Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Onde dorme o tempo (II)

Monumentalizando a morte: arqueoloxía, memoria e paisaxe no Monte Cabalar

Nas lombas que articulan Somoza, Tabeirós, Nigoi, Arca e Souto consérvase o núcleo máis denso e significativo do megalitismo estradense: un sistema de túmulos onde o relevo, os camiños, a toponimia e a memoria seguen a falar a mesma linguaxe desde hai cinco milenios.

Mámoa da Eira dos Mouros. | CEDIDA

Mámoa da Eira dos Mouros. | CEDIDA

¿Ya nos sigues?Márcanos como medio preferente
Añádenos en Google

Gonzalo Constenla Bergueiro

A Estrada

Entre Galiza e o norte de Portugal esténdese un dos grandes territorios megalíticos da fachada atlántica europea. Do quinto ao terceiro milenio antes da nosa era, comunidades dedicadas ao cultivo, ao gando e ao aproveitamento do monte ergueron mámoas, cámaras de pedra e corredores funerarios que aínda hoxe condicionan a lectura do relevo. Non era só cuestión de enterrar os mortos; era transformar a lembranza nunha presenza física, sinalar o territorio e inscreber a comunidade na longa memoria da paisaxe. Ese mundo non vive só nos monumentos que se visitan; tamén persiste nos interiores, nas serras e nos montes que adoitan quedar fóra das rutas habituais. Nese mapa máis discreto, A Estrada ocupa un lugar de grande interese, e dentro dela poucos espazos resultan tan expresivos como o Monte Cabalar.

O Cabalar non é un pico único nin un cume abrupto, senón unha sucesión de dorsais, lombas altas e pequenas plataformas que articulan Nigoi, Arca, A Somoza, Tabeirós e Souto. Percorrendo conxuntamente o catálogo arqueolóxico, este ámbito revélase como o núcleo máis significativo do megalitismo estradense, tanto polo número de xacementos catalogados como pola maneira en que dialogan entre si e coa topografía. Aquí se sitúan o grupo dos Seixos Brancos, A Lagoa e A Espiñeira, o Parapeto, a borda tumular de Arca —onde o inventario suma Coto de Arca, Monte de Arca, Chan do Curro e outros rexistros do mesmo corredor—, os dous Cabalara da Somoza e o conxunto de Campo das Chans ou Eira dos Mouros, en Tabeirós, que abrangue polo menos catro rexistros nun mesmo rechán. A distribución non é caprichosa: xacementos en extremos de dorsal, portelas altas, plataformas abertas e corredores naturais, sempre en posición de dominio visual amplo.

Seixos Brancos e A Lagoa, en Nigoi, son a mellor porta de entrada a esa lóxica. A necrópole agrupa varios túmulos arredor dos 605 metros de altitude, con tamaños distintos e posicións que se complementan e responden entre si. Son evidentes as relacións visuais entre os elementos, como se o conxunto estivese pensado para crear unha rede de referencias mutuas sobre a lomba; e a materia conserva aquí e acolá a súa forza: un dos túmulos mantén restos da anta, con chantas de granito visíbeis no funil de violación; noutro, o corte dunha pista deixa ver o arranque da coiraza, o revestimento pétreo que axudaba a estruturar e protexer a masa tumular. Pola combinación de tamaño, arquitectura e emprazamento, constitúe un dos conxuntos máis elocuentes do megalitismo na comarca.

Mapa de la zona.

Mapa de la zona. / Cedida

O Parapeto confirma esa lectura desde outra posición. Situado no extremo dunha dorsal, abre desde alí unha panorámica de case 360 graos que inclúe os túmulos da Lagoa e o Coto de Arca. O esencial, hoxe, non é só a dimensión do montículo nin as pedras de granito da coiraza ao redor do funil de violación. É a precisión do emprazamento: o monumento non foi colocado nun alto calquera, senón nun punto concreto onde o relevo se converte en varanda sobre o territorio, nunha atalaia para os vivos e un lugar de referencia para quen andaba por aquelas lombas. Que alguén escollera este vértice e non o rechán do lado revela un coñecemento minucioso do terreo, de quen o habita e o percorre desde moitas xeracións. Esa rede de visibilidades prolóngase até o sector de Arca, onde o sistema funerario continúa por outros rexistros do mesmo corredor.

Na Somoza, Cabalara I e II levan a relación entre monumento e topografía ao seu punto máis alto. Un dos túmulos ocupa unha portela na parte elevada da unidade; o outro, algo máis arriba, asenta xa no alto da dorsal. Nun aparece o vértice dunha laxe da cámara no cono de violación; no outro, bloques de granito da coiraza e un emprazamento que sublima o papel da divisoria como límite e referencia. En conxunto, os dous puntos definen un espazo funerario que non se limita ao entorno inmediato de cada túmulo, senón que abrangue toda a liña de cumios entre eles. Cabalara non sorprende polo tamaño nin pola espectacularidade illada, senón por algo máis raro: a maneira en que o conxunto converte toda a dorsal do monte nun espazo funerario de grande intensidade territorial.

