Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Patrimonio rural

Os chozos ou chuzos de pastores: arquitectura popular a pedra seca

As construcións a pedra seca usadas polos pastores como refuxio fronte ao frío, á chuvia e ao lobo conservan en Deza, sobre todo en Agolada, restos dunha arquitectura popular ligada á gandería extensiva, á vida nas aldeas e a unha relación sabia, austera e respectuosa coa paisaxe, hoxe ameazada polo abandono do rural tradicional

¿Ya nos sigues?Márcanos como medio preferente
Añádenos en Google
Agolada

Chozos, chuzos, cabanas, cubertos, casetos, alpendres ou simples acubillos. Sexa cal for o nome que reciban, estas pequenas construcións forman parte esencial da memoria do rural galego. Foron refuxio de pastores e do gando fronte á chuvia, ao frío, ao vento, á noite e mesmo aos perigos do monte, entre eles o lobo, tan presente durante séculos na vida das aldeas.

No patrimonio tradicional de Galicia existen numerosas edificacións modestas e discretas que, precisamente pola súa sinxeleza, explican mellor ca ningún monumento a relación entre o ser humano, a terra e a necesidade. Entre elas destacan os chozos ou chuzos de pastores, vinculados á vida pastoril e ao aproveitamento tradicional da montaña. Son unha magnífica mostra de arquitectura popular, levantada con técnicas ancestrais e, sobre todo, coa chamada pedra seca: pedra sobre pedra, sen argamasa nin cemento, fiándoo todo ao equilibrio, á experiencia e á sabedoría dos construtores.

Estas construcións, cuxa orixe se perde no tempo, sorprenden pola solidez dos seus muros. Moitas mantivéronse en pé durante décadas, mesmo séculos, malia seren obra de labregos, pastores e canteiros populares, xente sen estudos arquitectónicos pero cun coñecemento profundo do territorio, dos materiais e das necesidades da vida no monte.

Moitas mantivéronse en pé durante décadas, mesmo séculos, malia seren obra de labregos, pastores e canteiros populares, xente sen estudos arquitectónicos

Os chozos xurdiron para dar abrigo aos pastores durante as longas xornadas de coidado do gando en zonas afastadas das aldeas. Durante séculos, especialmente na Idade Media e na Idade Moderna, o pastoreo nas montañas foi unha actividade fundamental da economía rural. Ovellas, cabras e vacas eran levadas ás zonas altas na procura de pastos frescos, obrigando os pastores a pasar días, e ás veces tempadas enteiras, lonxe da casa.

Nese contexto aparecen estas pequenas edificacións, pensadas para protexerse da chuvia, do frío e do vento, descansar durante a noite ou gardar ferramentas, comida e, nalgúns casos, cordeiros ou cabritos acabados de nacer. Eran construcións pobres en medios, pero ricas en intelixencia práctica; austeras, sen adorno ningún, mais perfectamente integradas na paisaxe.

A súa forma varía segundo a zona e os materiais dispoñibles. Algunhas foron simples cabanas vexetais feitas con ramas, xestas ou colmo, fáciles de reconstruír cada tempada. Outras, máis duradeiras, levantáronse con pedras irregulares de granito, xisto, lousa ou cuarcita, encaixadas con paciencia e sen ningún tipo de aglomerante.

A pedra seca, tamén coñecida como cachotaría tradicional, é moito máis ca unha técnica construtiva. É unha manifestación do patrimonio cultural inmaterial, transmitida de maneira oral e práctica ao longo das xeracións. A súa beleza nace precisamente da utilidade: empregar o que había preto, sen contaminar nin alterar máis do necesario o medio natural.

Os chozos adoitan ser de planta circular ou ovalada, aínda que tamén existen exemplos rectangulares ou cadrados. As entradas son pequenas e baixas, para conservar mellor a calor e protexer o interior do vento. Nalgúns casos, a porta orientábase cara ao sur ou ao leste, aproveitando a luz do sol e buscando abrigo fronte aos ventos máis duros.

