Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Entrevista | Joaquín Espiño Martínez Artesán e constructor de gaitas e requintas

"O verdadeiro premio é que a historia do obradoiro non caia no esquecemento"

O artesán estradense recibe o galardón As Nosas Músicas por un legado de máis de 230 anos

Joaquín segue achegándose cada día ao seu obradoiro, onde viviu case cincuenta anos de oficio.

Joaquín segue achegándose cada día ao seu obradoiro, onde viviu case cincuenta anos de oficio. / Bernabé / Javier Lalín / FDV

¿Ya nos sigues?Márcanos como medio preferente
Añádenos en Google
A Estrada

Cando Joaquín Espiño se xubilou, en 2023, tamén pechou as súas portas o histórico Obradoiro García de Riobó, poñendo fin a máis de 230 anos de actividade ininterrompida. O seu legado, porén, continúa vivo na música tradicional galega. O Festival As Nosas Músicas, que se celebrará en Couso os días 13 e 14 de agosto, renderá homenaxe a esa traxectoria premiando ao último representante dunha saga de artesáns que fixo da construción de gaitas e requintas un referente do patrimonio cultural galego. Con el falamos dun oficio herdado, dunha tradición familiar e do valor de conservar a memoria.

Como recibiu a noticia deste recoñecemento do Festival As Nosas Músicas?

Con sorpresa e con moito agradecemento. Nunca traballei pensando nos premios nin nos recoñecementos, pero sempre fai ilusión que valoren o traballo de tantos anos. Ademais, este non o sinto como un premio só meu xa que detrás de min hai cinco xeracións da miña familia. Eu fun o último, pero antes estiveron meu pai, meu avó e os que iniciaron esta historia hai máis de dous séculos. O premio é para todos eles.

Vostede chegou ao taller con só 17 anos. Foi unha responsabilidade moi grande?

Si. Eu estaba estudando metal en Santiago e non pensaba dedicarme a isto, pero faleceu meu pai e tocou seguir. Desde pequeno xa axudaba no taller, lixando pezas e aprendendo mirando, así que había unha base para continuar.

Como se consegue manter un obradoiro aberto durante máis de 230 anos?

Porque cada xeración colleu o relevo cando lle tocou. Meu avó quedou moi novo, meu pai tamén e a min pasoume igual. Todos medramos dentro do taller e aprendemos o oficio case sen decatarnos.

Ao longo destes anos chegaría a fabricar centos de instrumentos. Hai algún que lembre con especial cariño?

É difícil quedar cun só. Cada gaita era distinta e cada cliente tamén. Había encargos que levaban máis tempo polos detalles ou pola decoración, pero todas se facían co mesmo coidado.

Polo taller pasaron algúns dos grandes nomes da música tradicional galega. Que supuña iso?

Viñeron músicos moi coñecidos e tamén investigadores interesados na historia da gaita e da requinta. Iso facíache ver que o traballo que se facía aquí tiña importancia.

O obradoiro foi tamén un lugar de encontro para músicos e investigadores. Que significou iso para vostede?

Foi moi bonito poder compartir o que sabiamos. Moita xente achegábase para coñecer como se traballaba aquí e ver ferramentas que levaban varias xeracións no taller.

A requinta da Ulla está moi vencellada a Riobó.

Si. Durante moitos anos saíron deste taller a maioría das requintas da comarca. É un instrumento moi noso e unha parte importante da nosa identidade musical.

Mentres soe unha gaita de Riobó, unha parte do obradoiro seguirá viva para sempre

Canto tempo leva construír unha gaita?

Unha gaita normal pode levar arredor dunha semana. Despois hai encargos especiais, con incrustacións ou decoracións, que necesitan moitas máis horas.

Mudou moito a forma de fabricar unha gaita nestes anos?

As ferramentas foron mellorando, pero a esencia segue sendo a mesma. Un instrumento artesanal necesita paciencia, precisión e tempo. Hai cousas que ningunha máquina pode substituír.

Como foi o momento de pechar definitivamente o obradoiro?

Foi duro. Pasei alí practicamente toda a vida e custa baixar a persiana dun lugar con tanta historia. Pero tamén queda a satisfacción de todo o traballo realizado.

Botou en falta un relevo xeracional?

Claro que me gustaría que continuase, pero os tempos cambiaron. Cada un ten que escoller o seu camiño e non sempre é posible manter un oficio coma este.

Que representa para vostede este premio?

É unha maneira de que a xente non esqueza o que foi o Obradoiro García de Riobó. Iso é o máis importante.

Que lle gustaría que quedase para o futuro?

Que se lembre o traballo de todas as xeracións que pasaron polo taller. Mentres haxa alguén tocando unha gaita ou unha requinta feita en Riobó, unha parte do obradoiro seguirá viva.

Suscríbete para seguir leyendo

Tracking Pixel Contents