Entrevista | Fernando Redondo Presidente da Fundación Xosé Neira Vilas
"As visitas polo Día das Letras Galegas van vir da sociedade, da cultura e do ámbito educativo"
«Agardo que o 2027 sirva para coñecer outras facetas de Neira Vilas que van máis alá de 'Memorias dun neno labrego' e que teñen que ver co ensaio, co xornalismo e cos epistolarios»

Fernando Redondo preside a Fundación Neira Vilas dende 2019. / Cedida

Este mércores, 8 de xullo, a Real Academia Galega confirmou que Xosé Neira Vilas será o autor homenaxeado nas Letras Galegas do 2027. A súa candidatura foi respaldada de forma unánime, trala retirada da de Constantino García González. Neira Vilas naceu na parroquia cruceña de Gres o 3 de novembro de 1928, e tras estar emigrado en Buenos Aires e La Habana, volveu á súa terra en 1992, onde finou o 27 de novembro de 2015. Falamos co seu sobriño, Fernando Redondo Neira, que preside a Fundación Neira Vilas dende o 2019.
Dende semanas atrás a candidatura de Neira Vilas xa fora collendo forza. Esta escolla era un nomeamento agardado desde a Fundación?
Era esperado en certa medida, porque a prensa xa o viña anunciando dende días atrás, e Xosé Neira Vilas xa foi designado o primeiro ano que podía selo. A norma da RAG indica que teñen que pasar dez anos do pasamento no momento da designación. En xuño do ano pasado faltaban uns meses para que se cumprisen eses dez anos.
Isto ten ocorrido con moi poucos autores, nonsí?
Pois o certo é que non fixen esta comprobación, pero véñenme á cabeza autores como Carlos Casares ou Manuel María, que si foron designados aos dez anos do seu pasamento ou poucos anos despois.
Era necesario este recoñecemento? Quizais hai moita xente que coñece a Neira Vilas só por ‘Memorias dun neno labrego’.
Agardo que 2027 sexa un ano para dar a coñecer e para divulgar a súa obra máis alá de ‘Memorias dun neno labrego’, que é moi apreciada, moi leída e moi coñecida, pero nós agardamos que as Letras Galegas sirvan para dar a coñecer a produción narrativa, os contos e outras facetas de Neira Vilas como escritor e que teñen que ver co ensaio, a poesía, a investigación, o xornalismo, o que se chama ‘literatura memorialística’, incluso os epistolarios con Francisco Fernández del Riego, con Isaac Díaz Pardo, con Ramón Piñeiro ou con Manuel María. Todo isto está publicado.
E esta correspondencia coñécese grazas, en parte, ao traballo da fundación, hai que dicilo.
Bueno, grazas pola parte que nos toca, pero sobre todo grazas ao propio Neira Vilas que adicou moita parte do seu tempo a escribirlle cartas a moita xente, a manter o contacto e facer ese esforzo de cultivar amizade con moitas persoas pero tamén de conservar todas esas cartas. Ten en conta, Salomé, que Neira Vilas viviu en Bos Aires, logo na Habana e despois en Gres, e foi dun lado para outro con todas estas cartas. Grazas a que as gardou é posible ir publicando de forma periódica esta correspondencia, que é un tesouro. Quen entra nesas cartas descubre unha lectura moi estimulante e moi amena, e tamén diferente á narrativa e á ficción.
E seguro que non as gardou con vistas a que nun futuro fosen publicadas.
Entendo que non. Cando tés 20 anos non gardas a correspondencia pensando en publicala para cando cumplas os 80. O feito de gardar toda estas cartas ten que ver co seu carácter: era unha persoa moi coidadosa, gardaba e clasificaba todos os documentos que lle chegaban.
Fala vostede da lectura amena da correspondencia de Neira Vilas. No meu caso, con ‘Cartas a un joven poeta’, de Rainer María Rilke, descubrín unha faceta moi humana e moi distinta deste escritor austríaco, pois neste epistolario reflexiona sobre o movemento feminista, a soidade ou a natureza. Para min, ler a estoutro Rilke foi moi entrañable.
Certo, hai que ter en conta a dimensión humana do escritor, e este tipo de material é o que máis te achega a el. Nas cartas, o lector está escoitando ao escritor na súa propia voz.
¿Sería posible ter un doble recoñecemento nas Letras Galegas para Neira Vilas e a súa esposa, Anisia Miranda? ¿Ou Anisia merece unha divulgación propia da súa producción literaria?
Ogallá. O nomeamento do homenaxeado é unha decisión exclusiva e soberana da Real Academia Galega. Non é unha cuestión democrática de “ir a votar”, por así dicilo. Nós, dende a Fundación, o que podemos expresar é o desexo de que Anisia algún día acade ese recoñecemento, e con el pecharía un círculo moi fermoso.

