Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

«Sempre dixen que son unha nena da aldea na diáspora, Galicia é parte de min»

«Esta exposición é un collage que fala de min e desa morriña herdada que me acompaña»

Carbia López xunto a Álex Brei na Riala.  | CEDIDA

Carbia López xunto a Álex Brei na Riala. | CEDIDA

¿Ya nos sigues?Márcanos como medio preferente
Añádenos en Google
A Estrada

Rocío Carbia López (43), naceu en Bos Aires, Arxentina, no seo dunha familia emigrante galega. Malia que sempre resideu neste país, dende pequena tivo contacto coa cultura de orixe e coas súas raíces. Nela basa a súa obra que agora expón en A Riala, e sobre a que nos fala nas seguintes liñas máis en profundidade.

Vostede naceu en Bos Aires, pero ten unha forte vinculación con Galicia. Como foi medrando entre eses dous mundos?.

Son filla dun pai nacido en Vedra e dunha nai arxentina, tamén filla de galegos. Na miña casa a cultura galega sempre estivo moi presente. Miña nai era profesora de baile tradicional e meu pai tamén bailaba, así que eu nacín dentro dese ambiente. Sempre digo que medrei nunha aldea da diáspora, porque toda a miña infancia estivo atravesada pola lingua, a música, o baile e as historias familiares de Galicia

O seu arte está moi inspirado polo folklore galego. Foi casualidade ou sempre soubo que quería centrarse artísticamente en Galicia e a súa cultura?

Foi un proceso natural. Sempre debuxei, pero non pensei niso como unha profesión ata os vinte e tantos anos, cando comecei a formarme en ilustración e pintura. Pouco a pouco fun atopando unha voz propia e decateime de que as imaxes me permitían poñer en palabras o mundo no que vivía: unha vida porteña profundamente atravesada pola cultura galega. De feito, gústame definirme como galaico-porteña. Para min o folklore, o traxe e o baile tradicional galego son parte de min. Non representan só unha estética, senón unha historia familiar. Nesta exposición tamén quixen homenaxear as mans que fixeron posible eses traxes. Miña nai e as miñas avoas eran costureiras e confeccionaron as roupas coas que bailei desde nena. Por iso nas obras aparecen encaixes, patróns ou selos relacionados coa confección téxtil. Todo fala da transmisión entre xeracións e da identidade.

Fáleme da exposición na Riala. Como foi o proceso de montaxe e como xurdeu a colaboración?

Era unha idea que levaba tempo madurando, pero comezou a coller máis forma cando me fixeron a proposta de expoñer aquí. Son oito pezas nas que combino pintura dixital cun collage elaborado a partir de elementos reais. Hai teas que gardaba da miña avoa materna, follas de xasmín que me lembran o arrecendo da súa casa ou pequenos obxectos familiares escaneados. Ao mesmo tempo, os bailaríns que aparecen debuxados son xente cercana a min, coa que comparto o amor por este mundo do baile e da música. Todo iso convértese nunha única composición que me serve para falar de min, desa especie de morriña herdada que me acompaña a todas partes, e tamén de memoria e identidade.

Vostede puido estar en contacto próximo coa cultura das súas raíces, e tamén tivo a vontade de mergullarse nela. En cambio, hai outros descendentes de emigrantes que prefiren darlle as costas. Por que considera necesario aprender lo lugar de onde proceden as súas orixes?

Porque tamén é unha formar de explicar o teu propio ser e a túa forma de proceder. Hai veces que non comprendes certas cousas ata que non coñeces de onde vés. Podo poñer un exemplo concreto. Na miña casa, especialmente por parte de meus avós, sempre houbo esta idea de abundancia. Sexa a través da comida ou de acumular bens materiais, nin nosos avós nin nosos pais querían que nos faltase de nada. Iso, cando o relacionas co contexto de carencia que directa ou indirectamente viviron, compréndelo doutro xeito. Entendes ese medo a non ter. É certo que non todo o mundo ten ese interese por apreder da cultura de orixe ou, simplemente, non teñen a sorte de que se lles transmita. Para min é un privilexio ter crecido en constante contacto con ela. forma parte de min tanto ou máis que Arxentina.

Que similitudes atopa entre o pais da Prata e Galicia?

Hai que dicir que a Arxentina chámanlle a quinta provincia galega por algo. Foron tantos os que emigraron alá que, sobre todo Bos Aires está atravesado tanto pola cultura galega como a italiana. Se tivese que dicir algún rasgo que compartan, sería a aforza do traballo e a creatividade, que se traduce no que coñecemos como ‘apañarse co que hai’, buscar solucións con medios limitados.

Ademais desta obra, ten algún outro proxecto entre mans?

A verdade é que estou traballando na confeción dun libro coas cartas que se enviaban meus avós durante o ano que estiveron separados. Será un libro ilustrado, polo que é un proxecto a medio-longo prazo. Aproveitando a miña visita a Galicia estou facendo traballo de campo, e recopilando texto.

Suscríbete para seguir leyendo

Tracking Pixel Contents