Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Sociedade

Catarina Barcala repite en Cannes Lions

A estradense clasificouse como vencedora na fase nacional xunto á súa compañeira Palak Kapadia e participa agora no certame internacional representando ao equipo estadounidense

Barcala, no certame en Cannes estes días.

Barcala, no certame en Cannes estes días. / FDV

¿Ya nos sigues?Márcanos como medio preferente
Añádenos en Google
A Estrada

Catarina Barcala Gosende volve levar a creatividade galegaao escaparate publicitario máis importante do mundo. A estradense, creativa en VML Commerce en Nova York, foi seleccionada un ano máis para participar na final do Festival Internacional de Creatividade Cannes Lions tras proclamarse gañadora da fase nacional estadounidense do certame Young Lions na categoría de Film. Fíxoo xunto á súa compañeira Palak Kapadia, de Amazon Brand Innovation Lab, representando o «Team USA».

O primeiro reto chegou meses antes do festival. As participantes tiveron que desenvolver unha peza audiovisual para Save The Music Foundation, organización sen ánimo de lucro dedicada a promover a educación musical nas escolas. A súa proposta, titulada Your Five Digits, partía dunha idea tan sinxela como contundente: nos Estados Unidos, o acceso á educación musical non depende do talento nin do interese dos nenos, senón, en moitas ocasións, do código postal no que nacen. A campaña invitaba aos espectadores a recordar o seu primeiro contacto coa música para demostrar como unha doazón pode abrir as portas desa mesma experiencia a outros rapaces.

Aquel traballo valeulles o triunfo na competición nacional e o billete para Cannes. Xa na cidade francesa estes días, o desafío foi completamente diferente. Os equipos finalistas de distintos países recibiron un novo briefing e tan só 48 horas para concibir, producir e presentar unha proposta audiovisual. Nesta ocasión, o encargo procedía da Fundación Princesa Charlene de Mónaco, entidade que traballa desde 2012 na prevención dos afogamentos, unha das principais causas de morte entre menores de entre un e catorce anos en todo o mundo.

Barcala e Kapadia decidiron romper cunha das falsas crenzas máis estendidas sobre os afogamentos: a de que son episodios ruidosos e cheos de berros. O seu filme comeza convidando ao público a pechar os ollos mentres se escoitan sons relaxantes da auga e unha voz guía unha especie de meditación. Aos poucos aparecen pequenos indicios da presenza dun neno –un patiño de goma, unhas gafas no fondo dunha piscina, xoguetes abandonados–, pero nunca o menor. O ambiente continúa transmitindo calma ata que chega a revelación: os afogamentos adoitan producirse en silencio.

Máis alá do éxito profesional, a estradense destaca tamén o significado persoal desta experiencia. «Síntome moi feliz de que sexamos dúas inmigrantes as que estamos representando a Estados Unidos neste certame, especialmente nos tempos que corren.», sinala.

Con esta dobre participación, primeiro como vencedora do Young Lions estadounidense e despois como representante do país en Cannes, Barcala leva o nome da Estrada ao escenario máis prestixioso da publicidade mundial.

Suscríbete para seguir leyendo

Tracking Pixel Contents