Poesía | Miguel Louzao Outeiro Filólogo, profesor e investigador
«Hai outra maneira posible de entender a paternidade»
«Para min é básico, fundamental, implicarme na crianza de Xiao, o meu fillo, tanto nos coidados como na conexión emocional e afectiva»

Miguel Louzao Outeiro, autor do poemario «Pai» de Edicións Xerais. / M.L.
Miguel Louzao Outeiro, Orazo, A Estrada, 1974, é filólogo, profesor de ensino secundario e escritor. Investigador da literatura galega, colaborador en numerosas publicacións culturais e gañador do Premio Carvalho Calero de investigación lingüística e literaria, presenta agora o seu primeiro libro en solitario, «Pai», (Xerais), un poemario que afonda na experiencia da paternidade, os coidados e os afectos. A obra presentarase o vindeiro martes 30 de xuño, ás 20.00 horas, na Casa das Letras da Estrada, nun acto no que estará acompañado polos tamén estradenses Manuel Pereira Valcárcel e David A. Álvarez, profesor e tradutor.
-Como nace a idea de escribir «Pai»?
-Non foi unha idea preconcebida. Os poemas foron xurdindo pouco a pouco a partir dunha sensación de estrañamento. Durante o embarazo eu sabía que ía ser pai, algo fundamental na vida dunha persoa, pero ao mesmo tempo sentíame un espectador. A nai experimentaba todos os cambios e eu só podía acompañar. A partir desa sensación comecei a reflexionar sobre a paternidade, sobre a miña propia infancia e sobre o papel que quería asumir como pai.
-O libro tamén dialoga coa súa propia experiencia como fillo?
-Si. O meu pai foi un pai ausente, non porque fose unha mala persoa, senón porque respondía ao modelo que existía daquela. Traballaba de mañá á noite e o seu papel era o de sustentar economicamente a familia. Eu medrei nese contexto, pero hoxe vivimos nunha sociedade diferente e temos a oportunidade de construír outras formas de paternidade.
-Que significa para vostede exercer unha paternidade distinta?
-Implica estar presente. Participar nos coidados, na crianza e tamén na conexión emocional. Creo que os homes temos a oportunidade de cuestionar determinados privilexios e asumir un papel máis activo. Non facelo é perder moito, porque hai outro tipo de relación posible cos fillos e tamén con nós mesmos.
-A paternidade tamén trae máis medos?
-Sen dúbida. Antes podía preocuparme por min, pero cando tes un fillo os medos multiplícanse. Xa non pensas só nas consecuencias que teñen os teus actos para ti, senón nas que poden ter para el. Iso obrígache a formular preguntas constantes sobre como educar, como acompañar e como estar á altura desa responsabilidade.
-O libro ofrece respostas ou abre novas preguntas?
-Un pouco das dúas cousas. É un poemario escrito ao longo de cinco anos, desde o embarazo ata os primeiros anos de vida do meu fillo. Cada etapa trouxo preguntas diferentes. Quizais unha das conclusións máis claras é a importancia dos afectos. A conexión afectiva é algo moi poderoso e segue mandando en ti toda a vida.
-Por que escolleu a poesía para contar esta experiencia?
-Porque é a forma na que mellor consigo expresarme. A poesía sérveme para explicarme a min mesmo, para ordenar emocións e para comprender o que me acontece. É unha ferramenta de comunicación, primeiro comigo e despois cos demais.

Miguel Louzao Outeiro / M.L.
-Que lle gustaría que atopasen os lectores en «Pai»?
-Gustaríame que visen que existe outra maneira de entender a paternidade e tamén de ser home. Non escribín o libro para teorizar, senón para comprenderme, pero penso que esa reflexión pode ser compartida.
-Ao final, publicar «Pai» pareceuse un pouco ao de ser pai?
-O libro estivo cinco anos «xestándose» e, ata que Xerais me chamou para iniciar o proceso editorial, era coma se aínda non existise. Primeiro naceu o meu fillo e despois, con moita paciencia, naceu tamén o libro.
-E que che gustaría que descubrira Xiao cando lea o libro no futuro?
-Que todo o que aparece nel nace do amor, do compromiso, da presenza e do coidado. Que poida comprobar que estiven aí e que quixen acompañalo en cada etapa da súa vida. Para min, o libro é tamén unha memoria escrita desa relación, como un álbum de fotos.
Suscríbete para seguir leyendo
- El gobierno de Cangas no dudará en enviar a la Policía Local si los vendedores del mercadillo vuelven a retrasar su marcha
- El mercadillo de Cangas cerró hoy a su hora entre lamentos de los comerciantes
- Grave imprudencia en Gondomar: interceptan a un niño de 10 años conduciendo una moto con su padre
- Muere un joven de Madrid tras impactar contra una furgoneta en Ourense
- El Sepe identifica cuáles son los empleos con más tirón y prevé que Galicia incorpore 16.000 nuevos cotizantes al año hasta 2028
- Los padres de la alumna con sumas erróneas en la nota de la PAU tras las revisiones denuncian «indefensión»: la corrección de la CiUG llega tras cerrar el primer llamamiento en varias comunidades
- La Cofradía de Pescadores de Aldán denuncia la presencia continuada de yates en el muelle, pese a estar probido
- Las titulaciones que cerraron con las notas de corte más altas del Sistema Universitario de Galicia: tres superan incluso a Medicina