No interior apenas había nada: un banco de pedra, unha superficie elevada para descansar, un oco para gardar utensilios ou un pequeno espazo onde facer lume. O fume saía por un respiradoiro ou por algunha abertura mínima. Nos chozos de maior complexidade era preciso definir ben o terreo, levantar muros dobres, deixar o van da porta e colocar unha laxe a modo de lintel. Cando a estrutura se pechaba en forma de cono, a obra facíase aínda máis difícil, pois o estreitamento progresivo obrigaba a unha colocación moi precisa das pedras.

Non debemos pensar que, por seren edificacións humildes, carecían de complexidade. Ao contrario: moitos chuzos son unha excelente mostra de fábrica popular. A súa estabilidade dependía da correcta elección e colocación de cada pedra, da inclinación dos muros, do peso da cuberta e da adaptación ao terreo. Eran, en definitiva, un diálogo sabio entre o home e a natureza.

Exemplos senlleiros en Galicia

Galicia conserva boas mostras destas construcións. Un dos conxuntos máis coñecidos é o da serra do Suído, entre Pontevedra e Ourense, onde se localizan chozos dunha notable calidade técnica. Algúns presentan arcos de medio punto, contrafortes exteriores e bóvedas de pedra, elementos que demostran unha sorprendente mestría construtiva.

Na zona de Fornelos de Montes destaca a coñecida ruta dos Chozos da Laxe, que permite admirar recintos de pedra e refuxios asociados á vida pastoril. Tamén son destacables os chozos de Casariños, na comarca de Vigo, situados a máis de 800 metros de altitude, preto dun regato de augas frías e dunha antiga vía de paso dos arrieiros do Ribeiro.

Outro exemplo singular atopámolo no Cabo Udra, en Cangas do Morrazo, onde os casetos aproveitan os grandes bolos de granito existentes no terreo. A natureza facía parte da propia construción, reducindo o esforzo e ofrecendo protección ao pastor e ao gando.

Estas referencias axudan a entender mellor o valor dos chozos localizados na comarca de Deza e en territorios próximos, onde tamén quedan restos, algúns ben conservados e outros xa en ruína, dunha maneira de vivir que desapareceu case por completo ao longo do século XX.

Chozos e casetos en Deza

No caso das terras de Deza, especialmente no concello de Agolada, temos localizados varios casetos e refuxios relacionados coa actividade pastoril e gandeira. Son construcións feitas cos materiais do lugar, normalmente pedra de granito ou xisto, levantadas en zonas máis ou menos protexidas do vento e do frío. Algunhas serviron como refuxio para os pastores; outras, pola súa proximidade ás aldeas, semellan máis pensadas para gardar animais ou útiles de traballo.

Un dos exemplos máis coñecidos atópase nas ruínas da aldea de Grobas, no corazón do Candán, practicamente no límite entre Lalín e Forcarei. A aldea, abandonada desde 1969, é hoxe destino de camiñantes e sendeiristas que se achegan a este lugar máxico para contemplar as súas casas en ruína, as pozas de auga clara e a memoria silenciosa dun mundo desaparecido. Alí queda un pequeno caseto, duns tres metros de longo por metro e medio de alto, que semella ter servido máis como acubillo para o gando que como refuxio de pastores, dada a proximidade das vivendas.

Na parroquia de San Miguel de Gurgueiro, no lugar de Laxosa, consérvase outro chozo duns dous metros de alto por tres de longo, feito con lascas de granito abundantes na contorna. A lóxica construtiva era clara: empregar a pedra que se podía extraer preto, sen depender doutros materiais nin de grandes medios.

Tamén en Gurgueiro, baixando cara ás augas do río Arnego, moi preto do límite co concello de Lalín, localízase un dos refuxios máis sinxelos. Trátase dunha pequena cavidade natural aproveitada como acubillo: un gran bolo de granito repousa sobre outra rocha, mentres que un dos laterais, hoxe derruído, estivo pechado cunha laxe. Todo o conxunto queda agora baixo a sombra dun enorme carballo, que co paso do tempo foi transformando o lugar.

Na parroquia de Ventosa, nun campo preto da aldea de Axiaz, no camiño cara a Pedroso e o monte Turubelo, atopamos outro pequeno caseto con vigas transversais de carballo e grandes pezas de xisto chantadas no chan a modo de paredes laterais. Chama a atención o uso de lascas de xisto recortadas para a cuberta, ensambladas unhas sobre outras con notable habilidade.

