Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Entrevista | Manuel Barreiro Barreiro, Barri Funcionario municipal da Estrada

«O servizo público é estar para a xente, mesmo nos días máis difíciles»

Tras máis de 42 anos no Concello, repasa unha vida dedicada ao Rexistro, Cultura e Deportes

Barri dedicará esta nova etapa á familia, ao deporte e á música, da que é un verdadeiro melómano.

Barri dedicará esta nova etapa á familia, ao deporte e á música, da que é un verdadeiro melómano. / FdV

¿Ya nos sigues?Márcanos como medio preferente
Añádenos en Google
A Estrada

Despois de 42 anos e medio de servizo no Concello da Estrada, este funcionario pecha unha longa etapa profesional marcada pola atención ao público, o Rexistro municipal e máis de dúas décadas de impulso de iniciativas culturais e deportivas. Entrou en 1984, cando se traballaba con máquinas de escribir e expedientes en papel. Coñeceu sete alcaldes e desenvolveu o seu labor principalmente no Rexistro, contribuíndo tamén ás áreas de Cultura e Deportes. Apaixonado dos deportes e da música. Quen o coñeza un pouco sabe que é unha auténtica “enciclopedia musical” e que lle encantan os concertos en vivo dos que seguro, perdeu a conta. Este venres despedirase cun xantar entre compañeiros e amizades

—Como lembra os seus primeiros días no Concello?

Entrei o 2 de xaneiro de 1984. Tiña vinte e tres anos e era un auténtico pipiolo. Comparado cos funcionarios que había daquela, era dos máis novos. Todo era moi distinto xa que non había ordenadores, nin móbiles, nin fotocopiadoras. Traballabamos con máquinas de escribir mecánicas e había un teléfono por planta. Lembro chegar o primeiro día e pensar que aquilo me viña grande. A primeira lección deuma un compañeiro moi futbolero: "Hai que moverse pola banda". E creo que non a esquecín nunca.

—Antes do Rexistro encargouse das quintas.

Si, era o alistamento para o servizo militar. Había que recoller os datos dos mozos aos que lles tocaba ir á mili, tramitar prórrogas por estudos ou situación familiar e enviar toda a documentación a Pontevedra. Era un traballo delicado. Nunha ocasión chegou unha familia cunha citación para un rapaz que falecera sendo un bebé. Daquela non existían os cruces de datos actuais e aquilo marcoume moito. Desde ese día decidín non citar nunca a ninguén sen comprobar antes todos os datos.

—Tamén asumiu Cultura e Deportes. Como compatibilizou todo iso?

Pois con moitas horas e moita vontade. No Departamento de Cultura e Deportes estabamos practicamente o concelleiro e máis eu. Facía o meu traballo habitual no Rexistro e aproveitaba o tempo libre, moitas tardes e moitos fins de semana, para organizar actividades, falar cos organismos públicos, chamar á prensa, preparar carteis ou coordinar eventos. Era duro, pero gustábame.

suvilación barri a estrada

Na despedida, Barri, estivo acompañado pola concelleira Amalia Goldar. / FDV_Externas

—De que proxectos se sente máis orgulloso?

Hai moitas cousas que hoxe vemos como algo normal e que daquela comezaron a dar os primeiros pasos. En Cultura, o Premio de Novela Manuel García Barros, o Servizo Municipal de Normalización Lingüística, o Entroido, os ciclos de teatro ou o Cine na Rúa. En Deportes, as Escolas Deportivas Municipais, a Festa da Bicicleta, o reparto de subvencións aos clubs, a regulación das instalacións deportivas ou os torneos que se puxeron en marcha naquela época. Ver que moitas destas iniciativas continúan activas é unha gran satisfacción.

—Como era a programación no teatro?

O teatro non estaba preparado e tiñamos que improvisar escenarios colocando tarimas sobre as butacas. Os camerinos eran moi precarios e o sistema de iluminación parecía saído dunha película de medo. Pero por aquí pasaron compañías e actores moi importantes, e obras míticas como Río Bravo, María Soliña, Batea ou Códice Clandestino. Había moita ilusión e moitas ganas de facer cousas.

Atención ao público

—Practicamente estiveches toda a vida laboral tratando directamente coa veciñanza.

O trato coa xente é moi importante. Non todo o mundo vale para un traballo de cara ao público. Tes que ter carácter e saber separar os problemas persoais do teu traballo. Ás veces chegas cunha preocupación enorme, cunha enfermidade na familia ou despois dunha perda importante, pero tes que atender á veciñanza coa mellor actitude posible. Iso tamén é servizo público. Porque, despois de máis de catro décadas de traballo, queda unha convicción clara: detrás de cada expediente, de cada actividade e de cada trámite, sempre están as persoas.

—Como se manten esa actitude durante 42 anos?

O equilibrio deumo a familia e, sobre todo, a miña muller. Grazas a eles puiden chegar ata aquí mantendo sempre unha boa disposición. Ao final, o importante é entender que o servizo público consiste en estar para a xente.

—Que plans ten agora?

Agora quero dedicarlle máis tempo á familia, especialmente á miña neta. Gustaríame retomar algunhas afeccións ás que non puiden dedicarlles tanto tempo como facer máis deporte, viaxar, ir a concertos e continuar coa radio. Tamén seguirei escribindo sobre música e cine, algo que levo facendo desde hai anos. O importante é seguir activo e gozando do tempo doutra maneira.

Suscríbete para seguir leyendo

Tracking Pixel Contents