Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Entrevista | 9Louro Artista urbano galego

9Louro: «Nun futuro gustaríame seguir coa mesma ilusión que teño hoxe»

A nova figura da música urbana galega actuará o xoves 25 de xuño nas festas de A Estrada coa xira de presentación de AMORRER, o seu último álbum

Martín Louro conta con colaboracións como as de Ortiga ou West Srk.

Martín Louro conta con colaboracións como as de Ortiga ou West Srk. / 9Louro

¿Ya nos sigues?Márcanos como medio preferente
Añádenos en Google
A Estrada

Con apenas vinte e poucos anos, 9Louro converteuse nun dos artistas con máis proxección da música urbana galega. Natural de Louro, Muros, destaca por mesturar sons actuais e letras en galego que conectan coa súa xeración. O vindeiro xoves 25 actuará nas Festas de San Paio. Antes do concerto, conversamos con el.

A pregunta que máis che fan: de onde vén o nome de 9Louro?

Louro é o meu apelido, chámome Martín Louro e son de Louro. O 9 é completamente aleatorio. Tampouco é que lle dera moitas voltas. Cando xogaba á Play era o nome que utilizaba e acabou quedando. É simplemente un número.

Que hai de Louro na súa música?

Prácticamente todo o relacionado co meu universo artístico nace de Louro. É un sitio ao que sigo volvendo todas as fins de semana. Agora vivo en Santiago, pero sempre regreso a Louro. É onde me criei, onde están os meus amigos e onde vivín moitos dos momentos máis importantes da miña vida. As experiencias do día a día e os recordos dese lugar son os que acaban aparecendo nas cancións.

9Louro presenta o álbum AMORRER

9Louro presenta o álbum AMORRER / 9Louro

O uso do galego na súa música foi unha decisión consciente ou algo natural?

A música urbana que eu escoitaba estaba practicamente toda en castelán. Cando empecei a dar os primeiros concertos decateime de que non me sentía completamente cómodo cantando noutro idioma. A partir de aí comecei a escribir letras en galego e a enfocar o proxecto doutra maneira.

Vostede construíu a súa carreira desde un entorno rural. Cre que o público aprecia esa autenticidade?

Eu creo que si. É importante contar cousas coas que a xente se poida identificar. Ao final, moitas persoas de aquí viven experiencias semellantes ás miñas. Quizais unha letra escrita desde unha realidade urbana non lles transmite tanto como unha canción baseada nas vivencias que compartimos moitos dos que medramos en Galicia.

9Louro presenta o novo álbum AMORRER

9Louro presenta o novo álbum AMORRER / 9Louro

Influencias e futuro

Que influencias hai detrás de 9Louro?

Nunca tiven un referente único porque os gustos van cambiando. Hai artistas que me marcaron moito nun momento determinado e que agora xa non escoito tanto. Na casa tamén tiven a sorte de contar co meu irmán, que xa tiña parte do camiño feito cando comecei. Antes de facer música en galego coñecía moi pouco da escena galega. A medida que me fun metendo neste mundo comecei a descubrir artistas, propostas e estilos moi diferentes.

As festas patronais teñen unha enerxía moi diferente á dunha sala ou dun festival. Que pode esperar o público de San Paio?

Eu tamén sinto unha enerxía distinta dependendo do formato. Nunha verbena a xente adoita estar máis entregada e con ganas de festa. Nunha sala moitas veces o público vai porque é seguidor teu, mentres que nunhas festas hai persoas que simplemente están alí para pasalo ben. Ultimamente vexo que a xente desfruta moito dos concertos nas verbenas, baila e participa. O meu obxectivo será facer que bailen o máximo posible e que gocen do concerto. Apenas coñezo A Estrada, pero seguro que irá moi ben.

"Non me sentía completamente cómodo cantando noutro idioma"

9Louro

— Músico

Como leva que a xente cante as súas cancións ou que o recoñezan pola rúa?

Sigo sendo exactamente a mesma persoa. Tiven a sorte de estar rodeado sempre da mesma xente e de manter os pés na terra. Cando volvo a Louro todo segue igual e iso axúdame a manter a perspectiva.

Como leva o crecemento artístico que está a vivir?

É incrible. É un traballo que me cambiou a vida completamente. O ano pasado fixen arredor de vinte e catro concertos e este ano multiplicamos por tres as reproducións e por dous os concertos. Máis alá dos números, síntome moito máis cómodo na miña carreira. Desde que publiquei o álbum foi un proceso de maduración tanto para min como para o público.

Que importancia lles dá ás colaboracións coas que conta AMORRER, o seu último disco?

Teñen moito valor sentimental. Todas as colaboracións son con persoas ás que admiro, coa xente coa que traballo ou mesmo con familiares, como o meu irmán. Son artistas que escoito e respecto desde hai tempo.

Dígame unha canción que cambiase o seu significado ao levala ao directo, diante do público.

“Fíos”, a última de AMORRER. Graveina como un tema moi íntimo para pechar o disco. Non pensaba nela como unha canción especialmente comercial, simplemente era unha maneira de expresar o que sentía nese momento. Porén, nos concertos converteuse nun dos momentos máis especiais. Grazas á importancia que lle deu a xente, a canción acabou tendo unha dimensión moito maior da que eu imaxinaba.

Se dentro de dez anos volvemos falar nas festas de San Paio, que lle gustaría poder contarme?

Gustaríame seguir tendo a mesma ilusión que teño hoxe. Seguir facendo música, seguir tendo ganas de subir a un escenario e seguir desfrutando de cada concerto. Ao final creo que iso é máis importante ca calquera logro. O importante é que nunca desapareza a ilusión polas cousas que che pasan.

Suscríbete para seguir leyendo

Tracking Pixel Contents