Unha festa con memoria
As festas de Saídres evocan 1976 coa volta da Banda Municipal de Silleda tras 50 anos
A parroquia recupera para este San Xoán un contrato de 1976 que confirma a presenza da Banda Municipal de Silleda hai medio século. Cincuenta anos despois, a agrupación volve ao campo da festa nun programa que mestura música, lembranza veciñal e a continuidade dunha celebración documentada xa desde hai máis de cen anos

Bernabé / Javier Lalín

Saídres volverá celebrar este mes de xuño as festas na honra a San Xoán e San Antonio cun programa que mira cara adiante sen deixar de remexer no caixón da memoria. Despois de que o ano pasado a parroquia puxese o foco nun cartel de 1925, o primeiro do que se tiña constancia e que serviu para conmemorar cen anos de festa documentada, desta volta a comisión atopou outro fío do que tirar: un contrato de traballo de 1976 que acredita a actuación da Banda Municipal de Silleda na parroquia.
«Hai un ano falamos porque tiñamos constancia do cartel de facía 100 anos da festa e trouxemos a mesma banda. Pois este ano pásanos algo parecido, non con 100, senón con 50. Hai 50 anos que temos o contrato de que estivo a Banda de Silleda, e este ano volve estar», explica Paula Fernández García, integrante da comisión xunto a Ángel Castro Temes, Gonzalo Filloy López, Elena Areán López e Roi Rodríguez Areán.
O documento, conservado pola veciñanza, é unha desas pezas que fan falar á historia miúda. Está encabezado co nome da Banda Municipal de Silleda e leva por título Contrato de trabajo. Nel figuran Manuel Castro Caramés, presidente da Comisión de Festejos de Saídres, e José Villaverde Gómez, director da Banda Municipal de Silleda, xa falecido. O acordo foi asinado en Silleda en abril de 1976 e establecía a contratación da banda, composta por 21 «profesores», para actuar na parroquia o 24 de xuño dese ano.

Manolo de Blanco, como é coñecido na parroquia, posa co contrato de hai 50 anos. / Bernabé / Javier Lalín
A letra mecanografada e os ocos cubertos á man deixan tamén detalles curiosos da época. A banda debía presentarse ás once da mañá e rematar a súa actuación ás dúas da madrugada do 25, cos descansos correspondentes. Polo seu labor percibiría 24.000 pesetas. Os gastos de viaxe corrían por conta da propia banda, mentres que a manutención do director, do chófer e do subdirector quedaba a cargo da comisión. Medio século despois, as sinaturas de Castro e Villaverde volven adquirir protagonismo como testemuño dun xeito de organizar as festas que hoxe se le case como unha crónica social.

Detalle del histórico contrato. / FDV
A lembranza chega nun ano no que Saídres volverá vestir de festa o sábado 20 e o domingo 21 de xuño. A primeira xornada abrirase ás 13 horas coa misa na honra a San Xoán e sesión vermú. Pola noite haberá verbena coas charangas Ardores e Europa e o DJ Calwin. O domingo 21, ás 13:15 horas, celebrarase a misa na honra a San Antonio, seguida da sesión vermú coa Banda de Música Municipal de Silleda. A formación repetirá pola noite, xunto a Punto Zero.
A presenza da Banda Municipal de Silleda é, polo tanto, moito máis ca unha actuación musical. É unha chiscadela á parroquia de 1976, á comisión que asinaba contratos en papel timbrado, ás festas que comezaban pola mañá e se alongaban ata a madrugada, e a unha maneira de entender a celebración como un esforzo colectivo. Tamén é unha forma de render homenaxe a quen fixo posible aquelas xornadas, desde os responsables da organización ata os músicos que levaban o nome de Silleda polas parroquias.
O cartel de 1925
A comisión actual continúa así unha liña de traballo iniciada o ano pasado, cando Saídres recuperou o cartel de 1925 das «Grandes fiestas religiosas en honor a la Virgen del Carmen», unha rareza pola advocación elixida e polo valor documental dunha festa costeada polos veciños da parroquia e polos fillos de Saídres en Buenos Aires. Aquela programación falaba de repique de campás, bombas, globos aerostáticos, fogos de aire e baile campestre. Cen anos despois, a linguaxe mudou, mais a esencia segue a ser a mesma: xuntar á veciñanza arredor da música, da misa, da verbena e da memoria compartida.
En Saídres, a festa volve soar este ano con ecos de hai cincuenta anos. E faino cun contrato antigo como partitura inesperada, coa Banda de Silleda como ponte entre xeracións e cunha parroquia que demostra que tamén se pode celebrar mirando atrás, non xa por nostalxia, senón para recoñecerse no que outros deixaron escrito.
Suscríbete para seguir leyendo
- Dos viajeras que perdieron un avión de Madrid a Bruselas por una avería del tren en Ourense no serán indemnizadas por el coste de los billetes adicionales para llegar a Bélgica
- Mueren dos hermanos de Salvaterra en un accidente frontal en Porriño
- Un centenar de personas conforman la batida más multitudinaria para encontrar a María Pereira
- La Panificadora de Vigo creará jurisprudencia nacional
- Depredadores terrestres en alta mar: «Capturábamos incontables tiburones. Hasta el punto de destruir el ecosistema»
- Las manchas naranjas en el mar por microalgas invaden playas de Aldán y O Hío
- Solo se fabrican un máximo 5 al año totalmente a mano y en Ourense: Así es el reloj gallego más exclusivo desde hace un siglo
- Cancelado el festival de este sábado en el Museo do Mar en Vigo por «deficiencias» en la documentación entregada