Día de Galicia
Unha lingua que conquista o mundo
Por un proceso natural, por respecto á comunidade ou por sinxela convivencia diaria, persoas orixinarias de Cádiz, Madrid ou Ucraína atoparon na lingua galega un fogar. A pesar das inseguridades, da vergoña polos erros e dos prexuízos sociais, a súa experiencia demostra que o galego é un idioma vivo e acolledor

O venezolano Saúl Guerrero xunto a un compañeiro do IES Marco do Camballón, de Vila de Cruces. / Cedida
Cambiar de residencia implica adaptase a unha nova paisaxe, a novos costumes e, en moitos casos, a unha nova realidade lingüística. Cando se procede de fóra de Galicia, a lingua galega preséntase como un descubrimento que vai unido á vida cotiá e ás relacións humanas.
Para Ángel Utrera, natural de Cádiz, concretamente de El Puerto de Santa María, a súa chegada a Galicia estivo vinculada ao traballo da súa muller, médica de profesión. Cando a ela lle ofreceron a posibilidade de escoller destino entre varias opcións, a decisión foi clara e marcou o inicio dunha nova vida no rural galego. «Dábanlle as Rías Baixas, Vilanova de Arousa ou Agolada e eu recordo que lle dixen que collera Agolada porque o interior de Galicia é moito máis tranquilo e por iso viñemos aquí. Foi unha interinidad e van xa para 40 anos.»
Naquel momento, o contacto co idioma foi inmediato. A pesar de atoparse nun entorno no que o galego era a lingua hexemónica e habitual entre a poboación local, Ángel Utrera destaca a calidez coa que foron recibidos dende o primeiro momento. «Cando cheguei a Agolada recibíronme cos brazos abertos. Estando a miña muller embarazada do meu primeiro fillo, foi un embarazo de alto risco e daquela eu traballaba en Narón e aproveitamos os dous ese tempo para facer cursos de galego en Neda. Íamos unha hora todos os días e a verdade é que foi moi ameno e interesante», recoñece o gaditano.
No caso de Chus Neira, nada en Madrid, a relación co idioma galego non xurdiu a través dun desprazamento laboral repentino, senón polos lazos familiares e lembranzas da infancia en Gres. Unha situación laboral determinada e a xubilación dos seus pais levárona a instalarse definitivamente nesta parroquia de Vila de Cruces hai xa 27 anos, aínda que a lingua xa formaba parte da súa memoria afectiva dende que era nena.
«A miña relación co galego chegou cando o meu curmá, que vivía cos meus avós, chamaba ás cousas dunha maneira e eu doutra. Foi o meu primeiro contacto coa lingua. Pelexabamos porque en castelán ese obxecto tiña un nome, que era o que eu empregaba e en galego tiña outro, que era o que usaba el. E despois co tempo empecei a entender o que falaba a miña avoa, a miña tía e os veciños e logo o natural foi intentar falalo, e xa vivindo aquí continuar», explica a madrileña.

A madrileña Chus Neira, nos exteriores da Fundación Neira Vilas. / Cedida
Por outra banda, o percorrido de Igor Shakn representa o do colectivo de orixe estranxeira que atopa en Galicia un lugar no que establecerse e desenvolver o seu proxecto vital. Ocupando diversos postos de traballo en diferentes localidades, o ucraniano acabou asentándose en Lalín hai máis de dúas décadas. A súa vivencia demostra que a aprendizaxe e a integración lingüística son un camiño de continuo contacto social.
«Eu traballei en moitos sitios, entre eles en Silleda e de aí saíume outra oportunidade en Lalín e mudeime aquí, onde levo 24 anos. Non falo perfectamente o galego, pero inténtoo, porque iso vén cos anos e teño moitos amigos que levan por aquí tanto tempo coma min e que non o falan. O que pasa é que eu comunícome moito coa xente, e ao facelo ao final quédaste co idioma», manifesta Igos Shakin.
Superar a vergoña
Un dos maiores obstáculos que enfrontan as persoas procedentes de fóra á hora de empregar a lingua galega é a inseguridade e a vergoña a cometer erros de pronunciación, de léxico ou gramaticais. Moitas veces, o medo a seren xulgados ou ao ridículo fan que quen comprende o idioma opte por manterse no castelán ou na súa lingua nativa, renunciando a dar o paso definitivo cara á práctica oral.
