Festa tradicional
Santa Isabel en Bidueiros sen música nin foguetes
A romaría e a imaxe viñeron vai para un século dunha antiga capela que a Santa tiña na Gouxa
Os veciños da parroquia de Santa María de Bidueiros celebraron a pasada fin semana a tradicional festa da Santa Isabel, coa igrexa ateigada de fieis na misa solemne e tamén con ampla participación na procesión arredor do adro ata o cruceiro, na que os paisanos portaban as andas da imaxe que poxaron para ter o privilexio de metela no templo. No interior os máis devotos tocaban a figura da Santa con panos e deixaban as súas esmolas na cesta que levaba o sancristán, ou nos ben tallados e antigos petos que para tal fin teñen a Santa Isabel e as Ánimas. En tempos, sen ser tan concorrida e coñecida coma a romaría da Santa Isabel de Escuadro, en terras de Silleda, aínda soaba a música e estoupaban abundantes foguetes nesta celebración e tamén pola do San Martiño, en novembro, pero agora, a maiores da parte relixiosa, só se manteñen os xantares nas casas cos da familia e algúns festeiros.
Da antiga igrexa románica só se aproveitaron para a actual, de factura barroca, as doelas do arco triunfal. No retablo principal, que pouco pasa dos cen anos, a maiores da imaxe da Santa Isabel, que máis semella a dunha Virxe das de vestir, poden ollarse dúas tallas antigas de San Martiño e Santo Antonio, e dúas máis novas do San Xosé co Neno e a Virxe, e na cima unha do Neno Deus coa bóla do mundo nas mans. Nos dous retablos laterais están senllas imaxes de San Roque e San Caetano, con gravados policromados da Virxe na parte superior e rostros de anxos na inferior. Coa igrexa forma conxunto a casa reitoral, que leva anos sen outro uso có de cortellos para o gando, que pasta no amplo terreo do saído. No interior ollamos o que puido ser unha ara romana reaproveitada, para ter man das vigas da vivenda do párroco.
A capela da Gouxa
No lugar da Gouxa, ben coñecido polas súas concorridas feiras do 11 e 23 de cada mes, agora máis gastronómicas ca mercantís, pode ollarse o pouco que queda da antiga capela da Santa Isabel, que dende hai case un século fica abandonada e convertida en cortello e palleira. Nela celebrábanse misas para os veciños e feirantes, e tamén unha romaría anual moi concorrida, que a mediados do século XX pasou á igrexa parroquial de Bidueiros, a onde foi parar tamén a imaxe da Santa que agora se venera aquí e ten a celebración que relatamos neste artigo.

A capela da Grouxa serve agora de cortello para o gando. / Daniel G. Alén
Preto da que fora capela, hai unha vella casa con curiosos esgrafiados nas parades exteriores, que se están a perder e, mesmo en fronte, consérvase un cruceiro da mesma época coas clásicas imaxes de Cristo e a Virxe na cruz e a Santa Lucía no fuste, que foron refeitas con cemento de xeito pouco ortodoxo, o mesmo co que se rehabilitou a fonte lavadoiro de cantería con ladrillo e uralita en tempos recentes. Outro cruceiro con imaxes desapareceu da encrucillada do Camiño de Santiago, que por aquí pasa, na variante de Oseira, por onda os vellos pendellos da feira, que piden a berros unha axeitada restauración.
Peto de ánimas e cruceiros
Non é o dos pendellos da Gouxa o único patrimonio ameazado nesta parroquia de Dozón. Preto da igrexa parroquial, a pé da variante do Camiño de peregrinación a Compostela que vai de Oseira ao Castro, contamos ata catro cruceiros aos que alguén lles esnaquizou a cruz tempo atrás, que ben merecen unha restauración, o mesmo ca o peto de ánimas do San Martiño, que hai cen anos debuxou Castelao, antes de que fora modificado e trasladado do seu primitivo emprazamento.
A estes cruceiros estragados e tamén ao peto, que precisa un arranxo, habemos dedicar unha reportaxe proximamente, así coma ao forno comunal do lugar de Bidueiros, ao que lle medran as silvas e as hedras no interior, non lonxe do recentemente rehabilitado lavadoiro e bebedoiro, exemplo do que se debe e pode facer para conservar e mesmo recuperar o noso abundante patrimonio material que esmorece nesta e noutras parroquias de Deza.n
Suscríbete para seguir leyendo
- Dos viajeras que perdieron un avión de Madrid a Bruselas por una avería del tren en Ourense no serán indemnizadas por el coste de los billetes adicionales para llegar a Bélgica
- «La dieta y el ejercicio son fundamentales en la menopausia y, para las que aun así tienen síntomas, hay tratamientos»
- María Corina Machado, de boda en Vigo
- Cierran tres negocios de Frutas Nieves en Vigo por el desahucio de un franquiciado, una situación inédita en sus más de 40 años
- Identificado el camionero que destrozó la rotonda de García Sánchez en Lalín tras quedarse dormido
- Trescientos pacientes del Chuvi reciben los primeros fármacos específicos para combatir las migrañas
- Un recorrido hasta «las Dolomitas gallegas»: un pueblo de techos de pizarra en el corazón de uno de los mejores parísos naturales de la comunidad
- La UE rescata a 671 trabajadores despedidos de 20 empresas del motor en Galicia por la caída de ventas y la electrificación del sector con 3,2 millones en ayudas
