Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Tribuna libre

Apoio a Neira Vilas para as Letras Galegas 2027

Só abonda con lembrar o testamento literario co que agasallou no só á lingua e cultura galegas, senón tamén á literatura universal dada a dimensión que acadou a súa obra ‘Memorias dun neno labrego’

¿Ya nos sigues?Márcanos como medio preferente
Añádenos en Google

Fundación Paco Lareo A solaina de piloño

Estimadas académicas e estimados académicos da RAG:

A Fundación Paco Lareo A Solaina de Piloño acorda por unanimidade solicitar do pleno da RAG o feito de que lle sexa dedicado o Día das Letras Galegas 2027 ao egrexio Xosé Neira Vilas, ao transcorrer xa once anos desde o seu pasamento, a tal fin achegamos os seguintes considerandos:

Que, sen dúbida, son moitos os argumentos para apoiar tal candidatura, só abonda con lembrar o testamento literario co que Neira Vilas agasallou no só á lingua e cultura galegas, senón que tamén á literatura universal, dada a dimensión que acadou a súa obra Memorias dun neno labrego e o seu personaxe Balbino, converténdose no libro máis traducido do ámbito literario galego.

Que o labor de Neira Vilas como difusor do feito literario galego vai más alá do mesmo ata o punto de ser considerado Neira Vilas como un dos máis prestixiosos abandeirados da cultura galega, a través do dinamismo exercido pola súa carismática persoa no só aquén senón alén, na Galicia da diáspora.

Que, verbo do anterior, debemos salientar a súa participación en iniciativas como a edición na Arxentina do xornal Adiante, a súa activa presenza no I Congreso da Emigración Galega, celebrado en Bos Aires en 1956; ou o labor editorial coa súa integración na empresa editora e distribuidora Follas Novas (1957). Por parte, tras a súa emigración a Cuba, hai que subliñar tamén a creación e dirección da Sección Galega do Instituto de Literatura e Lingüística da Academia de Cuba, conseguindo deste xeito reunir un dos fondos bibliográficos galegos máis ricos de América, levando a cabo un importantísimo labor de investigación e recuperación do legado galego.

Que, á parte, hai que destacar tamén o feito de ser Neira Vilas un dos pioneiros da literatura infantil en galego, tan importante para o devir futuro do noso idioma. Quen non lembra ter lido de cativo O cabaliño de buxo ou Espantallo amigo ou A marela Taravela.

Que, tras o seu definitivo regreso a Galicia en 1994, desenvolvería un intenso labor cultural e xornalístico, colaborando de xeito altruísta nas diferentes actividades culturais desenvolvidas, por caso nesta Fundación Paco Lareo A Solaina de Piloño, algo que sempre lembramos con inmensa gratitude.

Que, por todo o antedito, é para nós moi grato solicitar da RAG que o próximo Día das Letras Galegas lle sexa dedicado ao noso egrexio veciño Xosé Neira Vilas.

Atentamente, afectuosos saúdos das forxadoras e dos forxadores da Fundación Paco Lareo A Solaina de Piloño.

Tracking Pixel Contents