivo unha carreira política dilatada: esta veciña de Lodeiro foi ademais concelleira no PP de Lalín entre os anos 1991 e 2007, e deputada no Congreso nos mandatos de 1996 (neste, xa entrou iniciada a lexislatura), e no 2000. En 2019 formou parte da candidatura de Compromiso por Lalín.

Lembra que a Asociación de Mulleres Rurais comezou a andar «a través de Marisa Diéguez, a axente de Extensión Agraria. Ela facía cursos polas parroquias, e nos primeiros tempos do colectivo ata puxemos en marcha unha cooperativa para tecer traxes rexionais que se enviaron a Arxentina ou Venezuela. Antano, tamén tiñamos charlas sobre o coidado da horta ou cursiños de agricultura». A asociación tamén pelexou pola cotitulariedade das explotacións gandeiras ou pola concentración parcelaria de Vilatuxe, que ainda concluiu o ano pasado. Agora, a asociación conta con 230 integrantes, menos persoas que anos atrás pola perda de poboación. A maioría destes membros son mulleres e ademais demandan un ocio diferente ao de antano: «Nós fixemos os primeiros cursos de informática na zona, pero agora tamén organizamos aulas de pilates ás, que por exemplo, está acudindo unha muller de 90 anos».

Lucita Villar confesa que, desde que se xubilou, adícase a atender a asociación e a súa casa. Pero ten moi claro que iso de vivir portas adentro cando un ou unha enviuvaba quedou atrás. «Nós facemos cursos tamén de cociña, informática e excursións. A estas viaxes tamén poden acudir homes, porque están financiadas pola Deputación e resérvase un 25% das prazas para eles», indica, engadindo que «grazas á asociación hai mulleres que nos din que poden sair da casa e viaxar». E xa que fala de mulleres e do que supón ter unha rede no rural para poder socializar, explica que na súa etapa como diputada, a finais dos anos 90, "xa había moitas mulleres no Congreso dos Deputados e facíamos piña, levabamonos todas moi ben, sen ter en conta o partido ao que representabamos. Eu teño visto concursos na tele nos que se lle pregunta aos participantes por un ou outro político, e nin saben os nomes", lamenta, apuntando que quizais ese descoñecemento se deba á crispación actual da política e ao pouco interese que esperta na sociedade.

José Luis Factor, na sede de O Mencer

José Luis Factor, á dereita, na sede de O Mencer / Bernabé/Javier Lalín

A música como forma de vida

Si existe máis interese cando toca botar unha man en actos solidarios, como na recollida de alimentos que organiza o colectivo O Mencer polo menos unha vez ao ano. José Luis Factor é o seu tesoureiro e forma parte dunha directiva composta polos fundadores desta entidade. O Mencer comezou a funcionar en 2012, cando ainda Factor estaba en idade laboral e traballaba como xefe do servizo de veterinarios de Saúde Pública na zona de Lalín, cunha dedicación exclusiva de 30 anos. Xubilouse fai 4, cando tiña 66, e dende entón combina os actos solidarios do Mencer con outras dúas actividades que tamén puxo en marcha varios anos atrás. A máis antiga é a Coral Polifónica de Agolada, que comezou a funcionar en 1992 e que agora preside Factor. «Nesta coral, como na maioría, o problema é a reposición de membros, porque a xente nova non se anima a formar parte, quizais porque a idade media da coral é moi elevada para ela».

Este coro conta con 30 integrantes, e Factor comparte os ensaios e concertos coa súa participación no Coro Música Viva. Hai 15 anos, a entón directora da Polifónica de Agolada, Sandra Nasher, decidiu poñer en marcha no Carballiño este coro con 12 persoas centrado só na música de cámara. Uns 15 anos tamén son os que están detrás doutra das ocupacións de Factor, o grupo De perdidos al trío. E, sorpréndanse, ainda lle queda tempo para acudir a cursos de inglés.

O punto de vista dos edís

Factor considera que as administracións si melloraron a súa oferta formativa e de ocio para as persoas xubiladas. Dende Lalín, o edil de Política Social, Avelino Souto, apunta que os propios colectivos veciñais como Gresande ou Barcia poñen en marcha cursos de memoria e ximnasia, á marxe do que poida ofertarlles o Concello. Sobre a soidade non desexada, insiste na importancia de insistir para que unha persoa maior dea o paso e comece a acudir a estes cursos ou a viaxes, para que poida tecer unha rede de amizades.

En Silleda, é a propia veciñanza a que demanda formación, máis que excursións, a través do Silleda Activa. "Paramos no verán, como o curso escolar, e abrimos o prazo de inscripción en agosto. Sempre hai unhas listas de agarda moi grandes", explica a concelleira de Benestar Social, Ángela Troitiño.

Silleda ten ademais outro programa en marcha, Silleda MoveMente, que organiza a Concellería de Deportes en colaboración coa de Benestar Social. «Está destinado tamén á xente maior e desenvólvese ao aire libre, durante dúas veces por semana», en entornos como a Carballeira das Pedrosas ou no exterior do recinto feiral da Semana Verde. «É moi importante incidir na saúde mental», explica Troitiño, que lembra que en aulas como a de risoterapia as persoas que acudiron quedaron tan satisfeitas que decidiron regarlarlle unha planta á monitora.«Estes cursos para maiores claro que axudan ás familias a conciliar, pero é máis importante que asistan, que fagan o que poidan e sobre todo que falen entre eles».

Un número de teléfono contra a soidade

Dende a Consellería de Política Social está en marcha a Estratexia galega de atención á soidade non desexada, en vista de que aumenta a esperanza de vida e, polo tanto, o número de persoas que ao quedar soas no fogar poden reducir as súas relacións sociais e padecer illamento e exclusión. Está activo o número de teléfono 900 830 831, que xestiona Crux Vermella e ao que pode chamar calquera persona, de forma confidencial e gratis, que se sinta só.

Pero a Xunta tamén apela a comercios, traballadores sociais, farmacias, carteiros e carteiras ou calquer persoa que teña coñecemento dalgún veciño que poida atoparse nunha situación de soidade non desexada, para alertar deste feito e poñerlle freo, para que «a soidade deixe de ser problema duns e se convirta nunha responsabilidade de todos».

Suscríbete para seguir leyendo

Tracking Pixel Contents