Experiencias
"Ti a Estados Unidos e eu a Canadá"
Dúas alumnas do IES Antón Losada da Estrada, separadas por apenas un ano, comparten a mesma experiencia grazas ás bolsas da Fundación Amancio Ortega. Mentres Lúa regresa de Texas, Marcela prepara a súa marcha a New Brunswick para cursar Primeiro de Bacharelato

Bernabé/ Javier Lalín
Hai historias que parecen escritas para contarse xuntas. Mentres Lúa Mariña Fernández acaba de regresar á Estrada despois de pasar dez meses en San Antonio (Texas), Marcela Campos Rodríguez fai a conta atrás para emprender a mesma aventura. En setembro marchará cara a Riverview, na provincia canadense de New Brunswick, Canadá, para cursar Primeiro de Bacharelato grazas a unha das bolsas da Fundación Amancio Ortega.
As dúas coñecéronse sendo nenas no CEIP Don Aurelio de Cuntis, continuaron os estudos da ESO no IES Antón Losada Diéguez da Estrada e, con apenas un ano de diferenza, forman parte dun reducido grupo de estudantes que cada curso logra acceder a un dos programas de intercambio máis prestixiosos do país. Cada ano presentan a súa candidatura entre 8.000 e 10.000 alumnos de toda España; só 450 conseguen a bolsa e, delas, 80 están reservadas para alumnado galego.

Mentres Lúa acaba de regresar dos Estados Unidos, Marcela prepara a súa marcha ao Canadá. / Bernabé / Javier Lalín
A bolsa cobre a viaxe, a estancia cunha familia anfitrioa, a formación e o seguimento académico durante todo o curso. Pero, para Lúa e Marcela, o máis importante nunca foi cambiar de país. O verdadeiro reto era descubrir ata onde eran capaces de chegar por si mesmas.
«Eu sempre estiven obsesionada coas películas de institutos americanos, coa música e coa cultura dos Estados Unidos», lembra Lúa. Todo comezou cando apenas tiña seis ou sete anos e viu no seu colexio un recorte de xornal sobre un estudante que conseguira aquela mesma bolsa. «Pensei: igual algún día podo ser eu». Co paso do tempo decatouse de que o soño non consistía só en viaxar. «Quería coñecerme a min mesma, saber quen son sen os meus pais, sen os meus amigos e demostrarme que son capaz de facer as cousas por min soa».
«Os dez meses en Texas parecéronme unha vida enteira e ao volver sentín coma se pasara un día»
Marcela descubriu a convocatoria xa durante a ESO e, desde entón, empezou a imaxinar a súa propia aventura. «Quero probarme a min mesma, ver canta independencia podo gañar e afrontar situacións sen depender dos meus pais». Durante meses foi descontando os días ata que chegou o momento de presentar a solicitude. Cando recibiu a noticia, aquel proxecto deixou de ser unha ilusión afastada. «Antes parecía algo moi lonxe, pero agora está aí».
As dúas lembran tamén un proceso de selección longo e esixente: expediente académico, documentación, probas de inglés e unha entrevista persoal na que xa non abondan as boas cualificacións. «O único que quedaba entre min e a bolsa era explicarlles que era capaz de afrontala», resume Lúa. Marcela coincide plenamente: «Xa non contaba o que estudaras, senón quen eras e se te vían preparada para vivir unha experiencia así».
Agora Lúa fala coa perspectiva de quen xa regresou. En Texas atopou a Lisa, a segunda familia, fixo amizades, practicou esgrima e dedicou parte do seu tempo a impartir clases de inglés a persoas refuxiadas afgás. «Sentía que estaba facendo un impacto real e foi unha das partes máis bonitas do intercambio». A experiencia tamén lle serviu para desmontar moitos prexuízos. «Ás veces montamos estereotipos na cabeza e hai que vivir noutra cultura para descubrir que non sempre son certos».
«Vou deixar atrás todo o que coñezo para descubrir ata onde son capaz de chegar»
Marcela, pola súa banda, pensa xa na vida que a agarda en Canadá con Bonnie e Joette, as súa familia de acollida. Ilusiónaa vivir na única provincia bilingüe do país, aprender francés, practicar voleibol, probar o hóckey sobre xeo e participar en actividades de voluntariado. «A miña familia de acollida ten moitas ganas de ensinarme a súa cultura e tamén de coñecer a nosa».
As despedidas son agora o único momento no que as súas historias deixan de ir da man. Marcela sabe que chorará cando chegue a hora de marchar. «Vai haber moitos choros, pero tamén a tranquilidade de saber que vou volver». Lúa, que xa pasou por ese momento, sorrí ao lembralo. «As despedidas son durísimas, pero esta experiencia fíxome moito máis independente».
Ao final, o título resume mellor ca nada as súas historias: unha marchou aos Estados Unidos; a outra prepárase para voar a Canadá. Con apenas un ano de diferenza, as dúas descubriron que a viaxe máis importante non é a que leva a outro país, senón a que fai que unha regrese sendo un pouco máis dona de si mesma.
Suscríbete para seguir leyendo
- Rescatada del agua una persona que flotaba boca abajo en una playa de Sanxenxo
- Dos toneladas de microplásticos llegan a la ría de Vigo cada año desde el Morrazo
- Abraham Mateo consigue dejar 'loco enamorado' al público de Castrelos
- La Europol incluye en su lista de más buscados a una mujer que se hizo pasar por médica en Lugo y A Coruña
- La estudiante viguesa del campus de Pontevedra, Marta Domínguez, se proclama de nuevo campeona de squash del mundo universitario
- Tres heridos en dos accidentes de tráfico en Cangas y Moaña
- La nueva vida de la familia argentina que se mudó al rural ourensano para emprender: «Acá nos sentimos libres»
- De local comercial vacío a sala de exposiciones para 1.000 personas junto al Auditorio Mar de Vigo