A memoria viva da Galicia interior
Agolada, pedra e feira
Nacida arredor dos pendellos e dos camiños medievais, Agolada conserva a esencia dun rural auténtico, feito de feiras, igrexas románicas, ríos, petróglifos e paisaxes protexidas. Entre o Arnego e o Farelo, a vila reivindica a súa historia, o seu patrimonio e unha beleza serena que resiste ao tempo.

Vista de Agolada nevada. | FOTOS: ÁNGEL UTRERA
Ángel Utrera baza
No corazón desta Galicia interior que sabe sobre todo a agro, case que facendo fronteira coas tres provincias do país, Agolada agasalla o visitante coa fermosura e o feitizo máxico do rural máis auténtico, desta Galicia profunda da que falan dende a cidade os que non saben nin coñecen as xentes, as terras, as aldeas, esas congostras e corredoiras a ningures sempre enlamadas, polas que de cando en vez albiscas homes e bestas co seu cansiño e sereno camiñar, nun diálogo interior de silencios e irmandade, porque aquí as presas non serven de nada e a vida segue o seu ritmo vital, quéirase ou non, dun xeito natural.

Rúa da Parranda.
Agolada existe dende 1835 e xurde da feira e nela ten a súa razón de ser, primeiro alá nos pantanosos campos de Aián, ao pé do Farelo, onde nace o río Ferreiroa, e máis tarde neste cruzamento de camiños que fora lugar de paso, descanso e parada obrigada de postas, viaxeiros e bestas de tiro, ata onde trasladan os pendellos da feira que ían ser co tempo o berce da vila alá polo 1788 e por iniciativa do escribán Ramón Barrio de Losada. Edificáronse os primeiros casetos e alpendres de pedra e madeira, onde as xentes expoñían as súas mercadorías, as verduras de horta, o mel, os queixos de nabiza, os coellos e pitas e todo canto os labregos e tratantes chegados de Asturias, do Bierzo, de Portugal e dos catro recantos do país vendían e compraban cunha aperta de mans e uns billetes que, ben gardados nas carteiras de coiro, se agochaban no peto do pantalón, ben gardados dos amigos do alleo que, coma as meigas, habelos hainos por todas partes. Casas de dúas plantas, arriba para as persoas e abaixo as bestas para se quentar nas noites frías de inverno. Casetos para gardar os animais e mostradores con lousa de cantaría para amosar as viandas e mercadorías, ademais dos comedores onde repoñer folgos e comer unhas talladas de polbo, un anaco de pan de broa e queixo do pais, e tomar un grolo de viño.

Sobreiral do Arnego.
O topónimo Agolada, posiblemente, procede da locución latina Aquam latam (Auga levada) que da conta da riqueza destas terras en regos, regatos e ríos como o Arnego, o Ulla, o Buxel, o mesmo Ferreiroa e outros de menor caudal, pero que deron vida, traballo e razón de ser aos labregos destas terras, tal e como dan fe os moitos muíños que podemos atopar. Os Pendellos e a Feira do Doce foron a orixe, o xerme desta vila que se acubilla en torno á súa praza e á fonte que xa non bota auga e na que se alza a figura impoñente de pedra do edificio do concello, e ao seu carón o que queda do máis sobranceiro recinto antigo de feira, ao fondo, onde hai anos estaba a casa cuartel da Garda Civil, xunto coa nova edificación do auditorio Manuel Costa Casares, os paraugas das polbeiras, o parque infantil e a igrexa de nova fábrica, que pide a berros unha man de pintura.

Recinto feiral dos Pendellos.
Borraxeiros, capital

Unha das construcións máis antigas da localidade.
Fagamos un pequeno inciso para lembrar que inicialmente a capitalidade do concello estaba na parroquia de Borraxeiros, onde aínda queda recordo daquela, así como do cuartel da Garda Civil, trasladado ao casco de Agolada no 1930. Dende 1910 a casa do concello estaba no coñecido como Barrio do Carme, onde aínda hoxe podemos admirar unha placa conmemorativa de homenaxe ao médico Ramón Loureiro, un dos máis queridos e admirados fillos da terra que traballou polas ideas e a doutrina republicanas e culpable do triunfo de Primo Castro Vila nas eleccións que gañara á Fronte Popular e que precederon ao golpe militar dunha parte do exército e á contenda civil.

Rúa Xosé Vázquez Pintor, cos paraugas dos polbeiros ao fondo.
Foi logo da desaparición do Antigo Réxime e coa derrogación das antigas xurisdicións, cando o concello queda dividido en dous, Ventosa-Borraxeiros, por unha banda, e Basadre pola outra. No ano 1835 reunifícanse nun so que pasa a denominarse Agolada. Como anécdota recordamos, tal e como menciona a escritora Luz Méndez no seu libro Toponimia de Agolada, que unha das mencións máis antigas da que se ten conta data do 1752, no Catastro do Marqués de la Ensenada, e di deste xeito: «La feligresía de San Pedro de Ferreiroa tiene una taverna que se llama Agolada, que tienen arrendado los vezinos de ella a Bernardo de Ferreiroa, juntamente la casa donde se vende el vino, en ciento y noventa y siete realaes y veinte y dos maravedis de vellón cada año».

