Festival musical
O Galaico Brass Festival arranca hoxe cun encontro festivo na Carixa
O público podrá desfrutar de cinco noites de música e contará cun profesorado de referencia internacional | Os concertos terán lugar no colexio de Merza

Presentación do evento no consistorio das Cruces. |

Merza volverá converterse no epicentro da música de vento metal coa celebración do Galaico Brass Festival 2026, entre este domingo día 28 e o 3 de xullo. A programación musical comezará cunha xornada festiva ao aire libre na Área Recreativa da Carixa. A partir da tarde, o público poderá gozar dun concerto de música na rúa protagonizado polas formacións Estraloqueiras e Os Kokakolas, nun ambiente pensado para todos os públicos que converterá este espazo natural nun gran punto de encontro para veciños e visitantes.
A partir do 29 de xuño, todos os concertos trasladaranse ao CEIP de Merza, onde se celebrarán ás 22.00 horas. A primeira cita, ese día , correrá a cargo da Banda Artística de Merza, a formación centenaria e emblema da tradición musical e bandística galega que compartirá escenario con destacados solistas internacionais do profesorado do festival, nun concerto que combinará a forza da música de banda co virtuosismo dalgúns dos mellores intérpretes de vento metal do panorama europeo.
O 30 de xuño será a quenda da Noite de Cámara, unha das propostas máis singulares do certame, na que o profesorado do festival, acompañado ao piano por Javier Ares, ofrecerá un concerto en pequeno formato que permitirá ao público descubrir toda a riqueza tímbrica e expresiva dos instrumentos de vento metal nun ambiente íntimo e próximo.
O 1 de xullo, o Galaico Brass Ensemble compartirá escenario con Guadi Galego e Rosa Cedrón, dúas das voces máis representativas da música galega. A combinación das súas interpretacións coa sonoridade do ensemble dará lugar a unha proposta exclusiva que fusionará diferentes estilos e sensibilidades musicais nun concerto deseñado expresamente para esta edición do festival.
O 2 de xullo, o protagonismo será para o Galaico Brass Quintet, integrado por profesores do festival e músicos de prestixiosas orquestras europeas, que ofrecerán un repertorio pensado para amosar a riqueza sonora, a versatilidade e a espectacularidade dunha das formacións máis representativas da música de cámara para vento metal. O festival despedirase o día 3 coa actuación da Banda Municipal de Música de Santiago de Compostela, unha das formacións bandísticas máis recoñecidas de Galicia, que compartirá escenario con solistas de recoñecido prestixio internacionais para poñer o broche de ouro a unha semana marcada pola excelencia artística e a convivencia musical.
Paralelamente á programación artística, o Galaico Brass Festival reunirá durante seis días a máis dun cento de alumnos activos e oíntes que recibirán clases individuais, seminarios e clases maxistrais impartidas por músicos de recoñecido prestixio internacional. O cadro docente está integrado por profesionais de formacións como a Berliner Philharmoniker, a Royal Concertgebouw Orchestra, a Accademia Nazionale di Santa Cecilia de Roma, a Deutsche Oper Berlin, a Finnish Radio Symphony Orchestra, a Euskadiko Orkestra ou a Orquestra e Coro da Comunidade de Madrid, entre outras. O evento mantén así a súa aposta por achegar ao rural galego unha oferta cultural de primeiro nivel, combinando formación musical, creación artística e promoción do territorio. Ao longo da súa traxectoria converteuse nun referente para estudantes, profesionais e afeccionados á música de vento metal, situando a parroquia de Merza no mapa internacional deste xénero musical.
A súa celebración é posible grazas á colaboración da Deputación de Pontevedra, o Concello de Vila de Cruces e a Xunta de Galicia, entidades que volven respaldar unha iniciativa cultural consolidada que sitúa a Merza e ao municipio de Vila de Cruces como un referente internacional da música de vento metal. Foi presentado nas dependencias municipais de Vila de Cruces coa presenza do alcalde, Luis Taboada.
As entradas para os concertos e toda a información sobre a programación desta edición xa están dispoñibles na páxina web oficial do festival .
- Reino Unido activa su plan de gestión del pulpo para explotar la «plaga» a escala industrial: sus lonjas facturan ya más de 1 millón de euros por día
- Un día de espera y una cola que da la vuelta al auditorio de Castrelos para hacerse con una entrada para Chayanne
- La dueña china de Conservas Albo proyecta pérdidas por el descenso en las capturas de atún y krill
- La norma «vintage» de Vigo que «obliga» a todos los conductores a llevar cinta métrica en la guantera
- La comisión de fiestas del Carmen de Moaña deja la organización ante el escaso apoyo encontrado
- Desalojan uno de los narcopisos con mayor actividad en Vigo: entraban 40 personas al día a consumir y comprar heroína
- Aumentan las denuncias de vecinos ante el Concello para que sus lindantes talen la franja de 50 metros
- Condenado un padre en Vigo por agredir a un compañero de colegio de su hijo