Entrevista | Belén Troitiño Dono Música e academista da Real Filharmonía de Galicia
«O importante é non perder nunca a ilusión nin as ganas de aprender»
A clarinetista estradense, de 22 anos, incorporarase o vindeiro curso como academista á Real Filharmonía de Galicia tras superar as probas de acceso

Belén rematou os estudios profesionais de música na Estrada, onde comezou cando tiña catro anos. / B.T. D.
A clarinetista estradense Belén Troitiño Dono continúa dando pasos nunha traxectoria marcada pola constancia. Tras rematar os estudos superiores no Centro Superior de Música do País Vasco, Musikene, acaba de superar as probas de acceso á Escola de Altos Estudos Musicais de Galicia, un logro que lle permitirá incorporarse durante este curso como academista á Real Filharmonía de Galicia. Comezou con catro anos na Escola Municipal de Música e logo rematou os estudos profesionais no Conservatorio estradense. Agora afronta esta nova etapa coa ilusión de aprender desde dentro o funcionamento dunha orquestra profesional e seguir medrando como intérprete.
Que supón para vostede este paso?
É unha oportunidade enorme. Como academista tes a posibilidade de vivir desde dentro o funcionamento dunha orquestra profesional, participar nos ensaios, tocar en concertos e aprender directamente dos músicos que forman parte dela. Para min é unha experiencia moi valiosa.
Como recibiu a nova tras presentarte ás probas da Escola de Altos Estudios Musicais de Galicia?
Con moitísima ilusión. Presentarse xa era un reto importante e, cando souben que estaba seleccionada, foi unha alegría enorme. É desas noticias que che dan confianza para seguir traballando e que che fan pensar que vas polo bo camiño.

Belén Troitiño Dono asegura que a súa prioridade é "seguir aprendendo". / B. T. D.
Que significa exactamente ser academista?
É un programa pensado para completar a formación antes de dar o salto ao mundo profesional. Non é só tocar; é aprender como funciona unha orquestra, como se prepara un programa e como se traballa día a día. É unha experiencia moi completa.
Que é o máis valioso desta oportunidade?
Sen dúbida, aprender. Ao final, o máis importante non é o soldo nin o feito de tocar algún concerto, senón poder compartir escenario con músicos profesionais e ver como desenvolven o seu traballo. Iso non se aprende nunha aula.
Achégaa un pouco máis ao seu obxectivo de formar parte dunha gran orquestra?
É un paso, pero hai que ser realistas. No mundo da música hai moita xente moi preparada e moi poucas prazas. Esta experiencia axúdame a seguir medrando e, oxalá, no futuro poida abrirme portas, pero sei que teño que continuar estudando e traballando moito.
Como afronta este curso?
Con ganas de aproveitar cada ensaio. Quero aprender todo o que poida, tanto musicalmente como a nivel persoal. Estar rodeada de profesionais con tanta experiencia é unha oportunidade que hai que espremer.
Como lembra os seus comezos?
Claro. Empecei moi pequena na Escola Municipal de Música da Estrada e despois no Conservatorio. Acordareime sempre dos profesores que tiven e de toda a xente que me acompañou desde nena. Todo o que son agora empezou alí.
Que achegou Musikene á súa formación?
Foi unha etapa moi importante. Permitiume coñecer outros profesores, outras formas de traballar e convivir con estudantes que tamén aspiran a dedicarse profesionalmente á música. Todo iso fai que medres moitísimo, tanto como intérprete como a nivel persoal.
Que aprendeu, máis alá do musical, en todos estes anos de formación?
Que hai que ter moita paciencia e constancia. É unha carreira longa e esixente, con moita competencia, pero tamén moi bonita. Se realmente che gusta a música, paga a pena seguir adiante. O importante é non perder nunca a ilusión nin as ganas de aprender.
Suscríbete para seguir leyendo
- Dónde (y dónde no) ver el eclipse de este miércoles cerca de Vigo
- Pinchan las ruedas de 10 coches de portugueses en la playa de Areacova
- Denuncian a la protectora Os palleiros de Pontevedra por la desaparición y acogida posterior de una perra en Poio
- El cultivo de la cebada se extiende por Galicia: Hijos de Rivera se alía con 27 agricultores de A Limia y alcanza las 850 hectáreas
- Cada año 200 profesores piden compaginar la docencia con otro puesto de trabajo
- Menores con adulto y permiso parental se quedaron fuera de la platea de Castrelos para ver a Abraham Mateo: «Sé que es la ley, pero...»
- El Casino de Pontevedra mantiene la tradición: 22 chicas, «presentadas en sociedad»
- Dos policías nacionales salvan a una mujer que se quedó inconsciente al atragantarse en un bar de Vigo