Carballeira en Val de Sangorza.
Agolada, pois, xurde nos pendellos e dos pendellos e a feira, neste cruzamento de camiños no medievo, que tal e como nos recorda no seu libro Os camiños medievais de Galicia, a investigadora Elisa Ferreira Priegue, un procedente de Santiago de Compostela, cruzando o Arnego pola desaparecida ponte de Vilariño, da que tan so podemos contemplar os restos dos seus piares, e a pedra fundacional, e outro que dende o Ribeiro traía aos tratantes de viño por Rodeiro e Ventosa cara Melide, atravesando Arzúa e ata Compostela.

Rúa da Constitución.
Independentemente do xa mencionado recinto feiral dos Pendellos, Agolada conta con importantes recursos turísticos, tanto paisaxísticos, como restos arqueolóxicos de inesquecible valor. Entre os primeiros destacamos, sobre todo, a paraxe incluída na Rede Natura 2000 coñecida como Sobreiral do Arnego, no val de Carmoega, e que se estende dende a ponte de Vilariño á de Toiriz, límite con Vila de Cruces, mítica ponte medieval desaparecida da que tan so resta a súa pedra fundacional, polo que podemos realizar varias rutas de sendeirismo en máis ou menos bo estado de sinalización e accesibilidade.
Entre os restos arqueolóxicos de relevancia destacamos os petróglifos de Ventosa, os do Monte Farelo, no límite co Concello de Antas, ou os da Ermida e Laxosa, así como os da Ponte Turubelo e o Campo do Xastre, en Axiaz, onde podemos visitar así mesmo os restos de varias mámoas.
A «catedral do rural»
O concello está formado por 24 parroquias, e en varias aínda se poden admirar as súas igrexas de fábrica románica, tales como as de Ferreiroa, Ventosa, Órrea, Borraxeiros, Berredo, Eidián ou Merlín. Destacamos a denominada por Filgueira Valverde «catedral do rural», San Xiao de Ventosa, onde imos poder recrearnos apreciando os seus impresionantes baldaquinos desmontados en 1895 do seu emprazamento orixinal e apoiados nos muros laterais da nave central, tapando as pinturas murais que aínda en parte se poden contemplar, así como a tumba do abade Lope de Ventosa. Existe a teoría defendida por algúns estudosos de que tanto os baldaquinos como o sepulcro tal vez foran obra do artista e mestre canteiro da Catedral de Compostela, o Mestre Mateo, ou dalgún dos seus discípulos, aínda que non existe documentación escrita ao respecto. Para outros, a orixe da fábrica románica de San Xiao de Ventosa localízase no final do século XII, principios do XIII, construída tal vez con elementos da primitiva capela existente no lugar dos Chaos, camiño de Aldea do Monte e O Farelo, onde hoxe tan so podemos contemplar un sartego dobre esculpido na rocha granítica moi abundante no lugar.
Na arquitectura civil destacamos a recentemente restaurada Ponte dos Cabalos, sobre as augas do río Arnego, que une as parroquias de Parada (Lalín) e Gurgueiro, en Laxosa de Agolada.
A pedra é a alma que sostén o corpo da terra e da vida e ao espírito do cumio, O Faro dos tempos, no silencio das alturas, materia viva sobre a que fai o seu traballo e arte, coma un escultor metódico, o vento, a auga, o xeo das escuros noites de inverno, monumento natural en continuo reciclaxe, arte en pedra sorprendente. Máis de mil anos de resistencia e patrimonio histórico das herdanzas contemplan as súas pedras, moitas delas dende o fondo dos ríos mesmo, de centos de miles de pasos calados de labregos, de camiñantes extraviados, de peregrinos e viaxeiros en pos de mellor fortuna, historia de vida mesma dun tempo e unha forma de vivir desaparecida para sempre.
Agolada comparte recursos naturais e paisaxísticos suficientes en comandita cos seus veciños de Lalín, Cruces, Rodeiro, Antas, Santiso e Melide en forma de ríos, encoros, outeiros e montes, espazos naturais protexidos, etc., como para exhibir orgullosa este atractivo turístico innegable, tanto para a práctica de deportes tales como sendeirismo, bicicleta de montaña, kaiak extremo ou piragüismo, entre outros moitos, como para potenciar dende as inversións públicas e privadas tanto a recuperación de moitos fermosos lugares moi degradados e aldeas abandonadas, como para a creación con campañas turísticas de interese público nos moitos atractivos do noso concello, sen dúbida que si.
- Dos viajeras que perdieron un avión de Madrid a Bruselas por una avería del tren en Ourense no serán indemnizadas por el coste de los billetes adicionales para llegar a Bélgica
- Cierran tres negocios de Frutas Nieves en Vigo por el desahucio de un franquiciado, una situación inédita en sus más de 40 años
- La reconocida orquesta gallega París de Noia pierde a una de sus principales voces en la temporada de mayor actividad
- Trescientos pacientes del Chuvi reciben los primeros fármacos específicos para combatir las migrañas
- Gran espacio para aparcar, pero todavía sin limpiar
- «La dieta y el ejercicio son fundamentales en la menopausia y, para las que aun así tienen síntomas, hay tratamientos»
- La Asociación de Veciños de Tirán se posiciona contra la residencia de mayores de Moaña en O Carrachal
- María Corina Machado, de boda en Vigo