Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Entrevista | Marcos Borrageros Candidato do BNG á Alcaldía da Estrada

«Asumo a responsabilidade con nervios e moita ilusión polo que se pode facer»

«A vivenda, o emprego e a demografía son problemas que hai que abordar conxuntamente»

Marcos Borrageros.

Marcos Borrageros.

¿Ya nos sigues?Márcanos como medio preferente
Añádenos en Google
A Estrada

O BNG da Estrada presentou este venres a Marcos Borrageros como candidato á Alcaldía para as eleccións municipais de 2027. Con 27 anos, este historiador e divulgador cultural natural da parroquia de Olives asume o reto de encabezar o proxecto nacionalista nun momento no que sitúa como prioridades a vivenda, o emprego e a loita contra a perda de poboación. Nunha conversa con FARO, Borrageros reflexiona sobre o seu salto á primeira liña política, os problemas estruturais do concello e o modelo de municipio que lle gustaría construír.

Como xurdiu a posibilidade de converterse no candidato do BNG á Alcaldía da Estrada?

Todo comezou cando Xoán Reices trasladou ao partido a súa decisión de non repetir como cabeza de lista. A partir de aí abriuse un proceso de reflexión sobre o futuro do proxecto e sobre quen podía contribuír a construílo. Eu non tiña unha participación activa na primeira liña política, pero xa existiran contactos previos co BNG. Coincidiu ademais cun momento vital no que vivo de primeira man problemas como a vivenda ou a estabilidade laboral, así que entendín que podía achegar a miña visión.

Que sensacións lle produce asumir esta responsabilidade?

Hai moita ilusión, porque existen moitas cousas que se poden facer. Tamén hai nervios, que son inevitables. O importante é ser capaces de conectar coa xente e demostrar que hai outra forma de facer política, máis próxima e máis centrada nos problemas reais da veciñanza.

No seu discurso situou a vivenda, o emprego e a demografía como prioridades. Por que?

Porque son problemas que están completamente conectados. Non podemos frear a perda de poboación se a xente non ten acceso á vivenda ou se non pode desenvolver aquí un proxecto laboral. Son cuestións estruturais e hai que abordalas de maneira conxunta.

Que papel debe desempeñar o Concello nese proceso?

Pode impulsar colaboracións entre o tecido empresarial e os centros educativos, apoiar novos proxectos e facilitar a creación de iniciativas emprendedoras. Hai que crear condicións para que os mozos e mozas poidan iniciar aquí a súa carreira profesional.

A vivenda é outro dos grandes problemas que sinala. Que solucións propón?

A construción de vivenda pública é necesaria, pero non suficiente. O gran reto está tamén nas vivendas baleiras que existen tanto na vila como nas parroquias. Hai que impulsar programas de mediación entre propietarios e demandantes de alugueiro, ofrecer garantías e fomentar a rehabilitación do parque xa existente.

Vostede procede do ámbito cultural. Que importancia ten este sector no seu proxecto?

A Estrada ten un patrimonio enorme. Das 51 parroquias que temos, practicamente todas contan con elementos históricos e culturais de gran valor. O problema é que hai moito traballo pendente. Temos exemplos moi claros, como a Lagoa de Olives, que durante anos se promocionou como un espazo natural de referencia e que hoxe presenta importantes problemas de conservación. Tamén están a Torre de Guimarei, a Ponte de Liñares ou a Torre da Barreira, unha edificación medieval vencellada ás revoltas irmandiñas e que segue sen investigación nin posta en valor. E por suposto, está o Museo Reimóndez Portela, que ano tras ano vemos como prometen aperturas e invirten en rehabilitacións pero continúa pechado.

Que plantexa para este espazo?

Primeiro, definir un proxecto serio. Hai que decidir que papel vai desempeñar o museo, como se vai xestionar e que programación vai ofrecer. Porque podemos abrilo mañá mesmo e recuperar o modelo que había hai vinte anos, pero ao cabo dun ano a xente xa non terá motivos para volver. O importante non é gastar cartos, senón investir con criterio e asegurar que os proxectos teñan continuidade.

Para a xente que aínda non o coñece, quen é Marcos Borrageros? Como se presentaría aos veciños da Estrada?

Son un estradense máis. Nacín en Fraiz, na parroquia de Olives, practicamente no límite con Forcarei. Fixen toda a miña vida académica entre os colexios do rural e os institutos da vila, e tamén comecei a miña vida laboral aquí. Non me considero diferente de ningún outro veciño. Participo da vida cultural do concello, cando podo tamén participa da deportiva e agora decidín implicarme na política.

Se dentro de catro anos os veciños lle dan a Alcaldía, como lle gustaría deixar a Estrada ao remate do mandato?

Gustaríame facelo o suficientemente ben como para que a xente pense en canto máis se pode ir para adiante. De feito, quixera conseguir unha revolución, e que cada vez medremos máis. Que teñamos que buscarnos a vida seguir crecendo para dar cabida a todas as esas persoas que escollen o noso concello para desenvolver o seu proxecto vital, famliar ou profesional. Iso é o que máis desexo.

n

Suscríbete para seguir leyendo

Tracking Pixel Contents