Xente ao monte
A Rapa nomea a Adolfo Cabada e Kike Vázquez como Aloitadores de Honra
Ambos foron recoñecidos pola súa entrega e o seu compromiso persoal con esta centenaria tradición e con toda a comunidade de Sabucedo

Imaxe final da gala dos aloitadores de Sabucedo. / Cedida
A Asociación Rapa das Bestas de Sabucedo celebrou no curro da parroquia o acto de nomeamento dos Aloitadores de Honra, unha distinción que este ano recaeu en Adolfo Cabada Castro, a título póstumo, e en Henrique Vázquez Pernas, nunha gala marcada pola emoción, o recoñecemento á traxectoria persoal e o agradecemento colectivo a quen contribúe á preservación da tradición.
O primeiro dos homenaxeados foi Adolfo Cabada Castro, veciño de Sabucedo falecido hai uns anos, recoñecido pola súa estreita vinculación coa parroquia e polo seu legado persoal e cultural. Nado o 7 de setembro de 1937, desenvolveu unha destacada traxectoria académica e profesional, marcada pola súa vocación docente e pola súa formación en centros como o colexio dos Xesuítas da Pasaxe da Guarda.

Celsa e Santi, viúva e fillo de Adolfo Cabada Castro, recolleron o premio. / Cedida
Tras ingresar na Compañía de Xesús e completar estudos en Maxisterio, acadando o número un nas oposicións, desenvolveu unha ampla carreira no ensino en distintas localidades galegas. O seu vínculo con Sabucedo mantívose ao longo de toda a súa vida, regresando á súa terra e mantendo unha relación constante coa comunidade. Durante o acto, destacouse tamén o seu legado simbólico, entre o que figura a doazón dunha das primeiras imaxes documentais da Rapa das Bestas, datada en 1901, un material histórico de gran valor que permite achegar unha visión do curro vello e da indumentaria da época.
O segundo recoñecemento recaeu en Henrique Vázquez Pernas, coñecido como Kike, actual técnico do Departamento de Cultura do Concello da Estrada e figura estreitamente ligada ao impulso cultural da comarca.

Gonzalo Louzao entregou o seu recoñecemento a Kike Vázquez. / Cedida
Nado o 14 de outubro de 1977, Vázquez Pernas desenvolveu unha ampla traxectoria no ámbito cultural e formativo, cunha participación destacada na agrupación folclórica Tequexetéldere, da que foi membro desde 1995 e xerente durante 18 anos. A súa carreira profesional inclúe tamén o traballo como profesor de patinaxe, monitor de tempo libre e técnico da OMIX do Concello da Estrada, ademais da súa actual responsabilidade na área de Cultura.
No seu percorrido, subliñouse especialmente o seu compromiso persoal coa Rapa das Bestas e coa comunidade de Sabucedo, froito dunha relación construída ao longo de anos de convivencia coa tradición e coa xente da parroquia.
No peche do acto, o alcalde da Estrada, Gonzalo Louzao, destacou que a Rapa das Bestas “non se fai nin se defende soa”, senón que depende das persoas que cren nela e a manteñen viva ao longo do tempo. Neste sentido, sinalou que tanto Adolfo Cabada como Henrique Vázquez representan ese espírito de entrega e compromiso que permite que a tradición continúe pasando de xeración en xeración. “Que o exército de aloitadores de honra siga medrando”, concluíu, como símbolo da continuidade dunha das celebracións máis emblemáticas e internacionais da Estrada.
Subida aos montes
Rapa das Bestas arranca hoxe coa tradicional subida ao monte na procura das greas. A misa na honra de San Lourenzo será ás 06.30, media hora antes de iniciar o ascenso dende O Celeiro cara Montouto. A entrada das bestas no Castelo está programada para as 17.00 horas.
- Los padres de la alumna con sumas erróneas en la nota de la PAU tras las revisiones denuncian «indefensión»: la corrección de la CiUG llega tras cerrar el primer llamamiento en varias comunidades
- Valença estudia trasladar la estación del AVE Vigo-Oporto a las afueras de la villa fronteriza
- Condenan a un vecino de Vigo a abandonar la vivienda por las continuas molestias al resto de la comunidad
- Inversores compran tres edificios en el centro de Vigo para dedicarlos a pisos turísticos
- Concierto de Juan Luis Guerra en Sanxenxo: el artista salda su deuda con Galicia en una fiesta de ritmos latinos ante 15.000 seguidores
- Juan 'Pegatinas': O San Benito máis triste de todos
- Luto en Lalín por la muerte del expresidente del Motoclub Kilómetro 0, Juan Carlos Blanco
- Tres accidentes casi simultáneos dejan dos heridos, uno de ellos grave, en el sur de la provincia de Pontevedra