Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Fin de curso en comunidade

Garatuzas de Piloño viaxa entre ponis, canoas e memoria castrexa para despedir o curso

Medio cento de persoas participaron este sábado nunha xornada de convivencia interxeracional en Fornelos de Montes, con actividades na Granxa Escola O Kiriko, unha ruta en canoa polo encoro de Eiras, unha visita ao enclave arqueolóxico de Oitavén e merenda na praia fluvial, ao abeiro do programa +Convivencia da Deputación de Pontevedra

¿Ya nos sigues?Márcanos como medio preferente
Añádenos en Google
Xan Salgueiro

Xan Salgueiro

Vila de Cruces

A Asociación Social e Cultural Garatuzas de Piloño puxo este sábado o ramo ao curso escolar cunha saída pensada para mesturar lecer, aprendizaxe, natureza e convivencia. Baixo o título Garatuzas viaxa no tempo, medio cento de persoas desprazáronse desde a parroquia cruceña ata Fornelos de Montes para compartir unha xornada familiar na que participaron tres xeracións: crianzas, nais e pais, e tamén avoas e avós.

O día comezou na Granxa Escola O Kiriko, convertida no primeiro escenario dunha actividade deseñada para que pequenos e maiores gozasen xuntos. Alí, os nenos e nenas puideron montar en poni, unha das experiencias máis agardadas da mañá, mentres que o grupo completo se embarcou despois nunha travesía en canoa polo encoro de Eiras. A proposta permitiu ás familias colaborar, coordinarse e compartir unha experiencia activa nun contorno natural singular.

Comitiva

Recorrido en canoas polo encoro. / Cedida

A saída non quedou só no plano lúdico. O itinerario incluíu tamén unha parada no enclave arqueolóxico de Oitavén, onde o grupo puido achegarse aos vestixios da cultura castrexa. A visita serviu para conectar coa temática mitolóxica e histórica traballada pola asociación ao longo do curso, reforzando a idea de que a aprendizaxe tamén pode construírse fóra das aulas e en contacto directo co territorio.

Como peche da xornada, as familias trasladáronse á praia fluvial de Fornelos, onde compartiron a merenda e momentos de xogo libre antes do regreso a Piloño. Foi o broche final a un día no que a convivencia veciñal volveu situarse no centro da actividade da asociación.

A iniciativa contou coa colaboración da Deputación de Pontevedra, a través do programa +Convivencia. Desde Garatuzas salientan que este tipo de propostas resultan fundamentais para crear comunidade, favorecer a participación das familias e fomentar o respecto polo patrimonio natural e cultural da provincia.

Tracking Pixel Contents