Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Memoria artística

Lalín honrará a Laxeiro no 30º aniversario do seu pasamento o 21 de xullo

¿Ya nos sigues?Márcanos como medio preferente
Añádenos en Google
Xan Salgueiro

Xan Salgueiro

Lalín

O Concello de Lalín renderá homenaxe o martes 21 de xullo a Xosé Otero Abeledo, Laxeiro, coincidindo co 30º aniversario do seu pasamento, cunha programación dedicada a poñer en valor o legado dun dos grandes renovadores da pintura galega do século XX. Os actos están organizados polo Concello en colaboración coa Fundación Laxeiro e co músico Miguel Matamoro.

A xornada abrirase ás 12:00 horas cunha ofrenda floral, unha coroa de loureiro, ao pé da escultura do artista situada na rúa Observatorio, 1. Xa pola tarde, ás 20:00 horas, o Museo Municipal Ramón María Aller acollerá o acto institucional, con intervencións de representantes municipais, da Fundación Laxeiro e da Xunta, ademais do comisario e crítico de arte Antón Castro.

Un dos momentos centrais será a formalización da doazón ao Concello dunha obra de Laxeiro por parte da familia Santomé González. A peza pasará a incrementar o patrimonio artístico municipal e reforzará a presenza da obra do pintor na súa vila natal.

A conmemoración rematará co concerto gratuíto Écfrase, de Miguel Matamoro, unha proposta de improvisación pianística inspirada na obra de Laxeiro. O músico ofrecerá unha lectura sonora dalgunhas pinturas do artista, nun diálogo entre o mundo visual e o musical que inclúe composicións propias. Tanto o acto institucional como o concerto serán de entrada libre ata completar aforo.

Tracking Pixel Contents