Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Etnografía

Doade: a fouce que revive o centeo

Recolléronse de xeito manual máis de 600 mollos na Sega do Centeo, mantendo viva unha tradición agraria declarada Festa de Interese Turístico de Galicia

O pan comeza a tomar forma en Doade coa sega do centeo

Bernabé / Javier Lalín

¿Ya nos sigues?Márcanos como medio preferente
Añádenos en Google
Lalín

O corazón da parroquia lalinense de Doade bateu este mércores con forza ao ritmo da fouce e o devalar da memoria colectiva. Nunha xornada marcada polo respecto ás tradicións agrarias, veciños e visitantes déronse cita para revivir a tradicional Sega do Centeo. Este labor artesanal, que consistiu en cortar o cereal coas fouces e atalo en mollos en plena leira, destacou como a gran protagonista dunha xornada na que o tempo axudou. Trátase dun traballo puramente manual de recollida que funcionou como a antesala indispensable para a posterior celebración da Malla Tradicional no mes de agosto, unha cita destacada no verán da comarca dezá.

O proceso da sega, executado con precisión por mans expertas, recreou fielmente cada unha das fases que formaban parte da rutina estival nos campos galegos tal e como lembra Manolo Blanco, fundador do Museo Etnográfico Casa do Patrón. Os participantes encargáronse de realizar o corte, o posterior atado do cereal e a preparación na propia leira. Tras un esforzo coordinado polo propio Blanco e entre 25 e 30 veciños, logrouse unha colleita final de máis de 600 mollos de centeo, un fito que mantén viva a semente do pasado neste punto do concello lalinense.

Esta recollida do cereal serviu para abastecer e preparar o terreo de cara á XXVII Festa da Malla Tradicional, que terá lugar o vindeiro 22 de agosto en Doade. Declarado Festa de Interese Turístico de Galicia, este segundo evento supón a culminación do ciclo agrícola, onde os mollos xa secos pasarán por diferentes modalidades de debullado: dende a malla á pedra e con males ata as técnicas manual, a motor e a tractor, completando así o proceso de separación do gran que cada ano xunta a visitantes de todas partes.

A xornada da malla de agosto complementará o esforzo da sega cunha mostra de artesanía, maquinaria e pintura, ademais dun xantar popular baixo carpa. A festa prolongarase co XII Serán da Malla, animado por agrupacións como os Acordeóns de Lalín, O Carballo da Manteiga, Os Dezas de Moneixas, A Xariza de Parada, Mistura de Vila de Cruces e Os Trasnos de Doade, pechando co concerto de Os Carecos de Ortegal. O centeo da sega usarase tamén para teitar e recuperar cubertas tradicionais da zona.


Tracking Pixel Contents