Mámoa do Coto de Arca

Mámoa do Coto de Arca / Cedida

Campo das Chans ou Eira dos Mouros, en Tabeirós, completa o cadro e introduce outra chave decisiva: a relación entre megalitismo e tránsito. O grupo localízase nun amplo rechán, ao pé dun camiño pecuario, e a documentación insiste na asociación entre espazo tumular e vía de pasaxe. A chamada Porteliña de Cepetelo abrangue catro rexistros en estado diverso: un deles pouco destacado e moi rebaixado; outro con indicios de laxes e numerosos bloques de granito que poderían corresponder á coiraza; un terceiro, xa moi alterado, que funciona mesmo como límite de parcelas e garda aínda o vértice dunha laxe posiblemente pertencente á cámara. Esa desigualdade de conservación non é un problema: é o resultado normal de cinco milenios de vida sobre o mesmo terreo.

Os lugares vitais das comunidades neolíticas

A pregunta faise inevitábel: onde vivían aquelas xentes? Pero non é doado respondela, porque as comunidades que ergueron estas mámoas —no Neolítico, no Calcolítico e mesmo en fases posteriores que levan a transitar, reinterpretar e reutilizar estes mesmos espazos xa en tempos da primeira Idade do Ferro— deixaron poucos vestixios claros das súas áreas domésticas. A mobilidade estacional e a ocupación dispersa do territorio fixeron que as vivendas fosen moito máis fráxiles cós lugares funerarios. As casas, feitas con materiais perecedoiros, desapareceron baixo as rozas, as labradías, as plantacións e as obras de todos os séculos seguintes. O que permaneceu foi a arquitectura da morte: túmulos, cámaras e coirazas nos altos. A arqueoloxía conserva mellor a pegada ritual ca a cotiá, non porque a vida diaria fose menos intensa, senón porque estaba feita doutra clase de materiais e doutra clase de presenza.

O Cabalar, entendido así, non sería un lugar de habitación permanente, senón un espazo de referencia común. Os vivos morarían en sitios máis abrigados, nas encostas e preto das augas e das mellores terras, mentres reservaban para os mortos as dorsais, as portelas e os recháns altos que agora percorremos. Esta separación non era ruptura, senón orde: os mortos nos altos actuaban como garantes visíbeis do territorio, como sinais de que aquel espazo pertencía a alguén. Esa distancia entre a casa desaparecida e o túmulo que persiste é unha das chaves de todo o megalitismo atlántico: a vida movíase e adaptábase; a morte fixábase no alto e acababa por definir a paisaxe durante milenios. Estes monumentos importan, en boa parte, por iso: son a pegada máis duradeira dunha sociedade da que case todo o demais se disolveu.

Nomes que falan

Tamén os nomes axudan a comprender esa permanencia. A toponimia non é un adorno engadido ao mapa, senón outra forma de continuidade histórica, máis viva do que costuma recoñecerse. Cando un lugar se chama Seixos Brancos, o nome remite á presenza das pedras, ao brillo do cuarzo ou do granito, á cor que destaca no mato e que pode relacionarse coa coiraza ou coas chantas espalladas dos túmulos. Cabalara conserva no propio nome unha referencia forte ao monte e á súa identidade territorial; e Porteliña, como tantas portelas citadas nas fichas, fai visíbel a importancia dos pasos e das pequenas aberturas entre alturas. A lingua foi, así, un arquivo paralelo do relevo, da materia e do uso do territorio.

Anta Cabalara II

Anta Cabalara II / Cedida

Outros topónimos gardan unha carga máis simbólica. Cando o territorio fala de Eira dos Mouros ou de Cova dos Mouros, non describe un pobo histórico concreto, senón o xeito en que a tradición popular bautizou aquilo que xa parecía vir de moi lonxe, de antes de calquera memoria viva. A palabra mouros funciona aquí como marca mítica da antigüidade: nomea o que non pertence ao tempo ordinario da comunidade, mais que tampouco acabou por desaparecer dela. Algo semellante acontece cos nomes que falan de chans, lombas, cachopos, cerradas ou outeiros. Chan da Quenlla, A Cerrada do Chan, A Cerrada do Espiño, A Lomba, O Cachopo: son pequenas lecturas populares do relevo, da vexetación e dos usos do lugar. Mesmo cando a mámoa está completamente cuberta polo toxo, o nome pode seguir avisando de que aquel punto non é calquera.

Non todos os xacementos deste sistema teñen hoxe o mesmo grao de presenza visual, e convén telo en conta antes de os percorrer. Algúns resultan case inmediatos: o Parapeto pola súa panorámica e os seus lazos visuais cos túmulos da Lagoa e Coto de Arca; Seixos Brancos e A Lagoa pola presenza de varios elementos ben conservados que se ven entre si e conservan aínda dimensións notábeis; Cabalara pola súa posición en portela e dorsal alta, que subliña esa dimensión de megalitismo de divisoria e horizonte que percorre todo o sistema. Son os xacementos onde a visita resulta máis inmediata para quen chega sen coñecemento previo do territorio. Con todo, esa presenza non se manifesta do mesmo xeito en todo o conxunto.