Nas proximidades de Axiaz, nun prado preto do monte e da pista que vai ao chamado Campo do Xastre, sitúase un dos casetos de maior tamaño e máis sólida construción. Este é, ademais, un espazo de especial interese pola presenza de restos arqueolóxicos, como mámoas e petróglifos, unha das concentracións máis notorias do concello de Agolada. O caseto conta cuns cinco metros cadrados e arredor de catro metros de altura. Carece de porta como tal, pois é aberto, e o refuxio conséguese entrando cara ao fondo, onde os pastores poderían facer lume directamente no chan.

Outro exemplo, hoxe en estado de ruína, aparece nos montes da parroquia de San Pedro de Ferreiroa, nun pequeno outeiro e aproveitando o peche de pedra dunha finca, actualmente dedicada á explotación agroforestal. Tiña arredor de dous metros de alto e a súa cuberta, xa derruída, posiblemente se apoiaba en vigas de madeira, das que aínda quedan restos. As paredes, levantadas coa técnica da pedra seca, delimitaban un recinto de planta cadrada, suficiente para protexer os pastores nas noites de inverno e nas xornadas de temporal.

Tamén en Ferreiroa, preto do regato do mesmo nome, que vai morrer uns quilómetros máis abaixo no río Arnego, á altura do vello muíño de Peizás, permanecen os restos do que debeu ser un cerrado con caseto, posiblemente destinado a gardar os animais pola noite. Pola proximidade das casas, parece probable que o pastor regresase durmir á aldea despois de deixar alí pechado o gando.

Cómpre deixar constancia, ademais, dun pequeno caseto de pedra con cuberta de tella nos arredores de Aldea do Monte, en Ventosa, que semella ter sido utilizado para gardar útiles de traballo e as bestas. E tamén dos restos localizados na coñecida como Torre Nova, no curro de eguas do cumio do monte Farelo, case no límite con Antas de Ulla. Alí adiviñamos entre pedras e muros derruídos o que no seu día puido ser un caseto de pastores ou un pequeno recinto para gardar o gando.

Todas estas construcións localizadas no concello de Agolada corresponden, na súa maior parte, ao pasado século, cando a gandería extensiva aínda formaba parte importante da economía familiar dos labregos e veciños das aldeas da zona.

Patrimonio humilde, memoria necesaria

Co abandono progresivo do pastoreo tradicional, moitos chozos quedaron sen uso. Algúns desapareceron por completo; outros permanecen en pé como silenciosas testemuñas dun modo de vida que marcou durante séculos a paisaxe rural galega. Son pequenas arquitecturas da memoria, humildes pero cheas de significado.

A construción en pedra seca é un dos sinais de identidade do país. Fala dunha forma de habitar respectuosa co medio, dunha economía baseada no aproveitamento racional dos recursos e dunha cultura na que homes, animais e terra convivían nun equilibrio difícil, pero necesario.

Moitos deles están en perigo polo abandono das aldeas, pola perda dos oficios tradicionais e pola falta de coidado dun legado que aínda non sabemos ben como conservar

Os chuzos, casetos e muros de pedra seca constitúen un dos patrimonios máis abundantes e, ao mesmo tempo, máis ignorados da nosa terra. Están nas serras do Suído, no Candán, no Farelo, nas terras de Agolada, na Ribeira Sacra, na Terra Chá, no Xallas ou en Fisterra. Moitos deles están en perigo polo abandono das aldeas, pola perda dos oficios tradicionais e pola falta de coidado dun legado que aínda non sabemos ben como conservar.

Mais cada pedra colocada sen argamasa garda unha lección. A de quen sabía levantar abrigo onde só había vento. A de quen entendía a montaña non como un decorado, senón como lugar de traballo, de medo, de esforzo e tamén de vida. Por iso os chozos ou chuzos de pastores merecen ser coñecidos, estudados e protexidos. Porque neles permanece, discreta e firme, unha parte esencial da nosa historia.

Suscríbete para seguir leyendo

Tracking Pixel Contents