Entrevista | Juan Carlos Sánchez Fuciños Presidente de Queremos Parcelarias
«A nosa intención é que as persoas que iniciaron o proceso das tres parcelarias na Agolada poidan deixárllelas listas aos seus fillos»
«Comezamos as nosas reivindicacións en 2018, con proxectos de empresas e unha proposta de creación dunha plataforma autonómica que ao final quedou en nada»

Juan Carlos Sánchez Fuciños, de pé, con veciños do Sexo durante un encontro con Ana Pontón. / Bernabé / Javier Lalín

O pasado 2 de xullo a Consellería do Medio Rural publicou no DOG a declaración de utilidade pública de tres parcelarias de Agolada repartidas nas áreas de Basadre-Eidián-Ramil, Agra-O Sexo-Val de Sangorza e A Baíña-Berredo-Órrea. Este trámite supón un paso adiante nuns procesos que se viron adiados en varias ocasións e que incluso estiveron a piques de ver como caducaban trámites xa feitos décadas atrás. Por esas continuas demoras en 2018 púxose en marcha o colectivo Queremos Parcelarias que agora, oito anos despois, ve o froito das súas reivindicacións. Falamos co seu presidente, Juan Carlos Sánchez Fuciños.
Considera que esta declaración de utilidade pública chega un pouco tarde, en vista de que os trámites para dúas das parcelarias xa comezaran hai 20 anos? Seguro que moitas granxas e proxectos quedaron polo camiño neste tempo de espera.
En realidade, o primeiro trámite xa tivo lugar en 2002, coa demanda por parte do entón alcalde de Agolada, Manuel Costa, e en 2004 comezaron os traballos. Nunca se nos deu á veciñanza explicacións pola falta de avance nos trámites. Si houbo xustificacións para eses paros no proceso, como a falta de explotacións gandeiras ou que se ían acometer antes outras reestruturacións, pese a que en 2019 Medio Rural anunciou que ía decretalas en 2021. Non sabería dicir agora cántas explotacións pecharon nestes 24 anos, e está claro que á asociación e á veciñanza nos gostaría que esta declaración chegase bastante antes. Nós tiñamos claro que iamos loitar ata o final para conseguilas e queremos quedarnos coa parte positiva, esquecéndonos dos reproches, porque teño a sensación de que a vida social e política de Agolada está moi crispada con esta cuestión. A partir de agora, o que precisamos é que todas administracións muden ese proceso lento e con tantos atrancos para que sexa o máis rápido e consensuado posible.
Trasladáronlles prazos de execución? En Rodeiro, a reordenación de Val de Camba comezou no 2008 e ainda hoxe estase mellorando a rede dos camiños principais.
Dende a Xunta nin nos deron prazos nin houbo sequera unha chamada de cortesía, e si mereciamos esa chamada. Nós comezamos a nosa actividade como colectivo en marzo de 2018, cunha campaña de recollida de sinaturas para retomar as concentracións parcelarias e na que se xuntaron case 670 firmas, que son o 95% dos afectados. En novembro de 2019 grazas a unha manifestación conseguimos que non caducase o estudo de impacto ambiental. Insisto en que o que queremos é que se fagan estas tres concentracións e que se vexan os seus resultados, porque moitos veciños xa as daban por perdidas, e desexamos que as persoas que impulsaron os seus inicios hai máis de 20 anos, cando tiñan 50 ou 60 e agora teñen 80, poidan deixarlles as novas fincas listas aos seus fillos. A idea é, por asi dicilo, pasar páxina para que a xente se sinta agraciada e non agraviada.
Vostede mencionaba antes a crispación política en torno a estas tres parcelarias. Lembro, por exemplo, o voto en contra do PP no Parlamento contra a reactivación destas parcelarias, en 2019, ou o apoio do BNG nos últimos tempos que quizais podería interpretarse como unha busca de rédito político, xa que en teoría era sabedor dos avances nos trámites destes últimos meses. Politizouse a parcelaria de Agolada, como rematou politizada a polémica pola planta de Altri en Palas?
Para min, os partidos políticos están para apoiar aquelas iniciativas que consideren positivas para o territorio. No meu caso, a parlamentaria do BNG Ariadna Fernández chamoume varias veces co ánimo de apoiar e axudar. Hai que quedarse con iso e non co de quén fixo máis e quén fixo menos. A política é iso, participar nas cousas, e non buscar a crispación. E aproveito para agradecerlle á xente que colaborou con nós con, por exemplo, levando iniciativas ao Parlamento.

Protesta de Queremos Parcelarias, en 2019, en Santiago. / Xoán Álvarez
En 2022 Queremos Parcelarias anunciou que ía converterse no modelo a seguir para unha futura plataforma autonómica que, dalgunha maneira, ía canalizar as reivindicacións de todas as reordenacións paralizadas na comunidade. En que quedou este proxecto?
Ao final quedou en nada porque esta proposta nalgunha asociación xeraba divisións. Nós mantiveramos contactos con cinco ou seis concello de Ourense e A Coruña que querían avanzar neses trámites. Quero lembrar, tamén, que en 2019 presentamos «a derradeira oportunidade», unha iniciativa na que varias empresas se comprometían con proxectos importantes para as nosas zonas de concentración parcelaria.
A Xunta é consciente da demora que acumula calquer proceso de reordenación de parcelas, e por iso ofrece alternativas como a permuta de fincas, a agrupación de parcelas ou a explotación conxunta. É unha solución?
Esas opcións propúxenas eu no Sexo hai 38 anos. A agrupación de fincas é un sistema estupendo se as parcelas miden cada unha media ou unha hectárea e están identificadas, pero onde hai 7 ou 8 fincas por hectárea e con moito monte, resulta inviable, e esta cuestión xa a sinalaba o enxeñeiro agrónomo Miguel Pérez Dubois (e ex xefe territorial de Medio Rural) nun estudio.
E para rematar, considera que nun futuro si poderá haber parcelaria en Brocos e Sexto? Nun momento demandouse a súa inclusión nas 3 áreas nas que agora sí se reactivou o proceso.
A veciñanza desas dúas parroquias ten o noso apoio total e absoluto. Eso si, hai que entender que é un proceso distinto ao das tres reordenacións que saen agora adiante porque terían que empezar de cero. E se en Brocos e Sexto finalmente chega a materializarse a parcelaria, quedaría toda a zona ribeireña do Ulla en Agolada con novas parcelas.
Suscríbete para seguir leyendo
- Dónde (y dónde no) ver el eclipse de este miércoles cerca de Vigo
- Pinchan las ruedas de 10 coches de portugueses en la playa de Areacova
- Denuncian a la protectora Os palleiros de Pontevedra por la desaparición y acogida posterior de una perra en Poio
- El cultivo de la cebada se extiende por Galicia: Hijos de Rivera se alía con 27 agricultores de A Limia y alcanza las 850 hectáreas
- Cada año 200 profesores piden compaginar la docencia con otro puesto de trabajo
- Menores con adulto y permiso parental se quedaron fuera de la platea de Castrelos para ver a Abraham Mateo: «Sé que es la ley, pero...»
- El Casino de Pontevedra mantiene la tradición: 22 chicas, «presentadas en sociedad»
- Dos policías nacionales salvan a una mujer que se quedó inconsciente al atragantarse en un bar de Vigo