Chus Neira lembra con claridade como os prexuízos e as reaccións dos demais supuxeron unha barreira ao principio, ata que atopou unha estratexia orixinal e efectiva para romper ese bloqueo inicial. «Houbo un momento no que decidín que ía intentar falar galego, pero o problema era que todos se rían de min porque era unha nena de Madrid falando galego. Unha das miñas curmás tivo un neno e decidín falalo con el. Pensei que eu non sabía falar galego, pero que el non sabía falar nada e así empecei a soltarme.»
Este proceso de aprendizaxe implica tamén unha evolución na forma de pensar e na rapidez coa que se estrutura o discurso. Pasar de tradución mental constante á fluidez natural é unha transición que require paciencia e de moita práctica.
«Para empezar a falar outro idioma tes que traducir o que estás pensando e iso lévate un tempo e erras en palabras, en pronomes, pero é algo inevitable. Por vergoña hai quen se reprime. Chegou un momento no que notei que xa non tiña que facer a tradución, e que xa directamente saíame o galego, pero iso chega coa práctica», recoñece Chus Neira.
Igor Shakn coincide nesta diagnose sobre o papel que xoga a vergoña na inhibición de moitos estranxeiros. Ao seu xuízo, ademais do medo á falta de perfección, moitas veces falta unha actitude proactiva ou vontade de integrarse na vida social da comunidade. «É certo que hai xente que ten vergoña de falar en galego por cometer erros, pero tampouco teñen ganas. A lingua galega é o meu día a día. O mellor estudo é a comunicación coa xente porque te corrixen e diariamente practicas», sinala o ucraniano.

O ucraniano afincado en Lalín, Igor Shakn, coa súa parella Iryna Eysmont. / BERNABE/JAVIER LALIN
Para Ángel Utrera, aínda que recoñece a complexidade de acadar un dominio absoluto da normativa, o fundamental reside na actitude individual e no desexo de respectar o contorno no que se vive. «Eu falo moi mal o galego, pero intento falalo. Cousa que hai xente que non fai. O galego complicado non resulta. Realmente é fácil. O difícil é falalo e escribilo ben, pero hai pouca xente que o faga correctamente. O que hai que ter é vontade.»
Lectura como aprendizaxe
O contexto socio-lingüístico do rural galego xoga un papel clave na preservación e transmisión do idioma. Nestes municipios, a lingua atópase presente en todos os eidos da vida cotiá, o que facilita unha inmersión lingüística para calquera persoa que decida vivir neles. Así o constata Ángel Utrera ao analizar a vitalidade da lingua na súa contorna: «Na nosa zona a verdade é que practicamente fala todo o mundo galego a diario, máis ou menos correcto, pero o falan dende os rapaces na escola ata os adultos na carnicería».
Así mesmo, os medios de comunicación e a literatura son ferramentas fundamentais para afianzar os coñecementos e gañar vocabulario. Igor Shakn subliña a importancia destes recursos no seu día a día para complementar o que aprende na rúa. «Falando cada vez aprendes máis e vas mellorando cos anos. Vendo a televisión ou escoitando a radio tamén se aprende. Inda hoxe hai moitas palabras que sei o que significan, pero non sei pronuncialas, pero axuda moito.»
No caso de Chus Neira, o contacto coa literatura galega foi moi privilexiado debido ás súas raíces familiares, xa que é sobriña do recoñecido escritor Xosé Neira Vilas. Para ela, a lectura precedeu incluso á realización de cursos formais como os do Celga, sendo unha canle para achegarse á lingua dende a infancia. «Eu fixen o curso do Celga despois, cando xa falaba galego. Fun autodidacta, pero teño unha ventaxa importante. Eu non tiven que buscar libros fóra da casa. Eu os libros os tiña xa dentro, coma sobriña de Neira Vilas. Eu empecei a ler moi nova e recordo o libro de O cabaliño de buxo, que chegou ás miñas mans antes de publicarse, e cando o empecei a ler tiña ao meu pai ao lado que era o que me explicaba o significado das palabras, porque eu o lía pero sen entendelo», relata a madrileña.
Vocabulario afectivo
A percepción sobre o idioma tamén evoluciona a medida que se profundiza no seu uso. A convivencia cos falantes nativos permite coñecer un galego rico en matices que moitas veces difiren do galego estándar que se ensina nas aulas ou se emprega nas institucións.
