Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

O legado dos mestres: A Estrada homenaxea a cinco docentes que marcaron xeracións

Durante a súa intervención, o alcalde, Gonzalo Louzao, puxo o foco na importancia de recoñecer a labor destes profesionais, encargados de mellorar a sociedade coas súas ensinanzas

A Estrada homenaxea aos seus docentes xubilados

Nerea Couceiro

¿Ya nos sigues?Márcanos como medio preferente
Añádenos en Google
A Estrada

«O traballo dun profesor ou dun mestre non acostuma a encher as portadas dos xornais, a ocupar o espazo informativo na radio ou na televisión, nin a recibir verdadeiramente a valoración que merece o seu poder transformador na vida dunha persoa». Así comezaba a xornalista Ana Cela a introdución ao acto de homenaxe do Día do Mestre, celebrado este mediodía no MOME da Estrada. Encargada de conducir a cerimonia, a tamén escritora fixo fincapé na importancia de poñer o foco no labor docente, encargado de formar persoas e de «sementar valores tan necesarios como o pensamento crítico, a igualdade e a xustiza». Cuestión de xustiza é, precisamente, a celebración deste tipo de recoñecementos, nos que persoas que dedicaron toda unha vida ao ensino reciben o agarimo do pobo ao que instruíron, xeración tras xeración, deixando unha pegada que vai moito máis alá das aulas e do tempo que permaneceron nelas.

Foron cinco os docentes homenaxeados: Miguel Ángel Carbajal, do IES Manuel García Barros; María Jesús Tato Carbajales, do CEIP Pérez Viondi; Victoria Berárdez Mallo, do CEIP de Villar Paramá de Vea; Xosé Luna Sanmartín, do CEIP do Foxo; e María Hortensia Rodríguez Vicente, do IES Avelina Valladares. Malia que durante o curso académico 2025-2026 foron máis os profesores que se xubilaron, finalmente non todos puideron acudir á cita. Aínda así, o agradecemento social e institucional foi extensivo a todos eles, recoñecendo unha traxectoria profesional marcada pola dedicación ao ensino e á formación de centos de alumnos.

Os encargados de entregar o pequeno galardón —unha figura a pequena escala da casa consistorial— foron o alcalde da Estrada, Gonzalo Louzao, e a concelleira de Educación, Amalia Goldar. Tras a entrega dos recoñecementos, o mandatario dirixiuse aos homenaxeados e ao público asistente. Durante a súa intervención destacou cuestións como o legado que deixa un mestre ao longo da súa carreira, afirmando: «Incluso despois das clases, o que nos dá un mestre queda sempre con nós, e iso é a mellor herdanza que se lle pode dar a unha persoa». Louzao resaltou que todos eles, así como os docentes que non puideron asistir finalmente ao acto, tiveron entre mans «unha gran responsabilidade»: a de formar xeracións enteiras e contribuír a facer dos cativos mellores persoas, preparándoos para afrontar a vida con coñecementos, valores e espírito crítico.

En representación do colectivo de homenaxeados, Miguel Ángel Carbajal foi o encargado de achegarse ao atril, quen confesou sentirse «moi emocionado». «Tiven a sorte de dedicarme á mellor profesión que hai. E, se ben todos tivemos algún contratempo, ao final vale a pena», confesou, antes de engadir: «Por iso, cando me avisaron do centro sobre esta homenaxe, aceptei de inmediato. Síntome moi agradecido polo xesto». Carbajal exerceu como mestre de Música no IES Manuel García Barros e deu clase a moitos dos presentes entre o público, entre eles o propio alcalde. Con outros, como Amalia Goldar, compartiu pupitre durante a súa etapa como estudante. Porén, no seu discurso non quixo esquecer outra faceta inseparable da súa traxectoria: «A música é unha das cousas máis importantes na vida das persoas; detrás de cada gran acto hai un músico». Aludeu así a Manuel Castedo e Juan Núñez, encargados de abrir e pechar a cerimonia con dúas interpretacións musicais.

Antes de despedir aos asistentes, Ana Cela fixo unha última reflexión, vinculando a homenaxe co Ano Cultural Virxinia Pereira: «Esta conmemoración cadra coa celebración do Ano Cultural Virxinia Pereira. Castelao, o seu home, sempre falaba da necesidade de validar o galego como lingua culta, e aquí tamén xogan un papel importante os docentes, que fan da nosa lingua e da nosa cultura o que é: algo noso».

Tracking Pixel Contents