Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

In memoriam

A Pepe Barral o que é de Pepe Barral

Perante unha reforma da alameda, transmitiume a idea de sentar simbolicamente á familia Castelao-Pereira nun dos seus bancos

A Pepe Barral o que  é de Pepe Barral

A Pepe Barral o que é de Pepe Barral

¿Ya nos sigues?Márcanos como medio preferente
Añádenos en Google

Carlos loureiro rodríguez

Ano 2018, na Estrada vívese unha realidade que ten que ver cun espazo memoria do noso pobo, e é nin máis nin menos que unha reforma case integral da nosa alameda, coas discrepancias duns e coa aquiescencia doutros.

E así, certo día achegóuseme aquel escritor andarín, co que xa compartiramos aulas a fins dos anos sesenta, o amigo Pepe Barral Fernández para me transmitir unha idea, como adoitaba ocorrer cada vez que nos atopabamos e el andaba a voltas con algunha das súas teimas ou a venda dalgún dos seus novos libros. Viu en min a aquela persoa que «tiña algo que ver no noso Concello» para me propór unha idea que lle xurdira. O primeiro paso foi volvelo á realidade e dicirlle que un servidor nin tiña, nin quería ter nada que ver no funcionamento do noso Concello. Mais, cando me achegou a idea naquel mesmo momento lle dixen que actuaría de transmisor de tan xenial e necesaria historia co departamento de Cultura do Concello. As ideas cando son altruístas, boas e construtivas teñen que acadar o seu obxectivo.

Perante un proxecto de reforma da alameda onde se algo non faltaba eran asentos e máis asentos, pois a idea do amigo Pepe era que nun deses bancos cumpría sentar simbolicamente á familia Castelao-Pereira, xa que os restos de Virxina e do fillo repousaban no cemiterio da Estrada e os do insigne galeguista en Santiago. Enxeñosa idea!

O día seguinte xa me tardaba para comunicar no departamento de cultura semellante idea e teño que dicir que tivo moi boa acollida, como non podería ser doutro xeito. Desde ese mesmo día me comprometín a desvelar quen era o autor da idea, que non era eu, naquel intre que esa obra cobrase corpo.

Un ano si e outro tamén a miña teima estivo aí presente para que non caese no esquecemento e máxime cando precisamente ese mesmo ano de remodelación da alameda o amigo Pepe finou. Para min ese reto cobrou forza.

A idea e o lugar eran do máis axeitado daquela e son moitas as persoas que tiveron e teñen certo mando no noso Concello que tiveron e teñen coñecemento desta idea, que non do seu ideólogo, que hoxe desvelamos porque non houbo interese de ningún tipo en averiguar quen era para honrar semellante persoa que tan boa lucidez e compromiso amosara.

Como docente sempre inculquei a idea no meu alumnado de que as ideas eran patrimonio primeiro de quen as creaba e despois do pobo ao que tiñan como referente. Quizabes fracasei no intento ou esa idea tamén quedou no anonimato.

Hoxe que esa idea callou, pois, como ninguén se achegou a min para me preguntar nin tiveron a decencia de me invitar a desvelar o segredo, veño desvelar publicamente quen foi o autor desa idea, porque estamos a ver que na nosa sociedade e na nosa política están xurdindo certas enfermidades que inda non están catalogadas oficialmente pero que si están do máis omnipresente: «medallite» e «retratite»… Para cando unha vacina? Pero un servidor sempre fuxirá delas porque non me interesa padecelas. O espazo onde a familia Castelao-Pereira ou Pereira-Castelao van ficar xuntos si que é tamén do máis axeitado, pero daquela no maxín do amigo Pepe estaban os bancos da alameda. A idea era o importante e o espazo podería cambiar sen afectar á propia idea.

Amigo Pepe Barral, alá por onde andes a promocionar os teus libros de relatos, dicirche que a túa idea acadou o seu final e iso é o importante. O demais, pois xa do máis agardado, por desgraza.

Tracking Pixel Contents