ao pé do farelo
Amarrados a un móbil
Tocounos vivir tempos nos que a tecnoloxía superou todo o inimaxinable; xa saben aquilo de que a realidade supera a ficción, pois sen dúbida que si. Quen o diría!
Tan só basta con darmos unha volta por calquera cidade, vila e ata aldea da nosa terra para certificar que, hoxe por hoxe, nos resulta xa imposible desprendernos do móbil e a súa dependencia. Mesmo xa empezan os psicólogos a falar dunha nova enfermidade mental, tan perigosa e obsesiva como o xogo, as drogas, o alcohol, porque para moitos de nós é imposible saír da casa sen o aparello do demo, cargado de batería para todo o día, ou mesmo cunha batería auxiliar, por se fose necesario a recarga.
E non digo dos problemas que están a crear nos nosos rapaces. Todos sabemos como vai hoxe en día o do acoso e as redes; sobran as palabras.
Imos polas rúas e non deixamos de mirar a pantalla máxica nin á hora de cruzar unha estrada polo paso de peóns, e menos mal, porque moitas veces o facemos á boa de Deus por calquera sitio. Quedamos a comer cos colegas e amigos e raro, moi raro, é o que non deixa o móbil sobre a mesa, ben á man, cando non bota unha ollada descaradamente e cunha falta de educación manifesta en plena conversa. Xa non digo nada da comida de todos os días cos fillos en familia, presidida, por suposto, pola caixa tonta e os seus anuncios, dimes e diretes, dislates de cada día.
Que levante a man o que estea libre de pecado e non teña por costume deixar o maldito móbil na mesiña de noite, xunto ás gafas e algún libro, os poucos que teñan o bo costume de ler antes de botarse a durmir.
O móbil está a ser un verdadeiro problema en demasiadas oportunidades e, coa aparición da IA, xa superou todo o que poidamos pensar. Redes sociais, información, comunicación en tempo real e instantáneo, maps, control e seguimento; non esquezamos que, grazas aos móbiles, hoxe en día resulta doado saber a xeolocalización de calquera, onde puido estar ou onde está.
Non hai dúbida de que os móbiles teñen moitas cousas prácticas e útiles que melloran a nosa vida; sen dúbida que si, sería de necios negalo, e que nos fan a vida un chisco máis amena, cando non práctica, sobre todo nos temas laborais, contactos coa familia e amigos e no acceso á información.
Pero ollo, porque onde está a lei salta a trampa, e a dependencia excesiva, o control e o descontrol, duns e outros, case que sempre remata en conflitos, dramas e bágoas. Estamos a ver como por uns WhatsApp, ou unhas fotos deste ou aquel, vaise á merda unha parella, ou os xuízos atopan base para xuízos e delitos.
O móbil veu para quedar, como os ordenadores, a robótica, os drones e outros inventos tecnolóxicos que están a facer billonarios a algúns, en tanto outros, como no caso dos funcionarios da administración dos talibáns de Afganistán, teñen que renunciar a eles porque se considera algo pecaminoso; para eles todo o é, sobre todo os libros e todo o que dá liberdade de sentir, pensar e actuar.
Que miseria mental!
- Dónde (y dónde no) ver el eclipse de este miércoles cerca de Vigo
- Denuncian a la protectora Os palleiros de Pontevedra por la desaparición y acogida posterior de una perra en Poio
- Pinchan las ruedas de 10 coches de portugueses en la playa de Areacova
- El cultivo de la cebada se extiende por Galicia: Hijos de Rivera se alía con 27 agricultores de A Limia y alcanza las 850 hectáreas
- Menores con adulto y permiso parental se quedaron fuera de la platea de Castrelos para ver a Abraham Mateo: «Sé que es la ley, pero...»
- Cada año 200 profesores piden compaginar la docencia con otro puesto de trabajo
- El Casino de Pontevedra mantiene la tradición: 22 chicas, «presentadas en sociedad»
- Dos policías nacionales salvan a una mujer que se quedó inconsciente al atragantarse en un bar de Vigo