Estacionamento no entorno hospitalario
Concello e Xunta retomarán o martes o proxecto do aparcadoiro do Clínico
A convocatoria chega case dous anos despois da sinatura do protocolo e tras seis meses de espera desde que a alcaldesa pediu a celebración da comisión
Lorena Rey
A comisión de seguemento do protocolo do CHUS reunirase o martes por primeira vez desde a sinatura do acordo, o 2 de agosto de 2024. O anuncio fíxoo onte a alcaldesa, Goretti Sanmartín, quen incidiu na urxencia de avanzar no proxecto do novo aparcadoiro do Clínico, unha actuación que considera «prioritaria» para responder ás necesidades de estacionamento, tanto da veciñanza compostelá como da área sanitaria.
Lembrou que o Concello levaba meses agardando pola convocatoria desta comisión. Segundo explicou, a solicitude para a súa celebración formalizouse en decembro de 2025 e chega agora, seis meses despois. A rexedora asegurou que trasladou esta demanda directamente a responsables da Xunta ante a falta de avances.
«A comisión nace co obxectivo de informar, dialogar, coordinar e concretar as actuacións previstas no protocolo do CHUS», recordou a alcaldesa. Polo Concello participarán as directoras das áreas de Mobilidade e Urbanismo e o coordinador xeral, mentres que pola Xunta asistirán a directora xeral de Recursos Económicos do Sergas, a directora da Axencia Galega de Infraestruturas e o director de Augas de Galicia. Tamén está prevista a presenza dos conselleiros de Vivenda e de Sanidade.
A rexedora municipal insistiu en que o aparcadoiro do Clínico é unha actuación «moi urxente» e reclamou «avances reais máis que actos públicos». Neste sentido, explicou que o Concello quere coñecer con detalle o ámbito do Proxecto de Interese Autonómico (PIA), as obras previstas e o deseño definitivo da infraestrutura.
Aínda que a posición inicial de Raxoi era un aparcadoiro completamente soterrado, dixo que no marco do protocolo aceptouse a alternativa dun estacionamento mixto, con parte soterrada e parte en altura. «Trátase dun acordo no que tivemos unha xenerosidade importante», asegurou.
A reunión tamén servirá para abordar outras actuacións vinculadas ao complexo hospitalario, como a mellora dos accesos, o reforzo do transporte colectivo e a implantación dun servizo de transporte urbano «de maior calidade». Neste último punto, lembrou que o Concello está a piques de culminar o proceso de adxudicación do novo contrato do transporte urbano.
Tamén respondeu ás críticas do portavoz do PP, Borja Verea, sobre a falta de efectivos na Policía Local. Acusouno de facer un «anuncio enganoso» ao asegurar que o Concello pode crear prazas sen limitacións e lembrou que as competencias en materia de seguridade cidadá corresponden á Policía Nacional e á Delegación do Goberno.
Defendeu a política municipal de reposición de persoal. Segundo detallou, entre 2024 e 2026 repuxéronse 79 xubilacións no Concello e creáronse 18 novas prazas, o que suma 97 incorporacións. Delas, 39 corresponden á Policía Local, 16 ao Servizo de Extinción de Incendios e o resto a distintos departamentos municipais.
Sanmartín tamén contrapuxo estes datos á evolución dos efectivos durante os gobernos do PP, cando, segundo indicou, o cadro da Policía Local pasou de 188 axentes en 2011 a 159 en 2015, unha cifra que, afirmou, se foi recuperando nos últimos anos.
Sobre a concentración en Santa Marta pola preocupación veciñal ante o consumo de substancias estupefacientes, recoñeceu que é un asunto que «preocupa» ao goberno local e que require «unha resposta integral». Están a reforzar os efectivos e manteñen unha colaboración permanente co resto das administracións implicadas.
- La madre de un vigués de 25 años que falleció por un tumor cerebral: «¿Qué habría pasado si lo hubiesen operado un año antes?»
- La reconocida orquesta gallega París de Noia pierde a una de sus principales voces en la temporada de mayor actividad
- El mercadillo de Cangas cerró hoy a su hora entre lamentos de los comerciantes
- Bouzas activa el «plan B» para sus fiestas por la final de España y cambia el horario de una de las citas más esperadas en Vigo
- El grito de euforia de Nico Williams tras noquear a Francia: «Vamos carallo»
- El TSXG multa con 1.800 euros a un abogado gallego por presentar un recurso lleno de «alucinaciones» con decenas de citas inventadas por la IA
- La Cofradía de Pescadores de Aldán denuncia la presencia continuada de yates en el muelle, pese a estar probido
- El Celta renuncia a retrasar el partido de la primera jornada