Tribuna libre
Do traballo sae todo. Parabéns, veciños!

Do traballo sae todo. Parabéns, veciños!
Mª Carmen Seijas lópez
Hoxe é un día de alegría para moitos veciños de Agolada. O anuncio realizado polo presidente da Xunta tras o Consello da Xunta, decretando as tres zonas de concentración parcelaria, supón unha noticia histórica para todas aquelas persoas que durante anos esperaron por este momento e nunca deixaron de confiar en que era posible.
Hai apenas uns días aínda había quen aseguraba que só se ían facer dúas zonas. Nós decidimos non entrar en polémicas porque entendemos que os feitos sempre teñen máis forza ca os rumores ou as opinións interesadas. E hoxe os feitos falan por si sós.
Estas concentracións non saen adiante por caprichos políticos nin por decisións arbitrarias. Saen adiante porque existen argumentos técnicos, económicos, sociais e territoriais que avalan a súa necesidade. O verdadeiro traballo consistiu en poñer enriba da mesa eses argumentos, defender as necesidades dos veciños e demostrar que estas actuacións son fundamentais para o futuro do noso rural.
Por iso, durante todo este tempo, desde o Partido Popular de Agolada nunca vendemos fume. Cada avance que fomos trasladando aos veciños respondía a pasos reais que se estaban dando. Mentres algúns optaban pola crítica permanente, polos rumores ou por malmeter sen achegar solucións, nós escollemos o camiño do traballo discreto, das reunións, da insistencia e da defensa constante deste proxecto.
Mesmo tivemos que escoitar críticas persoais e acusacións inxustas, chegando a responsabilizarnos de decisións que non nos correspondían ou a cuestionar o noso compromiso con estas concentracións. O tempo demostrou que sempre estivemos no mesmo lugar: defendendo os intereses dos veciños e traballando para que este día chegase.
Pero non é momento de reproches nin de buscar protagonismos. É momento de agradecer. Agradecer aos veciños que nunca deixaron de reivindicar estas concentracións, ás persoas que colaboraron para facer valer esta demanda e tamén á Xunta de Galicia por escoitar as necesidades do territorio e apostar por unha actuación que será clave para o desenvolvemento futuro destas zonas.
Con todo, non podemos conformarnos. Estamos contentos, pero non satisfeitos. O decreto é só o primeiro paso. Agora toca seguir traballando para que os procedementos avancen coa maior axilidade posible e para que existan os recursos necesarios que permitan executar todas as fases pendentes.
E tampouco nos esquecemos das zonas de Brocos e Sesto. Seguiremos defendendo as súas necesidades coa mesma firmeza e cos mesmos argumentos cos que defendemos estas tres concentracións. Porque os avances non se conseguen a base de alaridos nin de confrontación, senón a través do traballo, da seriedade e da capacidade de demostrar onde están as verdadeiras necesidades.
Desde o Partido Popular de Agolada seguiremos arrimando o ombreiro, con responsabilidade e compromiso. Porque unha vez máis quedou demostrado que do traballo sae todo.
Parabéns a todos os veciños!
- El afloramiento de aguas profundas por el viento de nordés «congela» a los bañistas de las playas de la ría de Vigo
- Adiós a los conciertos de verano en los chiringuitos de Vigo
- Portugal da luz verde a la acuicultura del futuro con su primera macrogranja de peces en alta mar
- Muere una mujer de 60 años tras caer en un pozo y electrocutarse en Vigo
- Travesía de Vigo recupera la normalidad después de que un tráiler bloquease la rotonda con Buenos Aires
- Cangas comienza a instalar vallas en las carreteras en el entorno de las playas para impedir aparcar
- Isabel y Adolfo, de Venezuela a Ourense con sus tres hijos para reabrir un puesto en la plaza de abastos: la inmigración que rescata el comercio en Ourense
- Borja Iglesias: «Tras mi debut en el Mundial, Claudio me hizo llorar con su mensaje»