Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Programación cultural de verán

Música, maxia e gastronomía centran as actividades de xullo en Lalín

Entre as propostas para este mes atópanse campamentos, contacontos e monicreques para os máis cativos, a conmemoración do 30 aniversario do pasamento de Laxeiro, unha nova edición do Burguer Experience e unha visita astronómica a Rodelas

Unha das sesións do Campamento Musical de Vilatuxe.

Unha das sesións do Campamento Musical de Vilatuxe. / Cedida

¿Ya nos sigues?Márcanos como medio preferente
Añádenos en Google

Iria Otero

Lalín

A programación cultural do mes de xullo en Lalín comezou onte co campamento da Banda de Vilatuxe, que continúa a súa actividade ata este venres, no CEIP Vicente Arias de la Maza e no Auditorio Xosé Fernández O Xastre, en horario de 9 a 22 horas. Tamén estaba previsto que este mércores comezara o programa de lecer infantil Xoga Lalín que foi aprazado por motivos de seguridade e cuxa nova data será revelada en breve.

Os contos e a música serán os protagonistas esta xornada posto que esta tarde, ás 18.00 horas a Biblioteca Varela Jácome acolle o espectáculo de contacontos As Letras de Begoña Caamaño. Trátase dunha iniciativa que percorre a biografía da autora á que se lle dedican as Letras deste ano e que se divide en tres lances nos que se alterna a narración da vida de Begoña Caamaño, acompañada dunha ilustración, dun debuxo e de distintas intepretacións musicais, para a continuación xerar un debate sobre a figura da homenaxeada e rematar cun obradoiro no que os asistentes realizarán unha caricatura da autora.

Tamén mañá, a partir das 20.30 horas inaugúrase o programa Lalín con ritmo, co concerto de Dr. Flaming na rúa Rosalía de Castro. Este proxecto musical está fundado por Álvaro Vázquez, que interpretará versións en acústico de temas pop-rock. Farao en solitario pero empregando múltiples instrumentos.

A música non para xa que o sábado 4 terá lugar o concerto da Banda de Lalín ás 17.00 horas no Auditorio Municipal e o domingo día 5 celebrarase a Festa do Socio da Banda de Muimenta, a partir das 13.00 horas no Auditorio de Muimenta.

A vindeira semana, entre o martes 7 e o venres 10 desenvolverase no edificio sociocultural Manuel Riveiro o XXI Curso de Verán Novas Fronteiras na Igualdade de Oportunidades 2.0. Uha cita que reunirá a especialistas para abordar cuestións relacionadas coa igualdade e á que as persoas que o desexen poden asistir como oíntes.

O sábado 11 a Banda de Vilatuxe realizará unha actuación na Praza KM 0 ás 19.30 horas. Non serán os únicos concertos dentro desta programación xa que o sábado 25, ás 19.00 horas, chegará á Sala Tuno Valdés a Banda de Música de Caldas de Reis e o xoves 30 será a quenda do grupo Filloas, ás 21.00 horas na Praza da Igrexa.

Durante este mes tampouco faltará a maxia co espectáculo Ilusiónate. Terá lugar na Praza da Torre, o xoves 16, ás 19.00 horas. Amais, ao día seguinte levarase a cabo unha visita astronómica a Rodelas, con saída de bus gratuíto desde a estatua de Loriga. É preciso inscribirse previamente no Museo Municipal Ramón María Aller ou no teléfono 986 784 004.

Outra das actividades centrais do mes chegará o martes 21 coa conmemoración do 30º aniversario do pasamento de Laxeiro, que incluirá distintas iniciativas que se darán a coñecer proximamente entre as que se atopa o concerto de piano «Écfrase» de Miguel Matamoro no Museo Municipal Ramón María Aller ás 20 horas no que se musicará ao artista universal de Donramiro. A través da improvisación no piano, o intérprete e compositor galego describirá algunhas pinturas de Laxeiro nunha interacción entre o mundo visual e o sonoro. O concerto, dunha hora de duración, incluirá obras compostas polo propio músico. A entrada é libre ata completar aforo.

A programación continuará o xoves 23 co espectáculo de monicreques Petróglifos, de Carmen Domech, na Praza da Torre, ás 19.00 horas. Trátase dunha creación que combina narración oral, monicreques e elementos simbólicos que realiza un percorrido pola memoria colectiva a través de mouras, labirintos, serpes e estrelas, que reivindica a igualdade entre mulleres e homes e conecta ao público coa esencia da cultura ancestral.

Neste mes volve a oferta gastronómica coa Burguer Experience, que permanecerá na Praza de Loriga do 24 ao 26 de xullo. Ofrecerase unha ampla variedade de hamburguesas gourmet e actividades complementarias para todos os públicos. A veciñanza poderá degustar, durante estas tres xornadas, algunhas das mellores propostas chegadas de diferentes puntos de España.

Para os máis cativos tampouco faltan as actividades xa que todos os mércores tanto deste mes coma durante agosto desenvolverase o programa Xoga Lalín. É unha iniciativa de dinamización infantil que percorrerá diferentes espazos públicos da vila. Entre eles a Praza de Galicia, a Praza da Igrexa e o Parque Europa, en horario de 17.00 a 21.00 horas. Ademais, desenvolveranse dous campamentos de verán durante xullo. Do 6 ao 10 e do 13 ao 17 terá lugar o Campamento Miúdo, para nenos e nenas de entre 3 e 6 anos, en horario de 10 a 14 horas e do 13 ao 24 será a quenda do Campamento Verde para nenos e nenas de 3 a 13 anos en horario 9 a 14 horas.

Tracking Pixel Contents