A memoria dos Goyanes
A casa que devolve un apelido á historia de Lalín
O cronista Daniel González Alén propón revisar a denominación oficial do inmoble modernista adquirido polo Concello de Lalín e reivindica que o nome recolla o apelido dunha saga con fonda pegada na historia local

A casa de Alvaro Goyanes na actualidade / Daniel González Alén

Logo da compra por parte do Concello de Lalín do edificio modernista que mandara construír Álvaro Goyanes Crespo a principios do século XX no centro da vila, a propiedade vén sendo denominada en documentacións oficiais, informacións municipais, medios de comunicación e tamén entre a veciñanza como «Casa de Don Álvaro», «Casa de Álvaro» ou, máis recentemente, «Casa Don Álvaro», segundo figura no rótulo colocado no muro exterior que pecha o xardín do inmoble. O cronista Daniel González Alén considera que estas denominacións «non son as máis atinadas» e defende como opcións máis axeitadas «Casa de Álvaro Goyanes» ou mesmo «Casa dos Goyanes». Ao seu xuízo, estas fórmulas permiten identificar mellor tanto o construtor e primeiro propietario como a notable saga familiar á que pertenceu, cunha fonda presenza na vida social, económica e política de Lalín durante os dous últimos séculos.

Sinalización recente coa denominación ‘Casa Don Álvaro’. / Daniel González Alén
O inmoble, composto de casa e xardín anexo, foi mandado construír cara ao ano 1912 polo avogado lalinense Álvaro Goyanes Crespo, nunha horta situada no centro da vila que se transformara en solar coa apertura da estrada de Santiago a Ourense, a mediados do século XIX. Foi morada da familia Goyanes González, que máis adiante enlazou cos Moure Carrero de Lalín de Arriba, pasando a ser os Moure Goyanes os seus moradores.
González Alén sinala que, naquela época, «as clases sociais estaban no seu apoxeo e ben definidas e o caciquismo imperaba na vila e nas parroquias». Nese contexto, as máis modestas e desfavorecidas coñecían a casa como a de «don Álvaro», mentres que para as máis podentes e favorecidas, entre as que se atopaban os seus donos, era a casa de Álvaro Goyanes. Entre os últimos propietarios figuran o notario lalinense Álvaro Moure Goyanes e a súa irmá María Natalia, antes de que a propiedade pasase, mediante venda, ao Concello de Lalín.

Jovita Goyanes. / Cedida
A familia Goyanes estableceuse en Lalín a mediados do século XIX e acadou grande notoriedade, influencia e poder nos ámbitos político, económico e social. Emparentou con outras familias dezás de avoengo primeiro e de toda condición social despois, mantendo ata a actualidade apelido e parentesco en numerosos veciños do municipio. Daquela familia formaba parte Jovita Goyanes Losada, nativo de Camariñas e farmacéutico de profesión, que, procedente da comarca do Carballiño, chegou a Lalín a mediados do século XIX. O seu pai, José Goyanes Arias, exercía como notario e escribán. Jovita chegou a ser alcalde de Lalín e contraeu matrimonio, tras enviuvar de Teresa Taboada, veciña do Irixo, con dúas fillas do avogado e daquela alcalde e cacique lalinense José Crespo Villar: Segismunda e Avelina. Fillos de Jovita Goyanes e Segismunda Crespo foron Nuño, médico e administrador de Correos e Telégrafos en Lalín, e Álvaro Goyanes Crespo, avogado, que casou con Adela González Goyanes. A casa continuou despois en poder dos seus fillos, que emparentaron cos Moure Carrero de Lalín de Arriba.

O ilustre Plácido Goyanes, tío de Alvaro Goyanes, nun retrato de Laxeiro. / Daniel González Alén
Outro membro destacado da saga foi Gumersindo Goyanes Losada, irmán de Jovita e tío de Álvaro. Médico establecido na actual Avenida de Buenos Aires, foi o primeiro presidente do Casino e acadou certa popularidade polo episodio de cabalgar de Lalín a Rodeiro, onde tamén exercía como galeno a principios do século XX, «escoltado polos lobos do monte Saldoiro», segundo recolleron nos seus relatos Camilo José Cela, Álvaro Cunqueiro e José María Castroviejo. Entre os seus sucesores figuran Alfonso Garra Goyanes, que sería alcalde a mediados do século XX, e Wenceslao Calvo Garra, fillo predilecto de Lalín.
Tamén salientou Ramiro Goyanes Crespo, medio irmán de Álvaro Goyanes e personaxe moi notable no primeiro terzo do século XX. Foi avogado, rexistrador da propiedade, escritor, representante do Centro Hijos de Lalín en Buenos Aires cando se construíron o Hospitalillo e o cemiterio municipal, e empresario cofundador, con varios parentes e outros notables veciños, da «Sociedad Anónima Acetilena Lalinense». Era o seu maior accionista e participou posteriormente na Hidroeléctrica del Deza, neste caso en sociedade coa familia González Taboada. Casado con Concepción Lamas, ambos foron retratados por Laxeiro.
O informe lembra, ademais, a Perfecto Goyanes Taboada, fillo único do primeiro matrimonio de Jovita. Tivo comercio e casa na que sería a rúa Loriga e casou con Albina Sánchez Pérez. Foron pais, entre outros, de Celia Goyanes Sánchez, esposa do avogado e alcalde de Lalín a principios do século XX Jesús Aller Ulloa, e do recoñecido avogado José Aller Goyanes, Cache, ademais de avós do tamén avogado e cooperante en Sudamérica Henrique Aller López.
Ao longo do tempo, os Goyanes emparentaron cos Lamas, Taboada, Facal, Diéguez, Sánchez, López, Gamallo, González, Rodríguez, Souto e outras familias de Deza. En 2016, un cento dos máis de trescentos descendentes dos Goyanes reuníronse unha fin de semana de agosto en Lalín para, entre outros actos, presentar no Museo Municipal o libro A familia Goyanes, no que se recolle a árbore xenealóxica desta saga e dos seus persoeiros máis relevantes.
Por todo iso, Alén propón como denominación oficial «Casa de Álvaro Goyanes» ou «Casa dos Goyanes». Considera que «Casa de Álvaro» omite o apelido da saga, mentres que «Casa Don Álvaro» resulta evocadora «dos tempos en que imperaban as clases sociais e o caciquismo secular» e mesmo dunha coñecida marca de puros española que nada ten que ver.
A proposta do cronista defende que a espléndida casa que habitou Álvaro Goyanes Crespo debe lembrar non só ao seu primeiro dono, senón tamén á ampla e influente familia dos Goyanes, que participou activamente na vida económica, social e política do municipio de Lalín nos dous últimos séculos.
- Los padres de la alumna con sumas erróneas en la nota de la PAU tras las revisiones denuncian «indefensión»: la corrección de la CiUG llega tras cerrar el primer llamamiento en varias comunidades
- Así será la revolución que vivirá el frente litoral de Vigo en Teis: alquileres «tasados» durante 75 años, calidad arquitectónica, vida comercial, grandes dotaciones públicas y un bosque
- «Hemos visitado colegios y sorprende que niños de primaria no sepan identificar un pez tan característico y gallego como el rape»
- Víctor Fernández, afectado por la prohibición del Concello de Vigo: «Sin conciertos en mis chiringuitos tendré que despedir a gente»
- Muere un hombre mientras se bañaba en una playa de A Illa
- Así es el nuevo Teis que impulsa la Zona Franca de Vigo
- Condenan al Sergas por la extirpación «a ciegas» del útero a una joven de 33 años en Vigo
- Así eran nuestras playas antes de su urbanización y el desembarco de turistas