Outros só se perciben con atención. Moitos manteñen íntegra a súa tipoloxía de mámoa, mais permanecen cubertos por toxo ou mato denso, de modo que identificalos require ollo arqueolóxico e coñecemento do terreo. Outros están moi rebaixados, cortados por pistas, afectados por gabias de drenaxe ou parcialmente destruídos por esplanamentos forestais. Neses casos, a monumentalidade non se le de inmediato: está na topografía, nos pequenos indicios —unha elevación suave, unha depresión central, uns bloques de granito espallados, o vértice dunha laxe que aflora—, na memoria acumulada de quen coñece o conxunto. O Cabalar non é, pois, só o que se ve ao primeiro golpe de vista, senón a suma do evidente e do soterrado: os grandes marcos que aínda ordenan o horizonte máis os restos discretos que cobran sentido cando se le o sistema enteiro.

Vistos no seu conxunto, o resultado é extraordinariamente coherente. No concello non hai outro espazo onde coincidan con semellante intensidade a concentración de xacementos, a lóxica topográfica, a monumentalidade dalgúns elementos e ese alto grao de visibilidade mutua. No Cabalar dáse algo menos frecuente do que un agrupamento: unha rede de mámoas que se ven entre si, que se responden á distancia, que ocupan portelas, dorsais e recháns, e que fan do monte un espazo de orientación, tránsito e memoria partillada. Non estamos apenas diante dun grupo de enterramentos. Estamos diante dunha maneira antiga de pensar a paisaxe.

Continuidades territoriais

Sería, con todo, un erro fechar a lectura do Cabalar sobre as súas lombas máis coñecidas. A forza deste espazo aumenta cando se entende como o tramo máis claro dun corredor tumular moito máis amplo. A lectura illada empobrece o conxunto; a lectura en rede é a que permite ver o sistema enteiro e calibrar o que representou o Cabalar naquela xeografía antiga. En dirección a Ouzande, a encosta do Pedroso e os lugares da Lomba, do Cachopo e da Cerrada do Espiño prolongan a mesma lóxica; o propio catálogo confirma esa continuidade coa Cerrada do Chan I, II e III e a serie de Chan da Quenlla II-VIII, unha cadea de túmulos ligada a unha vía de tránsito que percorre de norte a sur a unidade fisiográfica, con pedras de coiraza, indicios de corredor e a posibilidade de máis estruturas por descubrir. O que no Cabalar se percibe con maior nitidez non termina, portanto, no seu núcleo máis alto: descende e continúa polas encostas occidentais do sistema.

Anpa do Parapeto

Anpa do Parapeto / Cedida

Visto así, o Cabalar deixa de ser un lugar alto con varias mámoas importantes e pasa a ser o centro dun eixo maior: cara ao oeste e noroeste, prolongándose por Ouzande, Chan da Quenlla, Matalobos e o Alto da Cruz até o termo de Cuntis; cara ao leste e ao sur, cara a Arca, Souto, Codeseda, Liripio e Sabucedo, e desde aí cara a Cerdedo e Forcarei. É notábel que este eixo segue, en boa medida, as grandes vías naturais de tránsito entre as concas fluviais da comarca: o megalitismo non elixiu os altos ao chou, senón os altos desde os que se dominan e se articulan os camiños. As mámoas non son, pois, puntos illados nun monte calquera: son marcas dun corredor cultural, funerario e paisaxístico que acompañou durante milenios esas vías de paso e mantivo a relación antiga entre comunidade, memoria e relevo.

É, en definitiva, nesa amplitude onde se encontra o sentido último do Cabalar. Aquelas comunidades neolíticas non erguían monumentos ocasionais en lugares illados: construían unha paisaxe social. Vivirían en asentamentos modestos e mutábeis, tirarían sustento do cultivo e do gando, coñecerían ben os pasos, as augas e as mellores terras. Seguramente regresaban a estes altos en determinadas épocas do ano, para renovar o vínculo co territorio e cos antepasados que descansaban nel. Mais reservaban eses lugares para outra cousa que o cotián: para situar a morte no centro da memoria colectiva e facer do relevo, literalmente, unha escrita.

As vivendas desapareceron, os nomes continuaron a falar e as mámoas ficaron como sinais dunha sociedade que non deixou aldeas perdurábeis, mais si unha xeografía de memoria. Entre toxos, piñeiros, pistas forestais e terras removidas, aínda se percibe a orde lenta con que foi trazada. E por iso impresiona tanto cando se explica por primeira vez: porque o que parecía só monte revela, de súpeto, a presenza antiga dunha sociedade enteira.

Suscríbete para seguir leyendo

Tracking Pixel Contents