Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Política

Marcos Borrageros será o candidato do BNG para as municipais de 2027

O cabeza de lista definiu o seu proxecto en base a tres eixos: emprego, vivenda e fortalecemento da economía local, para crear «unha Estrada con futuro»

O candidato, arroupado por Reices e Fernández.  | F.C.

O candidato, arroupado por Reices e Fernández. | F.C.

¿Ya nos sigues?Márcanos como medio preferente
Añádenos en Google
A Estrada

O BNG da Estrada presentou onte a Marcos Borrageros como portazoz e candidato para as eleccións municipais de 2027. A formación nacionalista aposta así por unha renovación xeracional que sitúa a mocidade e a revitalización do rural no centro do seu proxecto político para o concello.

Borrageros, de 27 anos e natural de Fraíz, na parroquia de Olives, foi arroupado no acto polo portavoz municipal do BNG, Xoán Reices, e pola deputada autonómica Ariadna Fernández. Durante a súa intervención, o candidato reivindicou a necesidade de ofrecer alternativas á perda de poboación e á marcha da xuventude, ao tempo que defendeu un modelo de desenvolvemento baseado no emprego, a vivenda e o fortalecemento da economía local.

«O doado era marchar, virarlle as costas á política e coller a maleta coma moitos dos meus amigos para buscar un futuro fóra do concello», afirmou. Fronte a esa realidade, asegurou que decidiu implicarse para contribuír a construír «unha Estrada con máis futuro que pasado».

O novo cabeza de lista realizou unha análise crítica da situación do municipio, especialmente no relativo ao despoboamento e á situación das parroquias. Na súa opinión, os investimentos realizados nos últimos anos non responderon ás necesidades estruturais do rural e limitáronse, en moitos casos, a actuacións puntuais. Tamén advertiu de que infraestruturas como a futura autovía poden converter a Estrada nunha «vila dormitorio» se non van acompañadas de políticas destinadas a crear actividade económica e oportunidades laborais no propio territorio.

Entre as prioridades do proxecto nacionalista, Borrageros situou a posta en marcha de plans industriais que favorezan o crecemento das empresas locais e a revisión do planeamento urbanístico para facilitar o acceso á vivenda tanto na vila como nas parroquias. «Temos que facer, dunha vez por todas, que os tuppers do domingo non vaian parar ás neveiras doutro concello. Facer que a xente queira estar», sinalou.

Pola súa banda, Xoán Reices destacou a honestidade, a capacidade de traballo e o compromiso do candidato, mentres que Ariadna Fernández asegurou que o BNG pretende trasladar á Estrada modelos de xestión que xa deron resultados noutros concellos gobernados pola formación.

Coa súa designación tras a partida de Reices, o BNG inicia a carreira cara ás municipais de 2027 cunha candidatura que busca combinar renovación, experiencia e unha aposta decidida polo futuro do concello.

Tracking Pixel Contents