Xosé Neira Vilas co seu sobriño Fernando, en Gres, nunha imaxe de arquivo. / Cedida
Que vai supoñer esta distinción das Letras Galegas para o traballo da Fundación Xosé Neira Vilas?
A previsión é que sexa un ano intenso, pero a día de hoxe ainda é imposible concretar as actividades. Mantemos a rutina de convocar premios, organizar encontros con escritores, o Día das Escritoras… de cara ao ano que vén está claro que imos recibir máis visitas, e vai proceder sobre todo da sociedade civil, do mundo da cultura e do do ensino, porque é nos centros educativos onde funciona moi ben o Día das Letras Galegas. E Neira Vilas sempre mantivo un vínculo co mundo educativo. Tampouco faltarán presentación de actividades e libros que xurdan un pouco á marxe da fundación, que non pode facer moito máis do que facemos. A estes eventos hai que sumarlles os da RAG, de universidades e doutras institucións.
Ademais das actividades que menciona vostede, a Fundación ten en marcha catro premios (de poesía, de teatro, de novela curta e de literatura infantil) e mantén aberta a biblioteca. Botan en falta un maior apoio tanto do Concello de Vila de Cruces como da Deputación e da Xunta para o seu día a día?
Eu creo que se lle fas esta pregunta a calquera colectivo ou asociación, diríache que si. Calquera axuda será ben recibida, está claro que precisamos máis apoio e confiamos en que o Ano das Letras sirva para establecer unha liña de axuda razonable e acaída, vinculada a Neira Vilas e a Anisia Miranda. Nós estamos moi agradecidos con todas as iniciativas que xorden dende a administración. Pero é que calquera institución precisa un acompañamento económico, porque nós non somos unha empresa nin estamos para gañar diñeiro, pero hai uns gastos.
Hai uns meses, coincidin con outra sobriña de Neira, Chus, que é responsable da biblioteca, e con Olga, a filla da señora Ofelia, e contábanme anécdotas de Neira Vilas, que axudaba a ver o seu perfil máis cercano. O Día das Letras vai servir para ver esa proximidade? Cada vez que visito Gres, doume conta do inmenso cariño que lle garda a veciñanza a Neira Vilas e a Anisia Miranda.
Ocorre con toda persoa que ten unha proxección pública, que tamén conta cun perfil privado e persoal que só coñecen uns cantos e que forma parte dese anecdotario. Sobre se era despistado, sempre se di que as persoas miopes tendemos a estar un pouco nas nubes, e que como vemos máis ao lonxe nos centramos máis no próximo. Era un rasgo de carácter que o humaniza. Cando a parella se estableceu en Gres ofreceu de xeito gratuito unha biblioteca e un museo, é decir, un equipamento cultural que daquelas non existía e que comezou a funcionar xusto antes da irrupción de internet. Por iso, en Gres todas as tardes se xuntaba un grupo de nenos e nenas que acudían á fundación para facer as súas tarefas escolares ou para consultar libros. Había e hai un servizo cultural e educativo propiciado por Pepe e Anisia, coa axuda das administracións. Neira gostaba de falar non tanto da fundación senón do “centro cultural de Gres”, que é como nos gosta seguir chamándolle.
Ese labor de dinamización dase tamén na parroquia veciña de Piloño, da man da Fundación A Solaina Paco Lareo.
É un caso moi excepcional no interior de Galicia, e cómpre poñer en valor estas iniciativas en torno ao ámbito educativo e artístico. No caso da Solaina está edicando no mundo das artes á xente do rural, e iso ten moito mérito nun concello afastado das grandes ciudades que teñen equipamentos culturais de sobra.
Suscríbete para seguir leyendo