Ángel Utrera subliña os cambios que sufriu a lingua ao longo das últimas décadas coa entrada en vigor das reglas de normalización lingüística, destacando o valor do galego tradicional e a carga emotiva de certas palabras. «A verdade é que o galego de antes ten pouco que ver co de agora. As reglas de normalización entendo que son necesarias, pero era máis bonito o galego de antes. Hai palabras que para min son moi bonitas como 'anduriña' ou 'vagalume'. Hai conceptos especiais porque teñen unha concepción agarimosa e persoal».

O gaditano Ángel Utrera leva case catro décadas vivindo en Agolada. / Cedida
Por outra parte, a conciencia sobre os propios erros e a presenza de castelanismos é algo habitual entre quen aprende o idioma xa na idade adulta. Chus Neira asume con naturalidade e sen complexos estas imperfeccións na súa fala. «Eu son consciente de que meto moitos castelanismos, non teño un galego perfecto pero inténtoo. Ao principio, unha expresión que non terminaba de encaixarme e que non sabía cando metela era a de Co gallo de.»
Crear comunidade
Máis alá das cuestións académicas ou normativas, o uso da lingua galega por parte de persoas procedentes de puntos coma Cádiz, Madrid ou Ucraína amosa o valor do idioma coma ponte de unión, respecto e creación de lazos.
A experiencia destes veciños adoptivos do Deza demostra que a aprendizaxe dunha lingua non é un exercicio exclusivamente teórico, senón unha vivencia ligada á convivencia diaria, á empatía e ao desexo de formar parte do lugar que os acolleu. Despois de décadas de residencia, a lingua galega deixa de ser un elemento estraño para converterse en parte da súa identidade e da súa vida cotiá.
A historia de Ángel, Chus e Igor confirma que a lingua galega é un espazo aberto e integrador. Unha lingua que non pide perfección absoluta dende o primeiro día, senón a vontade de escoitar, falar, aprender e compartir coas persoas que habitan na contorna.
Proxecto Matrix
A integración cultural e lingüística ten no IES Marco do Camballón de Vila de Cruces un exemplo de éxito. A través do Proxecto Matrix, o centro puxo en marcha iniciativas innovadoras para achegar a lingua galega ao alumnado recén chegado, transformando a teoría educativa nunha práctica de convivencia e aprendizaxe.
Un dos seus participantes é Saúl Guerrero, un estudante de 16 anos que chegou dende Venezuela e que leva case un ano en Galicia. Este mozo, que xa se anima a falar en galego con moita soltura, recoñece que tivo que afrontar retos ao inicio. «Ao principio o idioma foi difícil porque é totalmente diferente do que estou acostumado, pero no instituto escoitabao todos os días e o falar coa xente axudoume moito». Coa maioría dos seus amigos falando galego, a aprendizaxe xurdiu de xeito natural. «A min o galego gústame e, xa que estou nesta terra, necesito aprendelo. É un bonito idioma que me permite entenderme coa xente», engade.
A chave deste proceso atópase na Aula de Acollida Lingüística, unha iniciativa do Equipo de Dinamización e Normalización da Lingua. Pensada para estudantes exentos de cursar galego, esta aula ofrece un espazo semanal de práctica comunicativa directa. Neste curso, mozos procedentes de Venezuela, Colombia, Perú, Canarias, China, Marrocos e Romanía atoparon nesta aula unha ferramenta para socializar nun contorno maioritariamente galegofalante.
O proxecto fúndese tamén coa creación audiovisual a través do documentario Neogaleg@s: @s nov@s fill@s da lingua, actualmente en postprodución. Dirixido pola exalumna Nerea Fiúza e coa colaboración do poeta e rapeiro Simón Rodríguez, o audiovisual reflexiona sobre o contacto de linguas e une a neofalantes con bercefalantes.
Suscríbete para seguir leyendo
- Dónde (y dónde no) ver el eclipse de este miércoles cerca de Vigo
- Pinchan las ruedas de 10 coches de portugueses en la playa de Areacova
- Denuncian a la protectora Os palleiros de Pontevedra por la desaparición y acogida posterior de una perra en Poio
- El cultivo de la cebada se extiende por Galicia: Hijos de Rivera se alía con 27 agricultores de A Limia y alcanza las 850 hectáreas
- Cada año 200 profesores piden compaginar la docencia con otro puesto de trabajo
- Menores con adulto y permiso parental se quedaron fuera de la platea de Castrelos para ver a Abraham Mateo: «Sé que es la ley, pero...»
- El Casino de Pontevedra mantiene la tradición: 22 chicas, «presentadas en sociedad»
- Dos policías nacionales salvan a una mujer que se quedó inconsciente al atragantarse en un bar de Vigo