Entrevista | Acisclo Novo Escultor
«Quixen representar a proximidade de persoas extraordinarias»
O artista ceense, Acisclo Novo, inaugura este domingo na Praza de Galicia da Estrada o grupo escultórico dedicado a Castelao, Virxinia Pereira e o seu fillo.

Acisclo Novo é natural de Cea, Ourense, onde ten un dos seus talleres; o outro está en Madrid. / A.N.
A Praza de Galicia da Estrada incorpora este domingo un novo espazo para a memoria colectiva coa inauguración do grupo escultórico dedicado a Castelao, Virxinia Pereira e o seu fillo Alfonso, ou «Chuchiño», co que o escultor se refire agarimosamente ao neno. A obra, realizada por Acisclo Novo, afástase da representación solemne dos personaxes históricos para amosalos nun instante íntimo, familiar e cheo de complicidade. Durante meses conviviu con eles no seu taller, estudando fotografías, xestos e expresións para capturar unha escena que invita aos veciños a atoparse con eles como se paseasen pola vila.
Que atoparemos a veciñanza da Estrada cando descubramos a escultura?
O principal é que se trata dun grupo escultórico, non dunha figura illada. Son tres personaxes envoltos nun xogo de apertas e miradas, coma unha escena familiar. Eu imaxinei unha especie de fotograma dunha película, como se Castelao, Virxinia e Chuchiño estivesen paseando pola rúa e nós puidésemos deternos un intre para observalos.
Por que decidiu afastarse da imaxe máis institucional de Castelao?
Porque non quería representalo dando un discurso nin asinando un documento. O que buscaba era transmitir a proximidade de persoas que fixeron algo extraordinario sendo persoas absolutamente normais. A súa forza nacía tamén da súa vida cotiá, da familia e das relacións entre eles.
A presenza de Virxinia Pereira ten tanto peso como a de Castelao. Era unha intención consciente?
Si. Eu considero que o sacrificio que fixo Castelao ao longo da súa vida foi compartido. Nada do que conseguiu se entende sen Virxinia ao seu carón. Merecía ocupar o mesmo plano porque foi unha compañeira fundamental e, co paso do tempo, converteuse tamén nunha figura icónica para Galicia.
A escena sitúase nun momento moi concreto da vida da familia.
Si. Quixen atrapalos arredor de 1922, cando levaban poucos anos de matrimonio e Chuchiño era un neno. Iso obrigou a documentarme sobre como vestían, como eran fisicamente naquela época e incluso sobre detalles que axudan a crear unha imaxe coherente dese momento.
Foi complicado reconstruír esa imaxe?
Castelao é moi recoñecible pero é moi difícil de retratar. Del existen moitas fotografías. Con Virxinia hai menos documentación e con Chuchiño aínda menos. Houbo que facer un importante traballo de investigación para conseguir que cada un resultase identificable mantendo a naturalidade da escena.
Como foi a convivencia con estes tres personaxes durante tantos meses no taller?
É unha convivencia moi intensa. Están presentes todos os días, ves fotografías, estudas os seus rostros e acabas convivindo con eles. Castelao é un personaxe moi complexo de representar e iso acompáñate durante todo o proceso creativo. Ao final, cando rematas a obra, case parece que se marchan da casa.
A escultura pública é unha parte esencial da súa traxectoria. Que ten de especial respecto doutros proxectos?
É o máis difícil que pode facer un escultor. Nunha galería a obra ten un público determinado, pero na rúa enfróntase ao verdadeiro exame. A escultura pública pasa a formar parte da vida da xente e convive con ela durante décadas. Iso é unha enorme responsabilidade, pero tamén un privilexio.
A obra complétase coa reprodución da Carta aos estradenses.
Si, é un documento fundamental e moi coñecido, pero nunca fora representado deste xeito. Paréceme un complemento perfecto porque permite que quen se achegue á escultura poida tamén ler un texto esencial de Castelao e comprender mellor o contexto histórico.
Un proxecto desta dimensión require tamén un importante traballo de produción.
Sen dúbida. Ademais da parte artística hai que coordinar fundición, transporte, instalación e moitos aspectos técnicos. Nese sentido foi fundamental o apoio da miña compañeira, María M. Andura, que asumiu a produción da obra e fixo posible que todo o proceso chegase a bo porto.
Como vive as horas previas á inauguración?
Sempre hai nervios. É inevitable. Pero cando unha obra sae do taller xa pertence á xente. Eu procuro concentrarme no seguinte proxecto e deixar que sexan os veciños quen a fagan súa. Iso é, ao final, o máis importante dunha escultura pública.
Suscríbete para seguir leyendo
- Dos viajeras que perdieron un avión de Madrid a Bruselas por una avería del tren en Ourense no serán indemnizadas por el coste de los billetes adicionales para llegar a Bélgica
- Mueren dos hermanos de Salvaterra en un accidente frontal en Porriño
- Un centenar de personas conforman la batida más multitudinaria para encontrar a María Pereira
- La Panificadora de Vigo creará jurisprudencia nacional
- Depredadores terrestres en alta mar: «Capturábamos incontables tiburones. Hasta el punto de destruir el ecosistema»
- Las manchas naranjas en el mar por microalgas invaden playas de Aldán y O Hío
- Solo se fabrican un máximo 5 al año totalmente a mano y en Ourense: Así es el reloj gallego más exclusivo desde hace un siglo
- Tus heces por la ciencia: El Galicia Sur pide colaboración ciudadana para crear el primer observatorio de microbiota