Sendeirismo
Recuperan un camiño de arrieiros do Ribeiro polas Terras de Camba
A Asociación Emecla congregou a medio cento de camiñantes para percorrer esta ruta entre Rodeiro e A Gouxa
A Asociación Veciñal e Cultural Emecla, de Álceme, congregou o pasado domingo a medio cento de socios e veciños de Rodeiro para percorrer un dos dous camiños de arrieiros do Ribeiro que atravesa este municipio dezao, cun itinerario de máis de 15 quilómetros, que comezaron na capital municipal ata o lugar da Pallota, no lindeiro das terras de Dozón coas ourensás de Piñor. Alí, afastáronse deste camiño secular e pola parroquia ourensán de Coiras, colleron a ruta de peregrinación a Compostela coñecida como Camiño Mozárabe ou Sanabrés, pola variante que vén do misterio de Oseira, para rematar o percorrido cun xantar no lugar da Gouxa, coas viandas propias da concorrida feira quincenal que aquí se celebra, dende tempo inmemorial, os días 11 e 23 de cada mes. Na Gouxa, visitaron os pendellos que seguen instalados na ruína, o mesmo que a que fora capela da Santa Isabel, e o cruceiro da Santa Lucía e o lavadoiro público, que medio ocultan o abundante mato, que tamén vai ocupando o camiño real que pola Pena de Francia ía ata o lugar da Lagoa, verdadeiro nexo de comunicacións das terras de Lalín, Rodeiro e Dozón, ata principios do pasado século.
Ao longo da ruta matinal, o profesor e investigador Domingo Castro, que fixo de guía, e a presidenta do colectivo Emecla, Inés Carballo, deron detalladas explicacións dos monumentos, paisaxes e mesmo o folclore dos lugares que atravesa este camiño de arrieiros, contando tamén co apoio dun vehículo do Concello de Rodeiro que conducía o alcalde en funcións, Alberte Lamazares, e un autobús da empresa Rías Baixas, que se encargaron de levar aos que o requiriron.
Hai pouco máis dun ano, o citado Domingo Castro asumiu case en solitario a recuperación deste camiño de arrieiros que tamén usaban os paisanos e mesmo os frades de Oseira, ocupado en boa parte polas novas estradas e pistas, ensanchadas nalgúns treitos para os vehículos e a moderna maquinaria; e abandonadas, repletas de mato e fóra de uso, noutros. Baseándose nos vellos mapas e os traballos que se teñen publicado por diversos investigadores, marcou esta ruta que, procedente do Ribeiro, con varios ramais que se xuntan no municipio ourensán de Cea, atravesa o de Piñor, ata o lugar da Pallota, onde un cruceiro estragado hai anos por un tractor marca o lindeiro coas edificacións e terras pertencentes á parroquia de Bidueiros, xa no municipio dezao de Dozón. O cruceiro da Pallota, que pide a berros unha restauración, varias típicas casas, algunha con mostrador pétreo para a venda aos camiñantes, e unha curiosa imaxe que semella dun santo, merecen unha ollada neste lugar fronteira de provincia e municipio.
Tamén o lugar de Casar de Seta, a orelas do río Arnego que neste lugar se ve nacer, é lindeiro municipal, aquí entre os concellos de Dozón e Rodeiro, que sinala un marco que foi un antigo menhir, con relevos recentes de cando foi mudado de emprazamento. O camiño atravesa logo terras da parroquia de Arnego, preto do lugar de Farán, no que destaca a casa do Carballal, e logo de pasar a moi reformada ponte da Almucela, rodea o castro de Baroncelle, que conserva boa parte da súa estrutura e do que se teñen tecido numerosas lendas.
Dende este punto, o camiño de arrieiros vai cara ao Mesón de Augalevada, un casal que en tempos foi parada de carruaxes, taberna e comercio de todo, do que aínda quedan as pegadas, así coma unha cruz sen imaxes e diversas pezas castrexas e romanas, coma un muíño navicular e varias pías atopadas nun agro próximo. Seguindo pola parroquia de Carboentes, o camiño chega a Mariñaos, onde se conservan varios típicos hórreos e vellas casas labregas, mostras da arquitectura popular que xa non se ven en Bardelás, onde as construción enxebres foron moi adulteradas.
Peto de ánimas e escudos de Riobó
Dende a parroquia de Carboentes, o camiño vai paralelo á estrada de Rodeiro a Oseira, ata chegar a Riobó, onde un peto de ánimas con relevos ben tallados e imaxes de Santo Antonio e a Virxe do Carme, aos que está dedicado, preside a encrucillada e, a poucos metros, na fachada dunha casa poden ollarse dous escudos de armas traídos do pazo que os condes de Torrepenela tiñán na Vila do Fondo, que tamén foi tulla, arrasado hai anos e levadas as súas canterías para o de Cartelos en terras lucenses de Carballeda. Logo, entre prados e carballeiras, vai o camiño ata a vila de Rodeiro, da que moito se podería contar, se aquí tiveramos espazo dabondo.
Deste camiño de arrieiros, que dende vila de Rodeiro continuaba por Río cara a San Xoán de Camba e A Portela, unindo as tres feiras que se manteñen nas terras de Camba e Dozón –Río, Rodeiro e A Gouxa–, nas que a gastronomía vai gañando terreo as mercadorías, presentou o prezado amigo e profesor Domingo Castro un proxecto ao Concello para o seu acondicionamento e sinalización, que tivo boa acollida ficando pendente de orzamento por parte das distintas administracións.
Outro camiño de arrieiros do Ribeiro, que se desviaba do que aquí referimos no municipio ourensán de Cea, atravesaba o municipio polas parroquias de Asperelo, Senra, Santa Baia, Fafián, San Xoán de Camba, A Portela e Salto, para continuar polas terras lucenses cara a Monterroso e Antas de Ulla.
Suscríbete para seguir leyendo
- Muere un marinero del cerco en un accidente mientras faenaba en las Cíes
- El Náutico de San Vicente vuelve a instalar una valla opaca para ocultar sus conciertos y reducir los problemas que causan
- Un incendio forestal que ya supera las 20 hectáreas moviliza decenas de medios en Ponteareas
- Manuel Freire y Dolores Pastoriza celebran los 60 años de casados
- La universidad pasa factura emocional en Galicia: casi 500 estudiantes piden ayuda psicológica a sus campus en un año
- Muere en Ourense Marcos Rodríguez Pantoja, el hombre que vivió más de una década aislado con lobos en Sierra Morena
- Un lunes de colapso en las carreteras de O Morrazo
- Portugal perfila los 12 trenes con los que unirá con Alta Velocidad Lisboa, Oporto y Galicia: más de 500 plazas en dos clases y sin cafetería
