Entrevista | Cristina Andrade Actriz
«Pode parecer que non, pero aínda quedan moitas Ofelias entre nós»
«Este proxecto cambioume tanto a nivel profesional como persoal, aprendín moito da personaxe que interpretaba e do meu equipo»

Andrade durante unha das funcións de ‘Hamlet’. / Miramemira
A actriz Cristina Andrade fálanos da súa participación en Hamlet, do Centro Dramático Galego, aclamada pola crítica e con entradas esgotadas na maioría das funcións.
‘Hamlet’ volve aos escenarios?
Así é, despois de esgotar entradas nas últimas funcións, o Centro Dramático Galego decidiu facer unha reposición dunhas oito funcións, xa para o ano que vén. Tamén haberá novas datas para A Serie Clopen e Memorias dun neno labrego.
Como chegou a interpretar este papel?
Foi un proceso longo. O Centro Dramático Galego é unha entidade pública, polo que os procesos de selección son abertos e con bastante carga burocrática. Eu preséntome todos os anos, e nesta ocasión optaba a dúas producións. Finalmente cheguei á fase de cásting deste, que foi case como un obradoiro sobre Shakespeare no que xa de por si aprendín moito. Por suposto, cando me dixeron que me collían para o papel de Ofelia, a alegría foi inmediata.
Xa coñecía a obra de antes, ou o seu primeiro contacto foi con este proxecto?
Coñecíaa de antes. Hamlet é un clásico, case o libreto do actor. Trabállase moito, non só polos temas universais e atemporais que trata, senón pola metainterpretación, xa que a propia personaxe tamén actúa. Con todo, a raíz deste traballo puiden documentarme máis e aproximarme á obra dun xeito máis profundo. Non é o mesmo entendela dende fóra que cando lle das vida.
Durante este tempo, que aprendeu da personaxe de Ofelia?
Ofelia é unha personaxe escrita no 1600, e iso nótase no sentido de que aparece dun xeito moi superficial e abstracto. Isto permitiunos escoller como queriamos interpretala, e decidimos facelo dende a súa contemporaneidade. Pode parecer que non, pero aínda hai moitas Ofelias entre nós. É unha muller incomprendida e apaleada por todo o seu arredor. Ten dificultades para comunicarse co seu entorno e estas veñen dadas polo seu propio contexto, como por desgraza aínda acontece hoxe en día en numerosos casos.
Algo que a marcara dela?
Quizais, o que máis segue comigo é comprender que ás veces, por moito que nos empeñemos e poñamos da nosa parte, o resultado está xa condicionado polo noso contexto. Dela aprendín moito, pero hai unha frase que figura no seu último monólogo e que me quedou gravada. Di: ‘Ofelia non será a muller que leve o río, non será a ninfa das augas pintada por homes. A miña dor non será ficción, será a vergoña do mundo’. Penso que é un fragmento que explica moitas cousas.
Imaxino que foron meses de moito traballo, pero que é o que máis disfrutou de participar en ‘Hamlet’?
Para comezar, a estabilidade que che dá. Pode soar pouco romántico, pero para unha actriz saber que vai estar cinco meses traballando e con horarios cerrados é algo moi pouco habitual, e que se valora. Pero sobre todo, o moito que aprendín do equipo. Vanesa Sotelo e Tito Asorey son dous dramaturgos impresionantes, o elenco é marabilloso... En xeral, foi un proxecto que me marcou tanto a nivel profesional como persoal, e do que podería falar horas.
Vostede fai tanto audiovisual como teatro. Algunha preferencia?
É imposible escoller entre un ou o outro. Ambos teñen códigos totalmente diferentes, e gústanme por igual. O teatro lévate máis ao oficio, á artesanía de interpretar. Mentres, a cámara é máis inmediata, pero ambos aportan moito.
Para rematar, algún proxecto no que estea traballando actualmente?
Comezo este verán a rodaxe dunha serie, pero disto aínda non podo falar moito. A maiores, estrearemos en setembro coa compañía Contraprodución a obra Crónica do rei pasmado, de Torrente Ballester, coa que faremos xira a nivel galego e nacional.
Suscríbete para seguir leyendo
- El cultivo de la cebada se extiende por Galicia: Hijos de Rivera se alía con 27 agricultores de A Limia y alcanza las 850 hectáreas
- Cada año 200 profesores piden compaginar la docencia con otro puesto de trabajo
- Dónde (y dónde no) ver el eclipse de este miércoles cerca de Vigo
- Denuncian a la protectora Os palleiros de Pontevedra por la desaparición y acogida posterior de una perra en Poio
- El Casino de Pontevedra mantiene la tradición: 22 chicas, «presentadas en sociedad»
- Dos policías nacionales salvan a una mujer que se quedó inconsciente al atragantarse en un bar de Vigo
- «Montando guardia» ante el escenario de D.Valentino en Pontevedra: «Yo llevo aquí desde las nueve»
- Ya son tres los buques chinos multados por pesca ilegal en aguas de Argentina: 2,6 millones a pagar y un cuarto barco pendiente de sanción