Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Educación

Pan con tanto saber como sabor

A escola unitaria da parroquia lalinense de Donramiro repartiu a través do Forno Nercellas bolos de pan elaborados coa fariña dun cultivo de millo que coidou ao longo deste curso en colaboración coa Fundación María José Jove e que lles permitiu ás familias e á veciñanza afondar na importancia deste alimento non só como sustento, senón como vínculo coa terra, co Entroido e incluso co descanso

Foto de familia da comunidade educativa, dos artistas e dos panadeiros.

Bernabé /Javier Lalín

¿Ya nos sigues?Márcanos como medio preferente
Añádenos en Google
Salomé Soutelo

Salomé Soutelo

Lalín

Dende este venres, o patio da escola unitaria de Donramiro contará con estores sostibles, esa palabra tan de moda que xa aplicaban a diario os nosos bisavós, sobre todo se eran de aldea. Os estores están elaborados con cosco, que son as follas que cubren as espigas de millo. Estas follas foron cosidas polos nenos e nenas coa axuda da artista Julia Huete e a súa colocación no centro educativo vai supoñer un dos cumios dun proxecto que dende comezos de curso desenvolve a escola da man do Centro de Arte Fundación María José Jove. O outro cumio foi este xoves no Forno Nercellas, unha das panaderías do casco urbano de Lalín. A vintena de rapaces, con cadanseu gorro de panadeiro no que lucían o seu nome, aprendeu todo o proceso de elaboración do pan: verqueron a fariña de millo corvo (cultivada nunha finca de Lalín) nunha artesa de madeira e, tras mollala con auga quente, amasárona para darlle forma de bolos. Axudaron tamén a meter cada bolo no forno e, despois, encargáronse de selar cada peza cunha etiqueta. O pan leva o sabor da fariña lalinense, pero nesa tarxeta vai o saber dun ano de conversas nas que nenos e nenas, familias, veciñanzas e artistas descubriron cousas como que o millo pode secarse nos cabaceiros pero tamén se se enrestra co cosco, que éste se pode empregar ademais para reencher colchóns e bonecas e que os carozos (a madeira que queda ao debullar o gran da espiga) son un bo entretemento para os que nenos e os adultos melloremos o noso equilibrio ao construir 'castelos' con eles.

Un grupo de alumnos da escuela prepara a masa para o pan.

Un grupo de alumnos da escola prepara a masa para o pan. / Bernabé / Javier Lalín

Estes bolos repartíronse gratis entre a veciñanza de Donramiro e tamén entre a clientela do Forno Nercellas, porque se trata de compartir ese saber. A responsable de Educación no Centro de Arte a citada fundación, Alba Cacheda, explica que este proxecto xurdiu tras unha investigación conxunta coa Fundación Cerezales e o artista colombiano Nicolás París sobre a aprendizaxe. A idea dunha aula fóra das aulas convencionais, a xeito de terceiro mestre, levou a este equipo a pensar na natureza como ese profesor ideal. Tras sembrar unha finca con millo corvo, contactou coa escola unitaria «que é un centro de referencia a nivel educativo. O seu alumnado sempre está moi motivado cos contidos ao longo do curso» pola forma de ensinanza das súas mestras, indica Cacheda.

Dende a sementeira do millo ata a súa colleita e secado, os nenos e nenas de Donramiro compartiron coa veciñanza da aldea saberes relacionados, como qué animais poden poñer en risco este alimento, ou o sentido do Entroido como unha festa na que a especie humana danza para que a terra sexa fértil na primavera, cando se sementan os alimentos. Nesa ocasión, a comunidade educativa estivo acompañada por outro artista, Diego Vites, que tamén demostrara xa nunha sesión anterior coa veciñanza cómo ía aprendendo a enrestrar as espigas.

Outros proxectos

Alba Cacheda sinala que esta posta en valor do millo corvo e do cultivo do millo en xeral só se puxo en marcha coa comunidade educativa de Donramiro. «Dende A Fundación, traballamos con artistas contemporáneos e con cuestións vinculadas ao territorio e ao medio ambiente», engade. As distintas iniciativas que van xurdindo da man de creadores e doutras entidades materialízanse con centros de distintas etapas formativas. Así, a entidade está detrás de Aprender do bosque, no que unha investigación entre arte e ciencia permite realizar pequenas plantacións de especies autóctonas con catro escolas de distintos puntos de Galicia. E o IES Xograr Afonso Gómez, de Sarria, colabora cunha escola arxentina, o Museo de Buenos Aires e o creador Luis Camnitzer nunha reflexón colectiva sobre o emprego da intelixencia artificial. Luis Camnitzer, creador uruguayo nacido en Alemania, creou para este proxecto botando man da IA conversas ficticias entre persoeiros galegos e arxentinos xa falecidos, como Luis Seoane, Isaac Díaz Pardo ou Rosario Vera Peñazola.

¿Busca algún recoñecemento a Fundación María José Jove con estes proxectos educativos? Alba Cacheda é moi directa na resposta. "Non buscamos ningún premio, facémolo por concienciación e porque dende o departamento cremos que a arte ten que ser un eixo central na escola, na que estivo esquecida durante moito tempo".

Suscríbete para seguir leyendo

Tracking Pixel Contents